Reuss

Reuss

Familia principesca alemá que deu nome a diversos estados independentes do Sacro Imperio Romano-Xermánico. A orixe da súa denominación remóntase ao bailío Enrique de Plauen o Novo (?-1291?), fillo de Enrique I, señor de Plauen e Vogtsbert. Ao morrer en 1535 Enrique XVI Reuss , señor de Greiz e Kranichfeld, as posesións foron divididas entre os dous fillos e o máis vello, Enrique XVIII Reuss (?-1573) formou a rama maior de Reuss con capital en Greiz (Reuss-Greiz). En 1778 o conde Enrique XI Reuss (?-1800), foi nomeado príncipe do Sacro Imperio Romano-Xermánico e os seus descendentes, extinguidos en liña masculina en 1927, reinaron no Principado de Reuss (rama maior) ata 1918. Enrique XVII Reuss (?-1572), fillo pequeno de Enrique XVI, formou a rama menor de Reuss, con capital en Gera (Reuss-Gera). O conde Enrique XLII Reuss (?-1818) foi nomeado en 1806 príncipe do Sacro Imperio Romano-Xermánico e os seus descendentes, extinguidos en liña masculina en 1945, reinaron no Principado de Reuss (rama menor). Os dous principados de Reuss ingresaron na Confederación do Norte en 1867 e despois no Imperio Alemán. En 1918 convertéronse en repúblicas, incorporadas en 1920 ao land de Turinxia.

Palabras veciñas

reunir | Reus | Reuss | Reuss | Reuter, Christian | Reuter, Ernst | Reuter, Fritz