Renacemento

Renacemento

Período histórico europeo, tradicionalmente fixado entre mediados do s XV e mediados do s XVI, en que se asistiu a un reflorecemento da civilización, das artes, dos estudos e de calquera outra actividade humana.
Significado do concepto
O concepto de Renacemento é correlativo ao de Idade Media: naceu como unha oposición que se dispuña a edificar unha nova civilización, forte e poderosa, que pretendía substituír os séculos de barbarie transcorridos desde a caída do Imperio Romano. Tratábase de establecer novamente unha ben determinada clasicidade, que imitase e tomase como modelo, para rexurdir, na historia da literatura e na arte, o concepto de época de ouro, localizada, aproximadamente, na segunda metade do s XV e na primeira metade do s XVI italianos. As etapas anteriores foron consideradas por algúns historiadores non como unha idade do Renacemento senón como o momento do humanismo, en tanto que este é unha preparación do período renacentista. Este criterio, tan fortemente arraigado na tradición, determinou a maneira de pensar de Jacob Burkhardt que en Kultur der Renaissance in Italien (1860), ofreceu unha visión de conxunto do Renacemento, que se converteu en clásica. Cómpre afondar no coñecemento dos vínculos de continuidade que existen entre o Renacemento e as etapas precedentes, así como tamén nas etapas que o seguiron, para ver ata que punto o descubrimento do home e da natureza, proclamada por Burckhardt como característica esencial do Renacemento, influíu na civilización europea a partir do s XVI. Unha sucesión de buscas, efectuadas en todos os campos polos investigadores máis diversos, desde B. Spaventa, W. Dilthey e G. Gentile ata H. Hode e G. Volpe, contribuíron non só á valoración artístico-literaria do fenómeno senón tamén á súa valoración psicolóxica e, incluso, a unha valoración substancialmente sociolóxica, segundo a ca eran evidentes os anhelos relixiosos. Isto obriga a estudar con puntos de vista totalmente novos as cuestións dos vínculos entre o rexurdir da Antigüidade clásica e o Renacemento propiamente dito. Transferidas as orixes destes a unha data bastante anterior ao cultivo da prosa latina e á febril busca de códices que efectuaron os humanistas, parece evidente que o reflorecemento do amor polos antigos foi non a causa senón o efecto da renovada vida dos italianos dos ss XIII e XVI, porque estes, no seu desexo de crearse un mundo espiritual propio, buscaban no mundo clásico uns modelos a imitar, unhas normas de vida, un programa de pensamento e acción. Examinada a cuestión desde esta perspectiva, e deixando de lado outras consideracións como a existencia dunha etapa renacentista na Francia do s XII ou noutros países, defendidas por outros historiadores, a importancia do Renacemento radicou no feito de que expresou a primeira fisura social e cultural que se produciu no tránsito da Idade Media á Idade Moderna: os vellos poderes foron destronados e, en oposición a estes, proclamouse o réxime de competencia libre baixo o imperio libre da lei natural: loitouse para afirmar unha democracia que non foi outra que a oposición aos privilexios dos poderes tradicionais da Igrexa e da nobreza e, en consecuencia, a negación dos valores en que estas dúas clases sociais fundamentaban a súa situación privilexiada; afirmouse un novo principio de selección fundado non en criterios de nacemento e tradición, senón en criterios estritamente individuais, froito dunha profunda transformación social motivada, entre outras razóns, pola aparición do diñeiro, causa primordial do apoxeo da industria que alterou profundamente a composición das diversas clases sociais.
Contexto histórico
A evolución da historia en Europa provocou nos ss XV e XVI un cambio profundo na maneira de ser e de vivir dos europeos, visible nos diferentes campos da actividade humana: a relixión, o pensamento, a política, a economía, a arte ou a literatura. O proceso iniciouse na Baixa Idade Media, sobre todo nas cidades de Italia e dos Países Baixos. A difusión da imprenta de Gutenberg a partir da metade do s XV actuou como un potente catalizador do proceso ao facilitar a propagación das ideas. A partir do s XVI produciuse un crecemento demográfico considerable e iniciouse un período de expansión económica: aráronse novas terras, aínda que a mellora da vida dos campesiños non foi xeral, pois algúns países como Alemaña, sufriron un empeoramento da súa condición, unha nova servidume; a circulación monetaria, grazas ao aumento da produción das minas de prata europeas e á chegada de ouro e prata americanos, aumentou, e o comercio, sobre todo o atlántico, tivo un novo pulo: as comunicacións tamén melloraron e os prezos experimentaron unha forte suba; a produción industrial renovouse e creouse unha industria de tipo rural, á marxe da regulamentación gremial; e comezou a ter forza unha nova clase social, a burguesía, que pronto asumiu o poder económico nun sistema capitalista incipiente, de tipo comercial. Á expansión económica contribuíron unha serie de descubrimentos xeográficos que foron posibles grazas a avances técnicos importantes, como o perfeccionamento do compás, da cartografía e das técnicas de construción naval (carabela); axudaron tamén motivos de orde económica como a necesidade de descubrir unha nova ruta de especias que suplise a tradicional, controlada polos turcos, e de obter novas fontes de metais preciosos, así como espírito de aventura. Portugal e Castela foron os precursores. Portugal non cedeu ata atopar o camiño das Indias bordeando África e en 1498 Vasco da Gama chegou a India. En Castela, Cristovo Colón descubriu América en 1492. A través do istmo de Panamá, Vasco Núñez de Balboa chegou ao Pacífico (1513) e a expedición de F. de Magalhães e J. Sebastián Elcano circunnavegou o mundo (1519-1522) e deu paso á exploración de Oceanía, iniciada por A. de Saavedra e R. López de Villalobos. Desde un punto de vista político consolidáronse as monarquías autoritarias, en que os monarcas tentaron exercer o seu poder de maneira efectiva, de acordo coas teorías de Maquiavelo. O exército e a diplomacia convertéronse en permanentes. Na primeira metade dos s XVI, en Inglaterra, superada a Guerra das Dúas Rosas (1455-1485), os Tudor, Enrique VII (1485-1509) e Enrique VIII (1509-1547) impulsaron unha monarquía autoritaria. O mesmo pasou en Francia despois da Guerra dos Cen Anos (1337-1453) cando se iniciou unha época de prosperidade con Luís XI (1461-1483), que encarnou unha monarquía forte e nacionalista, cada vez máis absoluta, sobre todo con Francisco I (1515-1547) e Enrique II (1547-1559). Na Península Ibérica, a Coroa de Castela converteuse en hexemónica. Os Reis Católicos instauraron unha monarquía autoritaria, acabaron a Reconquista e iniciaron unha política europea máis ambiciosa. Italia estaba fragmentada en numerosos estados que, aínda que presentaban unha notable puxanza económica, eran febles politicamente. Carlos V (1519-1556) tentou levar á práctica un ideal de universitas christiana, en loita coa Francia de Francisco I e os turcos, que en 1453 conquistaron Constantinopla e en 1529 ameazaron Viena. O cambio de mentalidade máis evidente produciuse no campo relixioso, onde o terreo estaba preparado polas críticas que G. Savonarola e Erasmo de Rotterdam dirixiran contra o luxo e o sistema de vida da xerarquía eclesiástica. En Alemaña Martiño Lutero iniciou a Reforma e as novas ideas estendéronse con rapidez por toda a Europa nórdica e occidental, e enfrontáronse violentamente co proxecto político de Carlos V, que non conseguiu anulalos. En Suíza, onde Zwingli a introducira, naceu unha interpretación máis radical impulsada por Xoán Calvino que se estendeu por Francia e os Países Baixos. En Inglaterra, Enrique VIII protagonizou un cisma que deu lugar á creación da Igrexa Anglicana. Como reacción, a Igrexa Católica iniciou outro movemento reformador, a Contrarreforma, que tivo ao seu defensor máis decidido na Compañía de Xesús e que cristalizou no Concilio de Trento. Este cambio de mentalidade non se limitou ao campo das ideas relixiosas senón que repercutiu en todos os ámbitos da actividade humana. Xurdiu a figura do home universal, caracterizado por unha inesgotable curiosidade científica, representada por Leonardo da Vinci. A ciencia fixo importantes avances que prepararon o terreo para a evolución posterior. Copérnico, que subverteu o sistema xeocéntrico da astronomía clásica, e os médicos Vesalio e M. Servet foron os homes máis representativos. Todo este conxunto de fenómenos abriu o mundo occidental a unhas perspectivas que configuraron unha etapa histórica, os denominados tempos modernos.
O pensamento filosófico
O pensamento filosófico do Renacemento reflectiu a gran diversidade de aspectos que caracterizou esta época. É, polo tanto, absolutamente forzoso presentalo en relación cos feitos históricos e culturais do momento. Así, paralelamente ao rexeitamento que os humanistas fixeron das formas literarias e pedagóxicas medievais para coller como modelo directamente os clásicos gregos e romanos, hai unha forte reacción fronte ao pensamento e aos métodos escolásticos (Erasmo de Rotterdam, P. de la Ramée, J. L. Vives) e, un regreso, moi matizado, das principais correntes ideolóxicas antigas: platonismo (academia neoplatónica de Florencia), aristotelismo (P. Pomponazi, A. Nifo), epicureísmo (L. Valla), escepticismo (P. Charron, M. de Montaigne) e outros. As profundas transformacións económicas, sociais e políticas que determinaron a aparición das nacionalidades e das monarquías absolutas en Europa Occidental, xunto cos diversos problemas que suscitou a colonización de América, determinaron unha ampla reflexión filosófica de tipo sociopolítico: concepcións realístico-pragmáticas (Maquiavelo, J. Bodin), utópicas (T. More, T. Campanella) ou de inspiración cristiá tradicional (F. de Vitoria, F. Suárez). Os grandes descubrimentos astronómicos, xeográficos, físicos e médicos contribuíron a que se abandonase a vella imaxe dun universo finito, centrado no home e case intocable en tanto que saído da man de Deus, para ser substituído progresivamente pola dun mundo infinito, de riqueza inesgotable e sempre aberto a unha investigación e a unha acción humanamente fecundas: concepción da natureza de tipo máxico-teosófico (Paracelso), animista (B. Telesio) ou panteísta (G. Bruno). En canto á Reforma protestante, aínda que coa súa idea pesimista do home e das posibilidades naturais da razón obstaculizou o desenvolvemento da filosofía, non deixou de contribuír ao Renacemento coa súa actitude de emancipación da autoridade eclesiástica, sobre todo ao establecer o principio de libre exame e tamén, indirectamente, ao provocar a reacción teolóxica da Contrarreforma católica, que reformulou moitos temas filosóficos conexos, que o pensamento tomista tentou solucionar a través da súa profundización.
A arte renacentista
A transformación do pensamento e da función da arte desenvolveuse en Florencia, onde Brunelleschi, Masaccio, Donatello e, especialmente Alberti, converteron a actividade artística en algo autónomo, intelectual, individualista e liberal. A sociedade, interesada en coñecer obxectivamente a realidade, a historia e, particularmente, o home, declarou a través da arte o seu protagonismo e a súa concepción da vida, a beleza, a relixión, a virtude e a razón. Esta sociedade demandou novas temáticas e xunto aos temas relixiosos cultiváronse os mitolóxicos, os alegóricos, os históricos e os retratos. As fórmulas fiticias do gótico de influencia bizantina e a poética relixiosidade franciscana foron suprimidas e substituídas polo equilibrio e a serenidade mediante a reconquista da forma e da volumetría clásicas. Recuperouse o emprego das ordes clásicas, especialmente a corintia, da bóveda e da cúpula, e das plantas centralizadas. A pintura e a escultura deixaron de estar subordinadas á arquitectura e as obras acadaron independencia propia. Pico della Mirandola situou o home no centro da existencia (Oratio de hominis dignitate, 1486) e o neoplatonismo florentino introduciu o sentido da autencidade e a precisión das proporcións. Brunelleschi introduciu a perspectiva xeométrica, despois da reflexión sobre a métrica románica e gótica (Zevi, Benevolo), e teorizouna Alberti (De Pitura), segundo a ríxida concepción matemática do signo pitágorico. Por outra banda, a formulación da perspectiva redundou na teoría das proporcións ou relación das partes co todo. A composición baseouse nos esquemas xeométricos elementais e buscouse o equilibrio e a simetría. A imitación da natureza e da realidade tamén se reflectiu no emprego da luz e da cor. As técnicas foron variadas, e xunto ao fresco, realizáronse pinturas sobre táboa e sobre lenzo e en Flandres introduciuse o óleo. Artisticamente adóitase dividir o Renacemento, o italiano fundamentalmente, en dous períodos: o Catrocentos (s XV) e o Cincocentos (s XVI), co manierismo como período de transición ao Barroco. O período comprendido entre 1500 e 1520 recibe tamén o nome de Renacemento Pleno, Alto Renacemento ou Renacemento Clásico. Mentres o s XV tivo como centro artístico Florencia, o s XVI tivo como foco principal Roma, onde os papas iniciaron a construción de San Pedro do Vaticano. No s XVI acadouse o cumio do Renacemento coa obra de Leonardo da Vinci, Michelangelo Buonarroti e Raffaello Sanzio. A segunda metade do s XVI supuxo a superación das formas renacentistas e o inicio do tránsito ao Barroco coa obra de Vignola e Andrea Palladio na arquitectura; Parmiggianino, Giorgone, Tiziano, Veronese e Tintoretto na pintura; e Benvenuto Cellini e Giovanni Bologna na escultura. Fóra de Italia destacou a pintura flamenga, coa obra do Bosco e Pieter Brueghel o Vello, e a pintura alemá con Albert Dürer, Lucas Kronach e Hans Holbein. En España as primeiras formas renacentistas conviviron co gótico e durante a primeira metade do s XVI continuou a desenvolverse o plateresco (universidades de Salamanca e Alcalá de Henares). O purismo arquitectónico acadouse nos anos centrais do s XVI, durante o reinado de Carlos I (Palacio de Carlos V na Alhambra). Na época de Filipe II desenvolveuse o estilo herreriano coa construción de El Escorial. A pintura e a escultura renacentista foron fundamentalmente relixiosas. Na pintura mantivéronse as formas flamengas durante o primeiro terzo do s XVI (Pedro Berruguete). O clasicismo rafaelesco reflectiuse na obra de Luis de Morales, mentres que a construción de El Escorial atraeu a artistas foráneos que cultivaron novas temáticas como o retrato (Sánchez Coello). O gran pintor do s XVI español foi El Greco.
Arte renacentista galega
As formas renacentistas conviviron en Galicia coas formas góticas durante boa parte da primeira metade do s XVI. Santiago de Compostela continuou desempeñando un importante papel na vida política e cultural de Galicia e o poder civil, os Reis Católicos, e o relixioso, os arcebispos, realizaron novas obras xa que baixo o patrocinio dos Reis Católicos edificouse o Hospital Real, proxectado por Enrique Egas, e pola súa parte, a igrexa compostelá acometeu diversas obras na catedral e nas súas posesións. O arcebispo Alonso III de Fonseca promoveu a construción dun novo claustro catedralicio e do colexio de Santiago Alfeo (colexio de Fonseca), onde traballou Alonso de Covarrubias. Fóra de Compostela cómpre destacar as obras dos mosteiros cistercienses de Oseira e Monfero, e a construción de Santa María a Grande de Pontevedra. O purismo arquitectónico acadouse na segunda metade do s XVI. Destacaron Rodrigo Gil de Hontañón, quen pechou o claustro da catedral, a fachada do Tesouro e realizou os claustros do colexio de Fonseca e os dianteiros do Hospital Real; e Juan de Herrera, autor da sancristía do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Dos anos finais do s XVI destaca a igrexa de San Martiño Pinario, trazada por Mateo López, o colexio de San Clemente, de Ginés Martínez, e fóra de Santiago o colexio de Nosa Señora a Antiga de Monforte de Lemos, do estilo de El Escorial. A pintura do s XVI foi fundamentalmente mural, que nun principio bebeu da tradición hispanoflamenga. As catedrais, mosteiros e igrexas foron os principais clientes. Xunto a ela desenvolveuse unha pintura sobre táboa destinada á decoración dos retablos. A primeira obra que se pode cualificar como renacentista é a decoración da gran sala do palacio de Alonso III de Fonseca, proxectada por Francisco López (1520). A nova estética foise adaptando a partir do segundo terzo do s XVI coa obra dos mestres de Parga (Santo Estevo de Parga e Santo Estevo de Paderne), o segundo mestre de Cuíña (San Nicolao de Cis), o mestre de Paderne (Santo Estevo de Paderne e Santa María de Ferreira de Pallares), o de Fornás (Santalla de Adá e San Cristovo de Fornás) e o mestre de Sixto (San Xoán de Sixto, Santa María de Dozón, Santa María de Augasantas e Santa María de Cobelas). O manierismo representárono o aragonés Juan Bautista Celma e o mestre de Banga, quen introduciu en Santalla de Banga un programa neoplatónico. A escultura do s XVI foi fundamentalmente relixiosa. A introdución das formas renacentistas, que a comezos do século conviviron coas hispanoflamengas, foron realizadas por artistas de fóra de Galicia, como Martín de Blas e Guillem Colás, creadores da portada do Hospital Real de Santiago, Nicolás de Chaterenne, autor da decoración escultórica da capela do Hospital Real, o mestre Arnao, autor da decoración escultórica da capela do Salvador, con J. de Álava, e do retablo da capela de San Bertomeu da catedral compostelá, e Cornielles de Holanda, quen realizou a fachada occidental de Santa María a Grande de Pontevedra e que exerceu a súa influencia ata os anos centrais do s XVI. A influencia de Juan de Juni deixouse ver no denominado mestre de Sobrado, que traballou no mosteiro homónimo. Nesta mesma estética destacaron Juan de Angés o Novo, Juan Davila e Gregorio Español. A introdución do manierismo foi obra de Juan Bautista Celma, que chegou a Galicia para realizar os púlpitos da catedral compostelá. Nos últimos anos do s XVI destacaron Mateo López, autor da fachada de San Martiño Pinario, e o portugués Alonso Martínez.
A literatura renacentista
Cómpre considerar o Renacemento non só como un redescubrimento dos ideais clásicos senón como unha nova maneira de ver a Antigüidade, de interpretar a obra literaria ou artística que é agora fermosa e así mesmo fonte de admiración e pracer, aspectos negados na mentalidade medieval. O papel do humanismo chegou a ser fundamental, como tamén o foi a influencia que Petrarca e Bocaccio exerceron non só na mesma Italia, senón tamén no resto de Europa. O petrarquismo e a concepción neoplatónica do amor, á que contribuíron sobre todo M. Ficino, L. Hebreu, B. de Castiglione e P. Bembo, constituíron as dúas correntes alimentadoras principais da nova literatura, especialmente da poesía, ao que se engadiu a Arcadia de I. Sannazaro, que influíu basicamente na literatura pastoral en Europa. Non se pode esquecer a influencia de Erasmo, notable en Europa nos aspectos relixiosos e filolóxicos, en obras clave como Il Cortegiano de B. de Castiglione e Il Principe de Maquiavelo, que reflectiron mellor os ideais do novo home renacentista e o seu contorno social, político, filosófico e estético. Acadada a plenitude da lingua vulgar coa defensa definitiva de P. Bembo (Prose della volgar lingua, 1525), o petrarquismo italiano tivo cultivadores importantes como o mesmo Bembo, L. Tansillo, B. Tasso e Ariosto, aínda que a obra renacentista por excelencia é o poema épico deste último, o Orlando Furioso. A narrativa italiana contou coas figuras de M. Bandello e o teatro co humanista A. Poliziano, G. Rucellai, P. Aretino, e incluso Ruzzante e Maquiavelo coa Mandragola. Para pechar o período renacentista destaca a figura de T. Tasso, poeta lírico e cabaleiresco, autor da Gerusalemme liberata e do drama pastoral Aminta, de tanta influencia posterior. O Renacemento italiano influíu poderosamente no resto de Europa. Na literatura castelá, e despois dunha brillante etapa humanista, esta continuou coa obra de Nebrija e a Biblia Políglota de Alcalá, con eruditos da talla de Pinciano, M. Cano, F. Suárez, B. Arias Montano, o Broncense e outros. A influencia de Erasmo, particularmente forte na Península Ibérica durante a época de Carlos I, trasladouse á obra dos irmáns Alfonso e Juan de Valdés, este último autor de Diálogo de la lengua. En canto á poesía, a introdución das formas italianas, así como a das correntes petrarquista e neoplatónica, debeuse a J. Boscán e sobre todo a Garcilaso de la Vega, que influíu en case toda a poesía posterior: Cetina, D. Hurtado de Mendoza e outros. A novela deste período ofrece a proliferación das obras de cabalarías (continuación do Amadís de Gaula e de diversos Palmerín) e a aparición do xénero picaresco co Lazarillo de Tormes. Á segunda metade do século, época de Filipe II, pertencen Luis de León, F. de Herrera, F. de Aldana, F. de Figuera, L. Barahona de Soto, B. del Alcázar. Unha mención especial merecen a ascética, con Luis de Granada, e a mística, con santa Tareixa de Xesús e san Xoán da Cruz. En prosa destacaron a novela pastoral, sobre todo con Los siete libros de Diana de J. de Montemor, e outros xéneros. No teatro sobresaíron o último Juan de la Encina, B. de Torres Naharro, Gil Vicente, portugués bilingüe, Lope de Rueda e Juan de la Cueva. Para pechar este período cómpre citar a Miguel de Cervantes, a excepcional figura que participou aínda plenamente no grupo renacentista e coñeceu xa a nova época barroca. En Portugal, o bilingüe F. Sã de Miranda foi o introdutor da nova poesía italiana, sobre todo a partir de Garcilaso; L. de Camões, con Os Lusíadas, foi o mellor poeta da época, como tamén B. Ribeiro foi o prosista máis destacado. No teatro destaca a produción en lingua portuguesa de Gil Vicente e as traxedias de estilo clásico de A. Ferreira. En Francia, o Renacemento estivo favorecido pola creación do Collège de France (1530) por Francisco I. Na prosa destacou Rabelais coas súas obras Gargantúa e Pantagruel e M. de Angulema. O petrarquismo inspirou ao grupo de La Pléiade, con poetas como P. Ronsard, J. du Bellay ou J. A. du Baïf. Tamén en Francia chegou o espírito renacentista da defensa da lingua vulgar, que plasmou Du Bellay en Défense et Illustration de la langue française. Finalmente destacou M. de Montaigne. O Renacemento foi máis tardío e menos radical en Inglaterra. Deixando á parte a humanistas como T. More, a literatura ofreceu poetas como T. Wyat, introdutor do soneto italiano, e H. Howard. O período máis brillante está representado polos prosistas J. Lyly, P. Sidney e E. Spencer, e sobre todo por autores teatrais, como C. Marlowe e a figura vangardista de W. Shakespeare, sen esquecer outros autores do teatro isabelino como Ben Jonson, T. Dekker, T. Middleton e J. Fletcher. En Alemaña o Renacemento viuse determinado pola Reforma, movemento ao que se dedicaron totalmente os humanistas, como U. von Hutten e outros. Lutero emprendeu a tradución ao alemán da Biblia. No drama destacou Hans Sachs e na narrativa J. Fischard e J. Wickram. En Galicia, de forma paralela á perda de poder dos nobres galegos, produciuse unha paréntese no cultivo da literatura galega que se arrastrou ata principios do s XIX, e que foi coñecida como Séculos Escuros. Xa que logo, o Renacemento en Galicia tivo un mínimo e escaso impacto, pois o castelán representou non só o seu papel como lingua oficial da administración e da nobreza, senón que invadiu a parte literaria que anteriormente ocupara a lírica galego-portuguesa. O afastamento político de Portugal e Castela tamén contribuíu a que o galego, como lingua literaria, quedase nunha situación de indefinición e indeterminación. Con todo, nestes séculos de escuridade continuou a elaborarse unha poesía oral e popular que recollía diversos aspectos da vida dos galegos, aínda que neste capítulo non se pode falar de influencias renacentistas. Onde si se poden localizar trazos renacentistas é no traballo realizado polo humanista e mecenas italiano Angelo Colocci para recompilar as composicións galego-portuguesas en dous macrotextos, coñecidos como Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e Cancioneiro da Vaticana (V), ademais da Tavola Colocciana (C) e outros traballos semellantes, que resultaron vitais para a conservación destes textos. En canto ás mostras da influencia do Renacemento na literatura galega, hai contadas achegas, como o Soneto de Monterrei (1530-1540), anónimo, aínda que foi atribuído durante certo tempo a Luis de Camões; e o soneto escrito pola condesa de Altamira Isabel de Castro Andrade dedicado a Alonso de Ercilla, que este incluíu na terceira parte da súa Araucana (1597).
A música renacentista
A música evolucionou máis lentamente ca as artes plásticas, polo que existe un desfase cronolóxico entre o Renacemento literario e artístico, e o musical. Este, ademais, desenvolveuse con moita máis forza en Francia e Flandres ca en Italia, onde se limitou a recibir a súa influencia. Ata ben entrado o s XVI non se desenvolveu en Italia unha vida musical independente da dos madrigalistas, con Gesualdo de Venosa, a música relixiosa de Palestrina e a escola veneciana de Giovanni Gabrielli e os seus seguidores. A finais do s XVI a Camerata Fiorentina, ao intentar poñer en práctica o ideal renacentistas do teatro grego, creou un novo xénero: a ópera, en que destacou o último gran compositor renacentista italiano, Claudio Monteverdi. Coa aparición das grandes cortes europeas, a música adquiriu unha nova dimensión en Inglaterra, especialmente durante os reinados de Enrique VIII e Isabel I (música relixiosa, madrigais). Tamén en Castela a época renacentista supuxo un desenvolvemento da polifonía, especialmente con Cristóbal de Morales e Tomás Luis de Victoria, así como da música de teclado. Durante o período do Renacemento só hai constancia en Galicia da aparición, cada vez máis frecuente, de gaiteiros que interpretaban música de carácter popular. A eles cómpre sumar, como aconteceu na literatura, aquelas cancións, tamén de corte popular, que o pobo transmitiu ao longo dos anos e que en ocasións se plasmaban en documentos escritos. A isto cómpre sumar o labor dos organistas e dos coros que intepretaban música relixiosa nas catedrais e igrexas galegas. Xa que logo, a música culta profana de carácter renacentista sufriu os mesmos avatares ca a literatura, viviu os seus propios Séculos Escuros, motivado, entre outras cousas, pola perda de poder da nobreza galega -a que podería manter e fomentar este tipo de música- fronte á foránea.