Renania do Norte-Westfalia
Land de Alemaña que se estende desde a conca do Münster ao N ata a vertente setentrional do macizo xistoso Renano ao S, e desde o Weser ao L ata a fronteira belga-holandesa ao O (34.081 km2; 18.080.000 h [2003]). A súa capital é Düsseldorf. O eixo aglutinador que conforma todo o land é o val do Rin, arteria vital da rexión. É o land máis poboado de Alemaña e a súa poboación duplicouse desde comezos do s XX, grazas á inmigración atraída pola grande expansión industrial. A súa agricultura é moi importante e produce rendementos elevados. A extracción de ferro no s XIX creou unha siderurxia que, grazas á abundancia de carbón, deu lugar á maior concentración industrial europea, que tamén se viu favorecida pola presenza da vía navegable do Rin.