retículo

retículo

(< lat reticŭlu)

  1. s m

    Tecido en forma de rede.

    Sinónimos: retícula.
    1. s m [BIOL]

      Parte orgánica de plantas e animais que semellan unha rede.

    2. s m [ZOOL]

      Segundo compartimento do estómago dos artiodáctilos ruminantes. Segue ao rume e precede ao libro, agás nos camélidos. Ten unha forma máis ou menos esférica, coa parede interna tapizada de papilas, que forman unha rede ou retículo. No retículo absórbese a fracción líquida do alimento unha vez que volveu da boca no proceso de ruminación, e é do retículo de onde pasa ao libro, ou á calleira nos camélidos.

      Sinónimos: bonete.
    3. s m [BIOL]

      Nome de diversas redes de fibras ou de vasos.

    4. s m [BIOL]

      Rede protoplasmática celular.

    5. retículo endoplasmático [BIOL]

      Conxunto de cavidades aplanadas ou cisternas, moi polimorfas e ramificadas, do citoplasma das células eucariotas. Envolve completamente o nucleoplasma e constitúese así en membrana nuclear, con poros de 500 Å de diámetro. Na superficie máis externa do retículo adhírense fortemente os ribosomas, feito que diferenza o retículo en dúas zonas: a rugosa ou ergastoplasma e a lisa. Na primeira obsérvase, co microscopio electrónico, uns gránulos que corresponden aos ribosomas, e na segunda preséntase o retículo liso. Os ribosomas da rugosa adoitan unirse en ringleiras, e forman así os polirribosomas. Cumpre a función de regular e transportar os materiais tanto endóxenos coma esóxenos dun punto a outro da célula. Ten enzimas para a síntese de lípidos e en certas células dos vertebrados sintetizan hormonas esteroides.

    6. retículo sarcoplasmático [BIOL]

      Retículo endoplasmático liso do músculo, moi diferenciado.

  2. s m [FÍS]

    Conxunto de dous ou máis fíos cruzados que se pon no foco de certos instrumentos ópticos e que serve para efectuar medicións de precisión. Utilizáronse frecuentemente fíos de araña para os retículos. Actualmente moitos aparatos teñen un retículo constituído por unha placa moi fina de vidro sobre a que están gravados con diamante unha serie de trazos moi finos.

    Sinónimos: retícula.
  3. s m [MAT]

    Conxunto ordenado en que dous elementos calquera teñen un supremo (o menor dos límites superiores ou elementos maiorantes) e un ínfimo (o maior dos límites inferiores ou elementos minorantes). Se (C, ≤) é un conxunto ordenado que é retículo, dados a e b de C, existe un elemento, denominado supremo c = ab tal, que a ≤ c, b ≤ c, e se a < d e b < d, é c < d; e un elemento, chamado ínfimo, c = a 3 b tal, que c < a, c < b, e se d ≤ a e d ≤ b, é d ≤ c. OBS: Tamén se denomina conxunto reticular.