ría

ría

(< río)

  1. s f

    al fluvial asolagado en parte ou na súa totalidade polas augas do mar. Aínda que aparecen no SO de Irlanda e na costa inglesa, o seu desenvolvemento máis característico ten lugar no litoral galego. Teñen uns perfís transversais típicos en forma de V que aumentan a súa profundidade progresivamente a medida que avanzan cara ao mar. Poden presentar meandros e seccións rectilíneas igual ca un río. Na súa formación interveñen a acción erosiva dos ríos, os movementos eustáticos do nivel do mar, a tectónica, a diferenciación litolóxica, ademais da dinámica xeral das placas litosféricas. Existen diferentes teorías que tentan explicar a súa xénese, sen existir un acordo entre os autores. O primeiro científico que individualizou as rías como un tipo singular de costa foi o alemán Von Richthofen (1886), que sinalaba que eran froito dunha transgresión mariña que invadira un relevo preexistente creado pola acción fluvial. Os trazos principais das rías serían obra da tectónica, e a acción do mar aproveitaría a diferenciación litolóxica. Desde esta primeira hipótese moitas outras se desenvolveron para explicar, con diferentes puntos de vista, a súa orixe. Algunhas parten dun enfoque puntual como un fenómeno acoutado no espazo, como as teses de Mensching, Pannkoek ou Nonn. Outras relacionan as rías dentro dunha globalidade, tentando vincular a súa xénese coa dinámica xeomorfolóxica xeral dos continentes, poñéndoas en relación coa tectónica de placas. Augusto Pérez Alberti (1983), seguindo as ideas apuntadas por Vanney en 1979, afirmou que a xénese das rías galegas debeuse á combinación dunha serie de fenómenos interrelacionados, como o esgazamento do NO peninsular debido ao movemento da Península Ibérica no Xurásico, a intensa acción erosiva dos ríos e os movementos de subsidencia que elevaron e afundiron bloques durante o Neoxeno. Un dos principais teóricos sobre as rías galegas, Henri Nonn (1966), baseándose na erosión fluvial que se produciu nos períodos regresivos do Plistoceno, na alteración litolóxica e na basculación de bloques, logrou diferenciar tres tipos distintos de ría: en funil ou de val fluvial asolagado, no que o río tería a suficiente entidade para ser responsable da amplitude da ría e do seu trazado, serían as rías de Ares, O Barqueiro, Betanzos, Camariñas, Cedeira, Ferrol, Foz, Corme e Laxe, Ortigueira e Ribadeo; as que deben a súa realización e amplitude á tectónica, como as rías de Muros e Noia, Pontevedra, Aldán e Vigo; e as rías alvéolo, que se corresponderían coas antigas cubetas de alteración asolagadas polo mar, como as da Coruña e Arousa. Non obstante, desde o punto de vista puramente descritivo-xeográfico a división máis tradicional das rías galegas é a de: Rías Altas e Rías Baixas. As Rías Altas están constituídas polas localizadas desde Ribadeo ata o cabo Fisterra, e as Rías Baixas, desde o S deste cabo ata a ría de Vigo. As rías son un territorio preferente en Galicia, nas que se concentran boa parte dos recursos demográficos e económicos. A maioría das principais cidades, incluídas as máis poboadas, Vigo e A Coruña, e, en xeral, un contínuo urbano, desenvólvense no seu interior. Sosteñen a densidade de poboación máis alta do territorio galego e os seus recursos mariños e pesqueiros favoreceron o desenvolvemento da industria relacionada co sector. O seu atractivo turístico, como áreas de aproveitamento de sol e praia e pola beleza natural das súas paisaxes, convértenas na principal referencia desta actividade.

  2. s f

    Termo do barallete, ou xerga dos afiadores, que corresponde á voz ‘pedra’.

Palabras veciñas

rhythm and blues* | rhyton* | RI | ría | Ría | Ría | Ría de Abres, A