Remixio
Antropónimo masculino que procede do baixo latín Remigius. Está considerado un alcume místico latino como Remedius, nome co que se chegou a confundir, e facíase derivar de remige(m) ‘remeiro’. Parece máis probable que sexa de orixe céltica ou ben que se trate efectivamente dunha confusión con Remedium, nunha época en que era doado que oscilasen as grafías entre Remedius e Remegius; esta última forma pasaría a Remigius por influencia de Remicius, nome céltico. En todo caso, é notable sinalar a coincidencia entre Remigius ou Remegius, Remedius e remensis, adxectivo étnico de R(h)emi, nome galo da cidade de Reims, cidade da que foi arcebispo san Remixio (437?-533), apóstolo dos francos e conselleiro do Rei Clodoveo. A súa festividade celébrase o 1 de outubro.