Rhodesia

Rhodesia

Rexión de África meridional, dividida actualmente entre os estados de Zambia (antiga Rhodesia do Norte) e Zimbabwe (antiga Rhodesia do Sur). Habitada inicialmente por unha poboación paleolítica de orixe khoikhoi, tivo unha notable industria metalúrxica, ouro e ferro, perfeccionada por novas técnicas achegadas por tribos negras bantús no primeiro milenio. No s XVI o primeiro reino do interior era o dos shonas, situado ao sur, que procedían do sur do actual Zimbabwe, do val do Limpopo. Emigraron cara ao norte a causa do esgotamento das minas de sal e fundaron un reino no val do Zambeze e no altiplano rodesiano. O reino monomotapa comerciou directamente cos portugueses da costa a través dos seus reinos tributarios no val baixo do Zambeze, mentres que o dos changamiras e o do lundas, na outra beira do Zambeze, fíxoo cos shonas. Este comercio proporcionou a todo o territorio unha etapa de prosperidade. Gonçalo da Silveira, misioneiro portugués, bautizou o rei monomotapa, pero o reino non se cristianizou. En 1629 o monomotapa Mavura declarouse vasalo dos portugueses, cando xa perdera o control do val baixo do Zambeze. Pero os shonas e o seus señores portugueses foron reducidos entre 1693 e 1695 a unha estreita zona entre Tete e Zumbo. Arredor de 1840 os matabeles, un clan zulú, cruzaron o Limpopo perseguidos polos bóers e, aconsellados polo misioneiro escocés Robert Moffat, crearon un reino entre o Limpopo e o Zambeze, consolidado cara a 1868. Outros clans zulús cruzaron o Zambeze e marcharon cara aos lagos. Un monarca lozi, Lewanika, asinou un tratado cos ingleses da British South African Chartered Company e o país pasou a formar parte de Rhodesia do Norte, onde os británicos comezaran a explotar as minas de cobre. Na segunda metade do s XIX apareceu en Sudáfrica unha comunidade urbana e industrial anglosaxona enriquecida coa explotación das minas. Seguindo os pasos do misioneiro explorador David Livingstone, o primeiro ministro do Cabo, C. J. Rhodes, iniciou a colonización de Rhodesia do Sur a través da British South African Company (BASC) en 1889. A explotación de Rhodesia do Norte foi encomendada a unha compañía subsidiaria, a African Lakes Company, de xeito que a BSAC controlaba desde o Limpopo ata o alto Katanga. En 1895 a resistencia matabele foi aniquilada polas forzas da compañía británica, e o territorio recibiu o nome de Rhodesia. A evolución das dúas Rhodesias foi moi diferente, pois mentres que ao sur numerosos colonos, uns 200.000 ata 1923, se estableceron nas mellores terras para plantar tabaco e acapararon as competencias administrativas, comerciais e bancarias, no norte non pasaron de 70.000 concentrados arredor das minas de cobre, formándose unha man de obra africana flutuante. En 1938 propúxose unha federación entre as dúas Rhodesias e Nyasalandia, idea rexeitada pola poboación negra de Rhodesia do Norte, que temía a preponderancia dos brancos do sur. Finalmente o goberno británico aceptou o proxecto e as tres colonias formaron a Federación Centroafricana (1953), cun amplo predominio dos europeos. En 1963 Nyasalandia abandonou a federación e pouco despois fíxoo Rhodesia do Norte, que en 1964 se converteu en Zambia. Ambos os dous países obtiveron a independencia. A poboación branca de Rhodesia do Sur negouse a compartir o poder cos africanos e declarou unilateralmente a independencia en 1965 e tomou o nome de Zimbabwe en 1980.