réxime

réxime

(< lat regimĭne)

  1. s m
    1. Forma de rexer ou de gobernar.

      Sinónimos: goberno. Confrontacións: sistema.
    2. [POLÍT]

      Conxunto de institucións políticas que constitúen a forma de goberno que adoptou un país para resolver os seus problemas políticos. Supón a existencia dunhas normas xurídicas e uns poderes de dereito e de feito. Aristóteles estableceu unha tipoloxía que se fixo clásica: monarquía, aristocracia e república, e as súas formas impuras: tiranía, oligarquía e demagoxia. Maquiavelo distinguiu entre principado e república. Montesquieu formulou unha nova clasificación: república, monarquía e despotismo. A politicoloxía contemporánea, adoita distinguir entre réximes autoritarios ou ditaduras, réximes democráticos, que poden ser parlamentarios, presidencialistas e réxime de asemblea. A partir da Revolución Rusa, xurdiu un novo tipo de réxime, chamado democracia popular. Tamén se pode distinguir entre réximes pluripartidistas e réximes de partido único.

      Sinónimos: sistema.
    3. réxime local / [DER/ADM]

      Normas de dereito público reguladoras das corporacións que forman a administración local. O dereito local vixente en España adaptouse ao modelo francés e parte do novo réxime saído das Cortes de Cádiz. Coa aprobación da Constitución de 1978 quedou derrogada a lexislación do réxime ditatorial en materia de admistración local e quedou lexislada coa Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.

  2. s m

    Forma de administrar un establecemento ou unha entidade.

    1. s m

      Forma de comportarse ou producirse un proceso natural contínuo.

    2. réxime fluvial [XEOL]

      Conxunto de circunstancias hidrolóxicas que se dan nun río ou nun grupo de ríos. Estas son: o caudal medio durante o ano, expresado en m 3 /s ou ben en l/s/km 2 ; as variacións estacionais; as enchentes e estiaxes; as condicións das correntes, que dependen da pendente, da xeometría e da rugosidade da sección do río; e os transportes sólidos, tanto polo que respecta á súa granulometría como á súa cantidade. Todos estes elementos do réxime son esenciais, pero, entre eles, as variacións estacionais son as máis adecuadas para determinar os grandes grupos fluviais. Estas levan o ritmo das achegas hídricas e responden, ademais, ao estado físico das precipitacións. Cando son sólidas (neve), a variación reflicte o réxime térmico da cunca e o esgotamento das reservas de neves e xeos; noutro caso refliten o réxime pluviométrico. Por iso, nos casos máis puros, dunha vertente reducida a un único tipo de alimentación, pódese falar dun réxime simple, que pode ser ben glaciario ou ben nival, e dun réxime pluvial. No caso da alimentación sólida, nas latitudes mediterráneas e no ámbito de Europa Occidental, a altitude é o factor determinante, pois a 3.000 m ou máis, a escasa temperatura provoca unha forte retención de neve en forma de glaciares que só en parte se funden en xullo e incluso en agosto; entre os 2.000 e os 3.000 m a neve funde en maio e en xullo. Deste xeito diferénciase un réxime glaciario dun nival. Agora ben, a medida que a cunca vertente se estende, os glaciares medianos diminúen e entón intervén xa o factor pluvial, que vai medrando. É como ten lugar a degradación do réxime orixinal, que pode pasar así aos denominados réximes complexos orixinais: glaciario e de transición, glacio-nival, nivo-pluvial e pluvio-nival, segundo a proporción entre as diversas clases de precipitacións implicadas. No caso da alimentación líquida (chuvia), o réxime pluvial, limitándose ao ámbito de Europa Occidental, amosa varios tipos, como o réxime pluvial oceánico (de augas de inverno), ao que pertencen os ríos galegos, e o mediterráneo (de augas equinocciais). Cando a cunca dun río é moi extensa, hai posibilidade de que integre achegas hídricas de orixes moi diferentes desde a cabeceira e dea lugar, así, a réximes complexos de segundo grao.

  3. s m [MED]

    Conxunto de normas variadas referidas e aplicadas á cantidade e á calidade dos alimentos que se van inxerir, e incluso á periodicidade da súa inxestión para o mantemento da saúde ou do vigor corporal, ou ben para conseguir un determinado efecto. Adoita referirse ás dietas, é dicir, á alimentación dos que, por causas patolóxicas ou por especiais estados fisiolóxicos (como son a lactancia ou xestación), se alimentan dun xeito especial (hipoalimentación, hiperalimentación, réxime cárnico, lácteo, vexetariano, de froita ou hiposódico, entre outros).

  4. s m [LING]
    1. rección.

    2. Preposición que debe seguir necesariamente a un verbo, ou caso en que debe ir o substantivo que segue a unha preposición ou serve de complemento a un verbo. En Os delegados abstivéronse de votar, a preposición de é o réxime do verbo absterse.

  5. s m [BOT]

    Inflorescencia constituída por flores unisexuais dispostas nunha espiga composta, que está envolta por unha espata. É un tipo de apéndice característico da familia das palmeiras.

    1. s m [TECNOL]

      Velocidade de rotación dun motor, durante un espazo de tempo determinado.

    2. s m [TECNOL]

      Permanencia do ritmo de funcionamento de, por exemplo, unha máquina ou unha instalación.

    3. s m [FÍS]

      Movemento en conxunto dun fluído. Estúdase tanto o movemento dun fluído polo interior dun conduto como a resistencia que opón un fluído a un obxecto que se despraza no seu seo (réxime aerodinámico). Distínguense dous tipos de réximes principais: o réxime laminar, no que as partículas do fluído escorregan as unhas sobre as outras formando capas paralelas, e o réxime turbulento, caracterizado por flutuacións irregulares na velocidade das partículas do fluído. O tipo de réxime determínase polo valor do número de Reynolds: se R é inferior a 2.000 o réxime é laminar, se R é superior a 3.000 é turbulento, e se está comprendido entre estes dous valores o tipo de réxime depende das condicións físicas do momento.

    4. réxime de cruceiro [TECNOL]

      Ritmo de funcionamento dun motor, dunha máquina, dun vehículo, dunha instalación industrial, etc, que permite obter o máximo rendemento cun mínimo de consumo e de desgaste das súas pezas.

    5. réxime permanente / [TECNOL/FÍS]

      Réxime de funcionamento dun circuíto eléctrico en que os valores eficaces das intensidades e as tensións non varían no transcurso do tempo.

  6. alimento de réxime [MED]

    Alimento do que se modificou a composición para cubrir necesidades nutricionais especiais (como por exemplo, sen glute, cun contido reducido de aminoácidos ou para diabéticos).

  7. réxime alimentario [FISIOL/ECOL]

    Conxunto de substancias nutritivas que inxire normalmente un animal.

Palabras veciñas

2 rexesto | rexicida | rexicidio | réxime | Rexina | Rexinaldo | rexío