Resistencia
Movemento de oposición que se produciu nos países europeos ocupados polas tropas do Terceiro Reich durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945). A resistencia pacífica coexistiu con formas de acción directa, como as sabotaxes industriais ou os atentados contra as forzas de ocupación e colaboracionistas. A intensidade da loita violenta foi aumentando ao longo do conflito, sobre todo en Europa Oriental, en Francia e, tras a caída de B. Mussolini, en Italia. En cambio, nos países ocupados de Europa Occidental (Bélxica, Países Baixos, Dinamarca e Noruega), as formas de loita non violentas foron preponderantes. A Resistencia francesa, os maquis, organizouse na zona ocupada polos alemáns e, máis tarde, na zona controlada polo goberno de Vichy. Baixo o pulo de Charles de Gaulle e do seu representante no interior Jean Moulin, constituíuse o Conseil National de Résistance (1943) e creáronse as Forces Françaises de l’Intérieur (FFI), en 1944.