responsabilidade

responsabilidade

(

  1. s f

    Calidade de responsable.

  2. s f

    Obriga moral de aceptar ou responder ás consecuencias dos actos ou feitos propios ou alleos.

  3. [DER]
    1. s f

      Capacidade que ten todo suxeito activo de dereito de coñecer e de aceptar as consecuencias dun acto propio consciente e libre.

    2. responsabilidade administrativa

      Obriga que a Administración Pública ten de indemnizar a quen, por culpa dela, lle foron lesionados os seus dereitos e de demandar contas ás autoridades, funcionarios e outros axentes sobre o exercicio dos seus cargos.

    3. responsabilidade contractual

      Responsabilidade civil do debedor que non pode ou non quere cumprir a súa previa obriga e que queda a cumprila en virtude dun contrato.

    4. responsabilidade extracontractual

      Responsabilidade civil que xorde de todo dano, culposo ou non, con independencia de calquera contrato. Tamén se é responsable de actos doutras persoas (o pai, dos do seu fillo menor de idade), dos animais propios e dos danos que poidan causar a terceiros, e dos obxectos e dos danos que se poidan dar pola súa causa.

    5. responsabilidade ministerial

      Capacidade que, en réximes democráticos, teñen as cámaras lexislativas de esixir aos membros do poder executivo a responsabilidade dos seus actos. Fálase de confianza parlamentaria como da condición de que deben gozar os gobernos correspondentes para permaneceren no poder.

    6. responsabilidade ministerial

      Responsabilidade propia e exclusiva dun ministro ou membro do goberno, garantida como tal mediante a súa sinatura, con relación aos decretos e ás disposicións que esta acompaña, que exime de responsabilidade ao xefe de estado e aos outros membros do goberno. Os monarcas, ás veces, están exentos da responsabilidade perante o parlamento.

    7. responsabilidade obxectiva

      Responsabilidade civil orixinada polo dano non culposo ocasionado por un obxecto e que obriga ao seu propietario ou a quen goza do dominio a reparar o dano ou o prexuízo ocasionado, agás no suposto de culpa exclusiva da vítima ou do prexudicado.

    8. responsabilidade penal

      Responsabilidade xurídica en virtude da cal se está afectado polos efectos legais derivados da comisión, dolosa (intencionada) ou culposa (imprudencia ou neglixencia), dun delito. Para ser criminalmente responsable cómpre que sexa demostrada a existencia dunha acción humana e que o resultado se atope tipificado legalmente e que sexa antixurídico. Comprobada a responsabilidade penal do suxeito, frecuentemente vinculada ás condicións obxectivas de punibilidade, e de non concorrer ningunha escusa absolutoria, ha de imporse unha pena, á que se lle engade a obriga de reparar o dano causado ou responsabilidade civil.

    9. responsabilidade política

      Tipo de responsabilidade de determinados órganos políticos que non se basea en parámetros predeterminados polo dereito, senón en libres apreciacións políticas por parte do órgano encargado de esixir tal responsabilidade. En España, segundo a Lei de Responsabilidades Políticas, aprobada o 9 de febreiro de 1939, eran declarados criminais, e sancionados con penas severísimas, todos os que contribuíron a crear ou agravar “a subversión de toda orde da que se fixo vítima España” entre o 1 de outubro de 1934 e o 18 de xullo de 1936. Foi derrogada en 1946.

    10. responsabilidade xurídica

      Obriga que se ten de responder dos danos ou prexuízos consecuentes dos actos propios ou doutro. En virtude da diferente intensidade destes danos ou prexuízos distínguese entre responsabilidade civil e responsabilidade penal.

Refráns

  • Antes teñas que dicir, que che teñan que dicir.
  • Ben sabe o burro onde omea.
  • Cousa feita feita está.
  • Do coiro che han de saír as correas, inda que ti non o creas.
  • O que enredou a meada, que saiba desenredala.
  • Quen coma as maduras, que roia as duras.
  • Quen queira nabos, vaia arrincalos.

Palabras veciñas

responder | respondón -na | responsábel | responsabilidade | responsabilizar | responsable | responsar