retorrománico -ca

retorrománico -ca

(< lat Raetus + románico)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao retorrománico.

  2. s m [LING]

    Lingua románica constituída por tres bloques dialectais (occidental, central e oriental), de área descontinua. Esténdese desde San Gottardo ata o Mar Adriático e son, de O a L: o retorrománico occidental ou rético; o ladino ou dolomítico, falado na rexión dos Dolomitas e no Trentino-Alto Adige; e o friulano, falado en Friuli. A pesar da gran fragmentación dialectal, os tres bloques dialectais comparten algunhas características fonéticas: a conservación do -S final latino (lat MURU/MUROS > retorrománico occidental mī/mīrs, retorrománico central mur/mures e retorrománico oriental mūr/mūres); a conservación do -L- dos grupos KL-, GL-, BL-, PL-, FL- iniciais (CLAVEM > occidental klaf, central kle e oriental klaf); e a palatalización de K, G, ante A (CABALLU > occidental chavals, central tšavál e oriental chavál; GALLINA > occidental dylínya, central dyalina ou yarina, e oriental dyalína. En 1885 fundouse a Societad Retoromontscha, que publicou uns Annalas e promoveu o Dicziunari Rumantsch Grischun, que se publica desde 1938.

  3. literatura retorrománica [LIT]

    Literatura cultivada nalgún dos dialectos retorrománicos. Dos occidentais, os que teñen máis tradición de cultivo literario son o sobresilvano e o ladino; dos orientais, o friulano. A primeira manifestación escrita é La Chanzun de la guerra dal Chastè d’Müsch (1527), de Gian Travers. O estoupido da Reforma, co enfrontamento contra o latín da Igrexa Católica, foi o estímulo dunha abundante produción literaria de carácter relixioso e apoloxético, con testamentos, catecismos e himnarios recompilados na Consolaziun dell’olma devotiusa (1690). Esta literatura, alternada con crónicas, lendas populares e algún tema clásico, dominou toda a produción literaria ata ben entrado o s XVIII. Durante os ss XVII e XVIII, sobresaen os nomes de Jon Martin, Johan Jüst Ander e o da poeta Mengia Wielanda, xunto coa edición da Biblia de Cuera (1717-19), La Passiun de sumvitg, La Passiun de Lumbrein e a Dertgira nauscha. Na fin do s XVIII, mingua a produción relixiosa para dar paso a unha renovación de temas literarios, centrados, sobre todo, na historia e as tradicións do pobo, e na toma de conciencia da lingua ameazada. O tratamento destes temas, estimulado polo romanticismo europeo, conducirá, durante os últimos decenios do s XIX e os primeiros do XX, a un rexurdimento literario. Neste clima de renacemento aparecen diferentes publicacións literarias, obras de carácter didáctico-escolar e sociedades. A literatura experimenta, a partir da Segunda Guerra Mundial, un cambio de técnicas e o abandono do mito da terra, para abrirse ás diferentes correntes europeas.

Palabras veciñas

retornear | retorno | Retorno | retorrománico -ca | retorsión | retorta | Retorta