resonancia

resonancia

(

  1. s f
    1. [FÍS]

      Fenómeno polo que un corpo elástico entra en vibración ao ter contacto con outro corpo vibrante dentro duns límites de adecuación frecuencial. Ao producirse esta harmonía, o primeiro corpo aumenta, ou pode aumentar, a amplitude das vibracións e compórtase como un resoador.

    2. [FÍS]

      Fenómeno físico que consiste nun intercambio óptimo de enerxía entre dúas variables periódicas que teñen a mesma frecuencia.

    3. [TECNOL]

      Fenómeno que consiste na coincidencia entre o período dunha oscilación libre e dunha forzada que adquire a máxima amplitude de oscilación cando se dá resonancia. Son especialmente importantes a resonancia de tensión e a resonancia de corrente.

  2. s f

    Capacidade dun instrumento ou dun local para aumentar ou prolongar un son.

  3. s f [MÚS]

    Conxunto de sons complementarios que produce o son dunha nota, nun instrumento musical, ao vibrar, baixo a influencia da primeira vibración causada pola nota, os corpos próximos por simpatía. Este fenómeno emprégase para amplificar a sonoridade dos instrumentos coa caixa de resonancia.

  4. s f

    Difusión que adquire un feito ou unha noticia polo seu interese ou relevancia.

  5. [QUÍM]
    1. s f

      Característica que teñen algunhas substancias de presentar mesomería.

    2. enerxía de resonancia

      Diferenza entre a enerxía de formación teórica e a enerxía de formación real dun composto resoante.

    3. híbrido de resonancia

      Conxunto que presenta mesomería.

  6. integral de resonancia [QUÍM/FÍS]

    Integral que se emprega no estudo mecanicocuántico da estrutura molecular, que está definida por:


    FORMULA
    sendo ϕ 1 e ϕ 2 dous orbitais atómicos diferentes, e H o hamiltoniano do sistema.

  7. resonancia de spin electrónico/paramagnética electrónica [QUÍM/FÍS]

    Técnica analítica, de fundamento análogo ao da resonancia magnética nuclear, que se aplica unicamente a substancias paramagnéticas, que teñen electróns desemparellados. Baséase nas variacións das poboacións dos diversos niveis enerxéticos debidos ao momento magnético electrónico, cando a substancia, disposta nun campo magnético de intensidade constante, é sometida a unha irradiación de frecuencia apropiada (radiofrecuencia-microonda). É aplicada fundamentalmente aos campos dos semicondutores, dos complexos dos metais de transición, dos radicais libres e dos ións-radicais que teñen unha vida media superior a 10 -6 s, o que permite a investigación de moitas cinéticas de reacción.

  8. resonancia magnética nuclear [QUÍM/MED]

    Técnica que se utiliza en imaxinaría electrónica con finalidade diagnóstica e na análise química. Baséase na transición entre os diversos niveis enerxéticos que se orixinan cando se sitúa un núcleo con spin nuclear non nulo nun campo magnético uniforme e intenso, provocada pola absorción dunha radiación de frecuencia apropiada. En medicina emprégase para obter imaxes de síntese de certas zonas do corpo humano onde se sospeita da presenza de certos tipos de tecidos que, como os tumorais e outros, son transparentes aos raios X, pero que, ao seren máis ricos en auga e en átomos de hidróxeno ca os tecidos contidos, poden ser evidenciados coa RMN. A RMN converteuse nun estudo de primeira orde na diagnose da patoloxía do sistema nervioso (é considerada xa un procedemento de primeira elección para o estudo da patoloxía da medula espiñal e da columna vertebral, e tamén para a localización, delimitación e diferenciación dos tumores intracraniais) e do sistema músculo-esquelético, e cada vez ten máis aplicacións noutras rexións corporais. Na análise química utilízanse os espectrómetros de RMN cos que se pode obter información dos diferentes núcleos do mesmo tipo presentes nunha molécula, como tamén da estrutura fina do espectro. A RMN serviu tamén para o estudo de procesos dinámicos como as cinéticas de reacción ou os equilibrios tautoméricos, facendo uso en moitos casos da posibilidade de rexistrar espectros a distintas temperaturas. Igualmente, problemas estereoquímicos, e en particular de análise conformacional, puideron ser estudados por RMN. Técnicas baseadas na transformación de Fourier permitiron o desenvolvemento da RMN de 13 C, que constitúe o complemento da de protón. Outras aplicacións da RMN son as derivadas do estudo do efecto Overhauser, a resonancia magnética cuadripolar ou o estudo de mapas protónicos de sólidos.

Palabras veciñas

resolvente | resolver | resón | resonancia | resoquina | resorber | resorcina