Revolución Mexicana

Revolución Mexicana

Etapa da historia de México que vai desde a revolta que provocou a caída de Porfirio Díaz (1910) ata a consolidación do movemento revolucionario coa presidencia de Venustiano Carranza (1914-1920). O triunfo da revolución representou a derrota dos partidarios do antigo réxime, a toma do poder por parte da burguesía e a posterior neutralización dos elementos revolucionarios máis radicais, os agraristas. Díaz dimitiu a consecuencia dunha serie de motíns populares iniciados a finais de 1910, e substituíuno o seu opositor Francisco Ignacio Madero (1911-1913), quen se tivo que enfrontar a un amplo movemento popular en Morelos, dirixido por Emiliano Zapata, que reclamaba a repartición dos grandes latifundios entre o campesiñado. Madero utilizou un xeneral da ditadura porfirista, Victoriano Huerta, para vencer a insurrección, pero este tomou o poder e tentou reinstaurar a ditadura militar conservadora. Mentres, no norte, o terratenente moderado Venustiano Carranza, estableceu o Plan de Guadalupe (1913), que continuaba a obra de Madero, mentres que os xefes agraristas -Pancho Villa, Álvaro Obregón e Zapata principalmente- insistían na repartición da propiedade rural como motor da revolución (Plan de Ayala). Carranza foi nomeado xefe da Revolución, de signo constitucional, na Convención de Teolocuyán. Sen apoio diplomático nin recursos económicos, Huerta dimitiu en xullo de 1914 e os constitucionalistas ocuparon a capital. Villa e Zapata continuaron a loita armada pero Carranza, elixido novo presidente, conseguiu parar a revolta, de xeito que en 1917 foi proclamada unha nova constitución de signo progresista e nacionalista.