República Española, Segunda

República Española, Segunda

Período da historia de España que comezou o 14 de abril de 1931, coa proclamación da República, e rematou o 1 de abril de 1939, cando finalizou a Guerra Civil Española coa vitoria de Francisco Franco. Distínguense dous períodos: o primeiro, iniciado o 14 de abril de 1931, e o segundo, que corresponde á Guerra Civil Española, entre o 18 de xullo de 1936 e o 1 de abril de 1939. A Constitución, aprobada o 9 de decembro de 1931, configurou unha república cun goberno nomeado polo presidente pero que podía ser rexeitado pola cámara de deputados. Separaba Igrexa e Estado e aceptaba as autonomías rexionais. De feito outorgáronse os estatutos de autonomía a Catalunya (1932) e Euskadi (1936). O goberno provisional e o de Manuel Azaña realizaron numerosas e importantes reformas: melloras laborais, reforma técnica do exército, lei do divorcio, construción e dotación de escolas, inicios da reforma agraria e outras, pero foi combatido pola dereita e non recibiu o soporte necesario por parte das forzas obreiras. A esquerda e os socialistas gobernaron desde o 14 de abril de 1931 ata novembro de 1933, cando unha coalición dos republicanos radicais de Alejandro Lerroux coa CEDA gañou as eleccións ás Cortes. En outubro de 1934, produciuse a revolta dos mineiros asturianos e a da Generalitat de Catalunya contra o goberno central pero fracasaron. O denominado Bienio Negro acabou co triunfo do Frente Popular nas eleccións do 16 de febreiro de 1936. O goberno que xurdiu destas eleccións viuse privado do apoio dos socialistas, e a oposición de dereitas aceptaba, case na súa totalidade, que un alzamento militar garantía o futuro. Durante a Guerra Civil (1936-1939) a República foi gobernada polos sindicalistas (gobernou Largo Caballero ata maio de 1937), despois polos comunistas e socialistas, e finalmente por posicións comunistas (goberno Negrín). Foron presidentes da Segunda República Niceto Alcalá Zamora (1931-1936), Diego Martínez Barrio, de xeito interino (1936), e Manuel Azaña (1936-1939). Tras a guerra o goberno no exilio estableceuse en México. En Galicia, tamén saíron vitoriosos os partidos de esquerdas nas eleccións do 12 de abril de 1931 e elixíronse alcaldes republicanos na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. A Segunda República Española supuxo para Galicia a aprobación do Estatuto de Autonomía. O 4 de xuño de 1931 a Federación Republicana Gallega (FRG) convocou na Coruña unha Asemblea pro-Estatuto na que participaron diversas organizacións. Nunha nova reunión celebrada en Madrid aprobouse un texto que definiu a Galicia como rexión autónoma. Despois da aprobación da Constitución de 1931, o concello de Santiago de Compostela convocou aos representantes dos concellos, das asociacións culturais e económicas e aos deputados galegos nas Cortes. Desta reunión saíu o texto do Estatuto, aprobado pola Asemblea de Municipios celebrada en Santiago en decembro de 1932. Ao ano seguinte pediuse ao goberno central a celebración dunha votación popular pero o goberno atrasou a súa aprobación. Co triunfo en febreiro de 1936 da Frente Popular o referendo puido realizarse o 28 de xuño de 1936. Aprobado o texto, comezou a súa tramitación nas Cortes onde se presentou tres días antes do comezo da Guerra Civil, feito que provocou que as Cortes non o tratasen ata a súa reunión do 1 de febreiro de 1938 en Montserrat (Barcelona). A súa aprobación produciuse no exilio nas Cortes celebradas en México en 1945 pero nunca entrou en vigor.