reloxo

reloxo

(< lat horologĭu

    1. s m

      Instrumento para medir o paso do tempo e indicar as horas e outras unidades de tempo. O fraccionamento do día e da noite baseouse orixinariamente no movemento aparente do Sol e das estrelas pola bóveda celeste, e os primeiros reloxos aproveitaron este movemento para indicar o transcurso das horas. Instrumentos astronómicos como o reloxo de sol e o astrolabio xurdiron para poder efectuar a lectura da hora indicada polo reloxo celeste mediante a observación da posición dos astros con respecto ao horizonte local. Para dispoñer da hora actualizada en calquera momento naceron os reloxos que dispoñían dun sistema ou mecanismo que tenta seguir o período do movemento aparente do Sol. Nun reloxo son importantes dúas calidades: a precisión ou exactitude e a sensibilidade ou definición. Antes do reloxo de péndulo a precisión dos reloxos mecánicos ou de auga resumíase aproximadamente nunha hora ao día e a unidade de tempo máis pequena que podía sinalar normalmente era o cuarto de hora. Co invento revolucionario do péndulo, a precisión puido aumentar ata arredor dun segundo ao día e os reloxos comezaron a medir o segundo. A electrificación dos reloxos de péndulo e a introdución de novos osciladores como o diapasón continuaron aumentando a precisión e a sensibilidade dos reloxos ata que a electrónica posibilitou o aproveitamento das calidades piezoeléctricas do cuarzo para a medida do tempo. Os primeiros reloxos destinados a conservar a hora determinada polos astros foron os de auga ou clepsidra. Coñécense desde os tempos do antigo Exipto e subsistiron ata o nacemento do reloxo mecánico arredor do ano 1.300. En 1582 Galileo descubriu unha propiedade do péndulo que provocou un cambio revolucionario na arte de medir o tempo: o isocronismo. Huygens foi o responsable da aplicación xeneralizada do péndulo á medida do tempo desde que en 1657 un reloxeiro da Haia, Simon Coster, fabricara o primeiro reloxo de péndulo seguindo as súas indicacións. Arredor de 1830 comezáronse a instalar dispositivos eléctricos para dar corda aos reloxos ou para manter directamente as oscilacións dos péndulos e dos volantes ou osciladores mecánicos de nova concepción, como o diapasón. O descubrimento en 1880 das propiedades piezoeléctricas do cuarzo permitiu que, en 1928, W. A. Morrison e J. W. Horton construísen o primeiro reloxo que utilizaba un oscilador de cristal de cuarzo. O seguinte e último gran paso na medida do tempo foi o reloxo atómico. En 1934, R. Sheibe e U. Adelsberger detectaron por primeira vez, mediante un reloxo de cuarzo, pequenas variacións na velocidade de rotación da Terra, variacións que foron confirmadas ao aparecer os reloxos atómicos. A Oficina Internacional da Hora (BIH) adecúa constantemente a hora dos reloxos atómicos, seguindo as irregularidades do xiro da Terra, para que a hora dos reloxos non se desfase do ciclo astronómico (hora tempos). En 1967, a XIII Conferencia Xeral de Pesos e Medidas decidiu adoptar unha nova definición de segundo, baseada no reloxo atómico.
      O reloxo en Galicia
      Ata a metade do s XIX construíronse en Galicia numerosos reloxos de sol, principalmente no s XVIII. Como materiais empregáronse o granito e, nas zonas de montaña, a lousa, que podía estar policromada. Labor de canteiros, foron un elemento habitual nos pazos, situados ben nos xardíns ben na fachada, pero tamén se colocaron nas torres das igrexas, nos mosteiros, sobre todo nos claustros, e nos hórreos. Coa creación dos reloxos mecánicos, a súa construción pasou a depender dos traballadores do ferro, fusionándose os traballos de forxa cos propios da reloxaría, como na obra de Guillem Bourse, que foi reloxeiro da catedral compostelá, de San Martiño Pinario e doutras igrexas e mosteiros. Dos reloxos construídos no s XVII destacan os do convento de San Francisco de Betanzos, da catedral de Lugo e o da torre da Berenguela na catedral compostelá. No s XVIII destacaron Manuel del Río (?-1766), autor de Arte de reloxes: para torre, sala i faltriquera (1759); e a familia Lombardero, de orixe asturiana e que crearon un taller de fundición onde realizaron reloxos de todo tipo, exentos ou de torre, como o da catedral de Lugo. No s XIX destacou a familia Mayer, de orixe alemá.

    2. reloxo analóxico [TECNOL]

      Reloxo en que a hora se indica mediante agullas ou outros elementos que cambian de posición dentro dun marco de referencia.

    3. reloxo astronómico [ASTRON]

      Reloxo que, ademais das unidades de tempo habituais, dispón doutros indicadores de carácter astronómico, como as fases da lúa, a posición dos astros ou a ecuación do tempo.

    4. reloxo atmosférico [TECNOL]

      Reloxo que dispón dun mecanismo que aproveita os pequenos cambios de temperatura do cuarto onde está situado, co fin de poder remontar automaticamente o seu peso ou resorte. Foi introducido polo británico James Cox no s XVIII.

    5. reloxo atómico/molecular [TECNOL]

      Reloxo constituído por un patrón atómico de frecuencia que produce oscilacións dunha frecuencia moi estable e por un dispositivo electrónico que permite contar estas oscilacións. Os patróns atómicos de frecuencia pódense clasificar en tres grandes categorías: os máser, os resonadores de chorro atómico (ou de feixe atómico) e as células de gas. Os máser son patróns activos mentres que os resonadores de chorro atómico e as células de gas son patróns pasivos, é dicir, necesitan unha excitación exterior. Uns dos reloxos atómicos máis exactos do mundo é o deseñado pola Hewlett-Packard, de Palo Alto (California) e presentado en 1992, cun atraso máximo dun segundo cada 1,6 millóns de anos.

    6. reloxo automático

      Reloxo portátil que está provisto dun mecanismo complementario que dá corda ao reloxo a partir dos movementos que efectúa o que o leva. Pódense considerar tamén reloxos automáticos os atmosféricos e os provistos de células fotoeléctricas.

    7. reloxo biolóxico / [BIOL/ECOL]

      Reloxo que se basea en que certos mecanismos biolóxicos e fisiolóxicos que posúen os animais vertebrados xeran constantemente diferentes ritmos eléctricos, algúns de frecuencia moi estable, detectables mediante un encefalograma. Algúns dos ritmos biolóxicos xerados polos seres vivos teñen relación cos movementos da Terra. Os reloxos biolóxicos determinan a entrada en actividade e a interrupción das diferentes actividades internas do ser vivo.

    8. reloxo de area

      Instrumento que consiste en dous recipientes de vidro unidos por un orificio moi pequeno. O tempo mídese segundo o tempo que tarda unha cantidade de area moi fina en pasar dun recipiente ao outro.

    9. reloxo de campanario/torre

      Reloxo de grandes dimensións que, situado en torres, campanarios ou edificios, indica a hora mediante unha ou varias esferas e, a miúdo, mediante o toque das campás,  empregándose unha campá de son agudo para indicar os cuartos e unha de son máis grave para as horas.

    10. reloxo de carillón

      Reloxo de mesa, parede ou campanario, que cada cuarto de hora fai soar unha canción breve sobre unha batería de campás. O número destas pose oscilar entre catro e doce, se ben pode haber máis.

    11. reloxo de cuarzo

      Reloxo electrónico que utiliza un oscilador de cristal de cuarzo. O núcleo é de cristal de cuarzo, ao aplicarlle unha corrente alterna vibra e, no caso dun reloxo analóxico, envía un impulso eléctrico a un motor que move as agullas, e no caso dun reloxo dixital, o circuíto integrado conta e codifica os impulsos para controlar o visualizador dixital.

    12. reloxo de cuco

      Reloxo de parede que se caracteriza pola súa decoración rústica e pola presenza dun autómata en forma de ave que aparece cos toques horarios e que emite un son de dúas frautas que imitan o canto dun cuco.

    13. reloxo de ecuación

      Reloxo que indica o tempo solar medio (a hora pola que se rexe) e o tempo solar verdadeiro (a hora dos reloxos de sol) que poden chegar a diferir entre si ao longo do ano ata uns 16 minutos.

    14. reloxo de estrelas/nocturlabio

      Instrumento que permite ver a estrela polar a través dun burato que está situado na parte central e permite medir cun brazo móbil o ángulo que forman outras estrelas coa vertical da polar. Foi empregado nos barcos durante a época dos descubrimentos.

    15. reloxo de lume

      Reloxo que se basea no tempo que tarda en consumirse unha materia combustible. Nos mosteiros medievais empregábanse cirios graduados, que máis tarde foron substituídos por lámpadas de aceite.

    16. reloxo de mercurio

      Clepsidra pola que circula mercurio en lugar de auga. O primeiro exemplo coñecido incorporaba un rudimentario sistema de timbre.

    17. reloxo de mesa

      Reloxo doméstico de dimensións medianas que adoita estar colocado sobre un moble.

    18. reloxo de parede

      Reloxo de dimensións medianas que se colga na parede.

    19. reloxo de péndulo

      Reloxo fixo en que o oscilador é un péndulo.

    20. reloxo de peto

      Reloxo portátil provisto dun elo e unha cadea para levar metido no peto e asegurado mediante a cadea a unha botoeira do traxe.

    21. reloxo de pulseira

      Reloxo portátil provisto dunha correa para levalo posto no pulso.

    22. reloxo de sol

      Reloxo que indica a hora a través da sombra producida polo Sol e un gnomon ou estilo sobre un cadrante onde están sinaladas as horas e, eventualmente, o calendario zodiacal ou mensual. Segundo a posición do cuadrante poden ser verticais ou horizontais. Cando un reloxo de sol vertical non está directamente orientado ao S dise que é declinante. Se a posición do cuadrante está entre a verticalidade e a horizontalidade dise que o reloxo é inclinado. Casos particulares de inclinación son os reloxos ecuatoriais e os polares, denominados así segundo se a inclinación do cuadrante é igual á latitude ou á colatitude xeográfica do lugar.

    23. reloxo dixital

      Reloxo en que a hora se indica numericamente.

    24. reloxo electrónico

      Reloxo en que o oscilador é un dispositivo electrónico ou que contén compoñentes electrónicos, díodos e transistores, como o reloxo de cuarzo.

    25. reloxo floral [BOT]

      Táboa das diferentes horas do día en que abren e pechan as súas flores certas plantas dunha localidade. Linneo describiu un reloxo floral con doce sectores circulares, cada un ocupado por unha especie diferente de flor, que se ían sucedendo na abertura, sinalando así a hora do día.

    26. reloxo nocturno

      Reloxo de mesa mecánico orixinario de Italia do s XVII en que unha lámpada de aceite situada no interior da caixa permitía ler a hora do reloxo ás escuras. Só quedaban iluminadas por transparencia as cifras da hora e o cuarto de hora correspondentes ao momento.

    27. reloxo somerxible

      Reloxo impermeable que pode ser introducido completamente na auga sen que a presión poida vencer as proteccións da caixa.

    28. reloxo temporizador

      Mecanismo de reloxaría utilizado para conectar e desconectar ferramentas eléctricas a unha ou varias horas programadas ou para disparar un sinal visual ou acústico a curto prazo.

    29. reloxo xeolóxico [XEOL]

      Estudo de numerosos fenómenos que permite fixar no tempo a idade de todo aquilo que viviu ou se transformou sobre a Terra.

  1. s m [TECNOL]

    Instrumento ou dispositivo de medida e de control que adoita formar parte de diversas máquinas ou instalacións, en que a indicación se realiza mediante unha ou máis agullas sobre un limbo graduado.

Frases feitas

  • Coma un reloxo 1 Moi puntual e regular. 2 De funcionamento perfecto.

  • Contra o reloxo 1 Con moita présa ou co tempo xusto. 2 Proba ciclista en que os participantes saen e compiten un a un, en intervalos regulares de tempo. SIN:: contrarreloxo.

Palabras veciñas

reloxeiro -ra | reloxería | Reloxio da Torre, O | reloxo | Reloxo | relucente | relucir