reprodución
(< reproducir)
-
s
f
Acción e efecto de reproducir ou reproducirse.
-
s
f
-
Cousa que reproduce outra.
-
[ARTE]
Obxecto que reflicte ou está conformado como outro obxecto artístico tido por orixinal, para utilizalo en maior ou menor grao como intermediario para a documentación, coñecemento ou fruición dos valores históricos, culturais, estéticos ou funcionais do obxecto orixinal. Comprende a copia fiel de imaxes sagradas, a repetición de escenas ou motivos na Antigüidade e no mundo medieval, a fabricación de copias nos talleres renacentistas, a difusión do gravado, ou os revivals, e a produción industrial.
-
-
s
f
[BIOL]
-
Proceso polo que os seres vivos aseguran a aparición de elementos ou individuos novos ou idénticos aos seus proxenitores. Constitúe un fenómeno que se manifesta en varios niveis. A nivel molecular tradúcese na duplicación do ADN. A nivel celular relaciónase co crecemento da célula, que cando acada un tamaño concreto comeza a súa división. Nos organismos unicelulares a capacidade de reprodución dunha célula representa a produción dun novo individuo. Nos organismos pluricelulares aparece a sexualidade, a diferenciación sexual e a fecundación mediante dous gametos, que é a forma máis normal de reprodución. A reprodución sexual supón unha diversificación, xa que o organismo que resulta é unha mestura dos carácteres dos dous proxenitores. Se ben a reprodución sexual é característica dunha evolución avanzada, moitos organismos pluricelulares non perderon a asexual. Das modalidades de reprodución asexual destacan a xemación, a esquizoxénese, a esporoparidade e a partenoxénese. Na reprodución sexual, que predomina en animais de ramas superiores, o aparato reprodutor consta de dúas gónadas, uns condutos e, nos animais de fecundación interna, uns órganos copuladores masculinos que permiten introducir os gametos masculinos dentro do aparato reprodutor feminino. Así, nos animais de fecundación interna existen as vesículas seminais, que segregan o esperma ou seme, que permite transportar os espermatozoides ata onde se atopa o óvulo, á vez que lles proporciona humidade e substancias nutritivas. Moitos animais de fecundación interna non teñen propiamente órganos copuladores e por iso teñen que evaxinar a cloaca e introducila dentro da cloaca feminina. Tanto nos de fecundación interna coma nos de externa pode haber estruturas accesorias destinadas a excitar a femia e provocar a ovulación. Nos animais con desenvolvemento embrionario dentro do aparato reprodutor feminino, animais vivíparos, existe o útero ou matriz, que acolle o embrión, e a placenta, a través da que se produce o intercambio de substancias entre a nai e o embrión. Nos animais ovíparos ou ovovivíparos os ovidutos presentan no seu traxecto unhas glándulas nas que se produce o vitelo, reserva nutritiva que asegura a nutrición do embrión durante o seu desenvolvemento. A reprodución de gametos mediante as gónadas é controlada por factores hormonais e pode obedecer ao desencadeamento de determinados factores externos ou ben a ritmos internos de cronicidade exacta. A unión dos gametos recibe o nome de fecundación, e pode suceder que nalgunhas especies de ramas inferiores os gametos que se unan sexan ambos os dous iguais e móbiles, polo que non hai sexo (isogamia). A maior parte das especies presentan anisogamia. Os dous tipos de gónadas poden atoparse nun mesmo individuo, individuo hermafrodita, ou ben en individuos diferentes, individuo unisexual. Os animais hermafroditas non poden autofecundarse, posto que os dous tipos de gónadas maduran en épocas diferentes da vida do animal, e así hai animais proterándricos e proteróxinos. Dentro dos animais unisexuais, hainos dimorfos e sen dimorfismo sexual. Despois da fecundación ten lugar o desenvolvemento embrionario, que pode ser ovíparo, ovovivíparo e vivíparo, segundo o lugar onde dea e segundo a forma de nutrición do embrión. Algúns animais ovíparos con moi pouca cantidade de vitelo arredor do embrión saen do ovo en estado larvario e teñen que sufrir un proceso de metamorfose co que acadan definitivamente o estado adulto.
-
Renovación dunha parte orgánica destruída.
-
-
s
f
[TECNOL]
Operación contraria á gravación pola que se reconstitúe a información primitiva. No caso da reprodución do son, obtéñense as ondas sonoras compoñentes da información almacenada nun disco, unha fita magnética ou unha película cinematográfica. Os equipos empregados constan de varios elementos ou aparatos: o dispositivo de lectura, o amplificador, co preamplificador e os altofalantes (dispostos a miúdo en caixas acústicas) ou auriculares.
-
s
f
[ECON]
Proceso que permite, dadas unhas determinadas condicións económicas, sociais e técnicas, a produción específica e o mantemento do modo de produción en que estas teñen lugar. Introducido polo marxismo, parte da consideración das condicións materiais que fan posible o autosostemento dun determinado modo de produción, é dicir, o proceso que consiste en converter constantemente unha parte dos produtos creados en novos mediante a produción. A reprodución simple dáse nun sistema produtivo que conserva indefinidamente as mesmas dimensións e a mesma composición interna, é dicir, que os novos medios de produción xerados só conseguen substituír o capital que se vai consumindo. A reprodución ampliada pecha o proceso de acumulación, e por iso os novos medios de produción xerados son máis grandes, o que non sería necesario para substituír o capital fixo consumido.
-
taxas de reprodución
[DEMOG]
Método demográfico que permite medir dunha forma clara e operativa o número dos nacementos. O futuro dunha poboación depende do número de mulleres fértiles e do seu comportamento cara á procreación. A medida máis efectiva da fecundidade en previsión ao futuro é o cálculo das probabilidades de relevo xeneracional das mulleres en idade fértil (15-49 anos) dunha poboación estudada. O método parte do cálculo das taxas de fecundidade por idades nun momento dado, en tanto por un. A suma destas considérase a probabilidade de procreación per cápita das mulleres da poboación mencionada durante un certo período de tempo. Multiplicando a probalidade de reprodución (número de fillos por muller) por 0,488 (estatisticamente de cada 100 nacidos, 48,8 son nenas) obtense a taxa bruta de reprodución. Esta taxa non garante que as substitutas nacidas acaden unha idade fecunda, xa que isto depende das taxas de supervivencia da poboación feminina en cuestión. En consecuencia, para ter garantías de que a reprodución será ou non efectiva hai que ponderar a taxa bruta coa probabilidade de supervivencia aos 28 anos de idade para obter así a taxa de reprodución neta. Se a taxa neta é superior a 1, o relevo xeneracional está garantido. As poboacións preindustriais tiñan taxas brutas moi altas, pero as netas eran relativamente baixas a causa das febles taxas de supervivencia. As poboacións desenvolvidas actuais teñen taxas netas similares ás preindustriais, malia a que as brutas son moi baixas, grazas á longa esperanza de vida.