Riazor, Estadio Municipal de
Estadio municipal de fútbol situado na Coruña e inaugurado o 28 de outubro de 1944, aínda que a inauguración oficial foi no encontro España-Portugal do 6 de maio de 1945. Proxectado polo arquitecto Santiago Rey Pedreira en 1939, é o escenario dos partidos que o Real Club Deportivo de La Coruña disputa como local. O terreo adquiriuno o concello por 300.000 pesetas e a construción do complexo deportivo para a práctica de fútbol, hóckey e atletismo, superou os cinco millóns de pesetas. Destaca polo monumentalismo ilustrado, cun deseño típico da arquitectura monumentalista alemá de entreguerras. Cunha capacidade para 34.600 espectadores, foi escenario de varios encontros internacionais da selección española e nas súas instalacións acolle tamén o museo do Real Club Deportivo da Coruña.