Reza Rodríguez, Xosé Benito

Reza Rodríguez, Xosé Benito

Enxeñeiro de montes e escritor. Formado na Escola Superior de Enxeñeiros de Montes da Universidad Politécnica de Madrid, desenvolveu unha intensa actividade cultural e de compromiso con Galicia, e coa defensa do medio natural. Presidente do Seminario de Estudos Celanovenses, secretario do Grupo Histórico-Arqueolóxico Larouco, secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto e membro fundador da Fundación Curros Enríquez e da Asociación Álvaro das Casas, é xuíz honorario do Couto Mixto (2004). Responsable da posta en marcha do servizo de medio natural de Ourense e xefe do servizo galego de espazos naturais, foi membro do Comité Nacional de Flora y Fauna do ministerio de Medio Ambiente e de EUROPARC, e director-conservador do Parque Natural do Invernadoiro e do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, do que foi promotor e polo que recibiu un recoñecemento internacional. Ademais, coordinou e redactou a Estratexia Galega de Conservación e Uso Sostible da Biodiversidade. Como escritor ten destacado na interpretación da paisaxe galega e no espallamento da conciencia ambiental. Colaborador de La Voz de Galicia, Lethes e A Trabe de Ouro, escribiu, entre outros, Memorias do pedal (1999), Celanova e o vento (1999), en colaboración con X. L. Méndez Ferrín; Biografía do poeta Manuel Curros Enríquez (2001), Cantar de cegos do Couto Mixto (2002), Biografía de Arturo Noguerol Buján (2003); Vivir en Ancares (2003), Antioquía (2003), O Macizo Central Ourensán (2005) e, en colaboración con outros autores, Voz e Voto (1991), Galicia 2020 (2001) e A Ribeira Sacra (2001).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Celanova