Ribeiro, comarca do
Comarca situada no O da provincia de Ourense, e o S da Comunidade Autónoma de Galicia. Os seus límites polo N son a comarca do Carballiño (Beariz, Boborás, O Carballiño, San Amaro e Punxín), polo S a comarca de Terra de Celanova (Pontedeva, Gomesende e Cartelle), polo L, a comarca de Ourense (Toén) e polo O as comarcas de Pontevedra (A Lama), Vigo (Fornelos de Montes) e A Paradanta (O Covelo, A Cañiza e Crecente). Abrangue unha superficie de 407,1 km2nos que acolle unha poboación de 20.035 h (2001) distribuídos nos concellos da Arnoia (20,7 km2; 1.187 h), Avión (120,5 km2; 2.775 h), Beade (6,4 km2; 600h), Carballeda de Avia (47 km2; 1.589 h), Castrelo de Miño (39,7 km2; 2.034 h), Cenlle (29 km2; 1.586 h), Cortegada (26,9 km2; 1.414 h), Leiro (38,3 km2; 1.949 h), Melón (53,4 km2; 1.504 h) e Ribadavia (25,2 km2; 5.397 h). A densidade de poboación do conxunto é de 49,2 h/km2. O espazo comarcal sitúase na parte occidental da provincia cunha importante vila que ten as funcións de cabeceira comarcal, Ribadavia.
Xeografía física
A comarca do Ribeiro está configurada ao redor de dous principais eixes fluviais, o Miño e o Avia, e a unha importante aliñación montañosa, a Dorsal Meridiana. A formación litolóxica, composta por granitos, lousas, xistos e gneises, así como a intensa fracturación e a erosión diferencial, determinan a súa configuración actual. O curso do río Miño ocupa unha importante fosa tectónica terciaria, máis ou menos ampla. Esta incisión fluvial débese, en maior ou menor medida, á dureza dos materiais e á rede de fracturas existente. Os granitos, máis resistentes, dan lugar a un curso encaixado, mentres que as rochas metamórficas motivan unha maior apertura do val. En relación con esta rede de fracturas, o Miño adáptase perfectamente cambiando a dirección do seu curso, presentando, nalgúns casos dirección meridiana, e, noutros, a totalmente oposta L-O. O Avia, pola súa banda, tamén rexistra un considerable cambio de dirección no seu percorrido. Os procesos de antecedencia existentes neste territorio, debidos aos cambios climáticos do Terciario e do Cuaternario, fixeron posible a existencia de terrazas fluviais colgadas, en moitos casos con alturas de 50-60 m por enriba do curso actual, con materiais areosos, arxilosos e gravosos. Fóra desta área de depresión tectónica ocupada polo Miño atópanse os restos das superficies de erosión, que neste caso, están a unha altura que oscila entre os 400 e os 500 m, moi incididas pola rede fluvial, que se foi encaixando nelas. Xa, cara ao O atópase a Dorsal Meridiana, nos concellos de Avión e Melón que, cunha dirección NNO-SSL, conta con elevacións que se aproximan aos 1.000 m nas serras de Chan de Moeiras, Faro de Avión e Suído, que separan as terras do Ribeiro das da provincia de Pontevedra. Nas ladeiras destas serras maniféstanse formacións coma canchais e pedregais, cunha escaseza de solos, en contraposición aos que se atopan nas partes máis baixas da depresión do Miño. Climaticamente existe un claro contraste entre as terras altas e o fondo de val, non obstante, o illamento respecto á entrada de masas do O e o afastamento do mar, caracterizan un clima oceánico de matices mediterráneos en todo O Ribeiro. No val do Miño, as temperaturas medias anuais sitúanse en torno aos 14°C (invernos non demasiado rigorosos, 7°C, e veráns calorosos, 21-22°C), con precipitacións escasas (800-900 mm), xeadas ocasionais nos meses do inverno e unha oscilación térmica bastante ampla (14-15°C). As néboas son un fenómeno bastante frecuente, tanto pola contraposición entre val e montaña, como pola acumulación de masas de auga como consecuencia dos encoros. Pola contra, na montaña e nas superficies máis elevadas, o matiz mediterráneo desaparece, dando lugar a un clima oceánico de transición ao de montaña, con valores térmicos máis baixos (11-12°C), invernos máis fríos (5°C) e veráns máis frescos (18-19°C). As precipitacións increméntanse considerablemente (1.500-2.000 mm), aínda que non acadan os valores da vertente de barlovento, e as xeadas xa son máis frecuentes. As nevadas son ocasionais nos cumios do Suído e Faro de Avión. A vexetación actual está moi modificada pola man do home, como consecuencia das diferentes fases de arado da terra para o viñedo e tamén polas repoboacións dos bosques da comarca. Nas áreas de menor presenza humana predomina unha vexetación autóctona composta por matogueira atlántica (toxos, queirugas e xestas), carballos (Quercus robur), asociados en ocasións a castiñeiros (Castenea sativa), e ás veces coníferas de repoboación. A sobreira (Quercus suber) aparece en bosques nas solanas, o que mostra certos matices mediterráneos na vexetación.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca mostra unha etapa de claro crecemento ata 1940 e, contraposta a esta, unha de declive demográfico nos anos posteriores e que chega ata a actualidade. En 1900, a poboación comarcal ascendía a 38.121 h, case o dobre que a existente hoxe en día, cunha presión sobre a terra bastante considerable, especialmente nos concellos das ribeiras do Miño. Esta poboación foi crecendo de forma lenta, pero constante, ata 1940: 38.886 h(1910); 39.066 h(1920); 39.823 h (1930) e 41.306 h (1940). A intensa emigración a América paliaba os efectos dun crecemento vexetativo moi elevado, facendo que a poboación medrase de forma máis lenta. Desde 1940, o territorio comarcal comezou a perder poboación, primeiro lentamente (1950, 40.628 h), e despois de forma máis forte: 36.404 h (1960); 30.338 h (1970) e 29.808 h (1981). Todos os concellos tiveron unha importante perda demográfica, aínda que algúns diminuíron este éxodo ata os anos 1960 como Castrelo de Miño. A pequena vila de Ribadavia non foi quen de absorber o exceso de poboación rural, que optou por emigrar cara á cidade de Ourense e cara a outros espazos urbanos máis desenvolvidos. O decrecemento situouse no 0,68%. Desde 1981 produciuse outro período de declive, moito máis forte ca o anterior, como consecuencia da segunda fase de emigracións cara a cidade de Ourense así, o crecemento medio anual situouse nestes quince anos no -1,86%, moito máis forte nalgúns concellos como Castrelo de Miño e Beade, que perderon máis da metade da súa poboación, Carballeda de Avia con máis da terceira parte e Cortegada e Avión coa cuarta parte. O freo aos movementos migratorios e o retorno de antigos residentes está motivando que nalgúns concellos como A Arnoia ou Avión, se produza unha recuperación demográfica. Tan só a vila de Ribadavia tivo un crecemento positivo en todo este período consolidándose como o verdadeiro centro comarcal. O claro avellentamento que está a sufrir a comarca maniféstase nunhas moi baixas taxas de natalidade (3,9‰) e unha mortalidade excesivamente elevada (15,5‰), cun movemento vexetativo completamente negativo (-11,6‰). A estrutura demográfica resultante móstranos un predominio de maiores de 65 anos (29,5% da poboación), fronte ao grupo dos novos, que apenas supón un 16,7% da poboación. Nalgúns concellos estas diferenzas entre vellos e novos aínda son maiores, como na Arnoia, Castrelo de Miño, Cenlle e Melón, en contraposición a Ribadavia, que mantén unha estrutura demográfica máis rexuvenecida pola inmigración de poboación nova. A distribución dos efectivos demográficos é bastante heteroxénea, con áreas onde as densidades son moi baixas (5-10 h/km2), fronte a outras áreas onde se superan os 100 h/km2. A montaña é o primeiro destes espazos, con predominio de pequenas aldeas de escaso número de vivendas e poboación, fronte ás áreas do val, onde son de maior tamaño. Ribadavia é a principal entidade de poboación da comarca, e aínda que mantivo sempre unha dinámica bastante moderada, está a perder poboación a causa da proximidade da cidade de Ourense, que limita, en parte, a súa función de núcleo reitor do conxunto comarcal. Do resto de entidades destacan Leiro e Cortegada como pequenas cabeceiras municipais.
Xeografía económica
O sector primario mantén a súa importancia na estrutura económica da comarca aínda que só ocupa ao 14,7% da poboación activa e que o sector servizos, debido á proximidade da cidade de Ourense e ao dinamismo da cabeceira, Ribadavia, está a medrar nos últimos anos. As aptitudes dos solos do val do Miño e as idóneas características climáticas, con veráns secos e invernos húmidos, favorecen o cultivo da vide que xera unha importante riqueza na comarca. Así, a superficie cultivada ascendía en 1999 a 2.107 ha de cultivo, con algúns concellos onde o viñedo ocupaba unha gran porcentaxe de superficie agraria útil (Beade, 95%, Castrelo de Miño, 90%, Cenlle, 89%, ou Ribadavia, 91%). É unha das comarcas vitícolas máis importantes de Galicia que produce baixo a denominación Denominación de Orixe Ribeiro. A crise do sector a mediados dos anos 1990, primou a necesidade da produción de calidade. A maior parte da produción vitícola son brancos (preto de 300.000 hl) con especies autóctonas e outras importadas. O resto dos cultivos ocupan xa áreas marxinais e pequenas hortas ao redor das aldeas da comarca, mentres que a gandaría avícola en Ribadavia, Carballeda de Avia e Leiro, e a porcina en Cenlle están asociadas á empresa COREN. A silvicultura destaca naqueles concellos máis montañosos onde non é posible o cultivo da vide. No sector secundario (34,7% dos activos) destacan as empresas relacionadas coa transformación vitícola (adegas), as madeireiras (serradoiros, fábricas de aglomerados e fábricas de mobles), materiais de construción e industria fabricante de cadaleitos de Ribadavia. Existen tamén algunhas canteiras de granito. A proximidade da cidade de Ourense favorece tamén o emprego no sector secundario. En canto aos servizos (50,6% dos activos), pódese falar tamén dunha dependencia da cidade de Ourense, á que se desprazan diariamente moitos habitantes da comarca. Por outra banda, Ribadavia concentra unha boa parte dos empregos no sector, especialmente no eido comercial e dos servizos públicos, xa que posúe oficina da Seguridade Social e do INEM, é cabeza de partido xudicial e posúe tanto axencia de Extensión Agraria como Instituto de Bacharelato e Centro de Saúde Especializado. Como centro turístico grazas ao seu patrimonio artístico (centro histórico de Ribadavia) O Ribeiro está a desenvolver toda unha infraestrutura hoteleira.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos atopados na comarca datan de época castrexa como os castros de Berán e Lebosende (Leiro), os de Castelo e Veiga (Ribadavia), os da Cidade e Castro (A Arnoia) ou o do Monte do Castro (Avión). Un dos principais poboados da época prerromana foi Abobrica, palabra de suposta orixe celta, que foi o primeiro nome de Ribadavia, que no medievo pasou a chamarse Rippa Aviae, denominación de orixe romana. A vila de Ribadavia estivo situada orixinariamente na marxe esquerda do río Avia ata a Idade Media. De época romana consérvanse diversos vestixios como as dúas aras votivas dedicadas a Xúpiter e ao Sol, atopadas na Arnoia, que posiblemente datan do s II. Coñécese a existencia dunha terceira ara, que co tempo serviu de peto dedicado a santo Amaro e en Avión atopouse un miliario. No s X fundouse o mosteiro de Santa María de San Clodio en Leiro, cedido aos monxes da orde de San Bieito, aos que lles doaron gando e terras a ambas as dúas marxes do río Avia, o que amosa a existencia dun núcleo agrícola próspero nesta zona. Ao longo da historia foron varios os mosteiros que exerceron o seu dominio na zona, como os de San Salvador de Celanova, Santa María de Melón ou Santa María de Oseira. Nos ss X, XI e XII xunto coa aparición e fundación de numerosas abadías e centros relixiosos que impulsaron a economía en toda Galicia, o concello ribadaviense foi distinguido co título de territorio de Castela, debido á súa importancia militar e estratéxica, reflectida nas numerosas construcións defensivas espalladas por toda a bisbarra, como os castelos de Santa Cruz ou de Sande, dos que hoxe non queda case nada. Estas condicións foron aproveitadas polo Rei García I para establecer a súa sede en Ribadavia, que se converteu, entre 1065 e 1071, na capital do Reino de Galicia. Ao mesmo tempo, apareceron novas familias nobres e produciuse un grande impulso económico. Xunto cos mosteiros próximos de Melón, San Clodio, Oseira e Celanova, propiciouse a repartición de terras, e establecéronse xurisdicións eclesiásticas, nas que se impulsou o cultivo da vide, facendo do Ribeiro unha das rexións máis prósperas do noroeste peninsular. Foi nestes séculos de prosperidade e apoxeo, cando os xudeus se asentaron no barrio da Porta Nova en Ribadavia, onde probablemente existiu unha sinagoga. Durante o s XII o Rei Afonso VII comezou a doar coutos e xurisdicións aos distintos mosteiros da comarca. Así, entre 1137 e 1142 parte do actual concello de Cenlle foi doado ao mosteiro de Santa María de San Clodio. O antigo couto de Melón, cedéuselle aos monxes cistercienses, que viñeran de Claraval, que exerceron o seu señorío na vila. As posesións destes monxes continuaron aumentando nos seguintes anos posto que, uns anos máis tarde, o mesmo monarca lle concedeu ao abade Xeraldo o monte Verdugo e o castro de San Cibrán de Monte Real. Despois fixéronse co monte de Bárcena e en 1160 coa veiga de Francelos. Durante o s XIV Ribadavia, a pesar da crise xeral e da Peste Negra, chegou a converterse nunha das vilas máis importantes de Galicia, cun colectivo de xudeus que supoñían a metade da poboación total da vila, e que se dedicaban ao tráfico e comercio de viño e ao exercicio das profesións liberais e das artes e oficios. A historia da comarca foi testemuño de avatares e disputas entre o condado de Ribadavia, documentado desde o s XV, e as casas nobiliarias de Lemos e Monterrei. Así, o condado de Ribadavia fíxose forte na comarca, excepto nalgúns puntos administrados directamente polos mosteiros. A finais do medievo, abríronse as fronteiras e internacionalizouse o comercio do viño, que perdurou ata o s XVII. Despois de ser un dos principais produtos nos portos de todo o norte de España e de exportación a América, Inglaterra e Flandres, chegou a crise provocada polo encarecemento dos prezos debido ás deficientes infraestruturas de comunicación e ás dificultades de transporte. A aparición de novos viños máis baratos propiciaron a perda definitiva dos mercados. Durante o Antigo Réxime toda a comarca pertenceu á provincia de Ourense e estaba dividida nas xurisdicións de Avión, Celanova, Ribadavia, Beade, Melón, A Veiga, Carballeda, Astariz, Ponte Castrelo, Sande, Roucos, Campo Redondo, Maside e Refoxos. No s XVIII a encomenda de Beade, que chegou a pertencer ao priorado de Castela, era, xunto coa de Quiroga (Lugo), a máis destacada de Galicia. A súa influencia foi en aumento ao absorber, nese mesmo século, a encomenda de Pazos de Arenteiro. Ao longo da Guerra da Independencia parte da comarca foi saqueada polos franceses e, máis tarde, en 1823, fixeron o mesmo os voluntarios realistas contrarios aos liberais. En xullo de 1836, as tropas carlistas atacaron a parroquia de Beade que, coa axuda dos veciños das Regadas e Cenlle, conseguiron deter a agresión. Coa formación dos concellos liberais, a partir de 1835, a actual comarca, sufriu diferentes cambios na estrutura territorial. Entre 1845 e 1860 o concello de Beade perdeu parroquias en favor do de Leiro, o mesmo que sucedeu en Ribadavia, que perdeu parte do territorio para formar o novo concello de Carballeda de Avia. Xa a finais de século, varias parroquias de Beade incrementaron o territorio de Carballeda de Avia, mentres que Cenlle cedeu unha ao veciño concello de San Amaro.
Patrimonio cultural
Xunto cos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas románicas de Santa María de Abelenda (Avión), San Xoán de Muimenta e Santo André de Abelenda das Penas (Carballeda de Avia), San Tomé de Serantes (Leiro) e San Xes de Francelos (Ribadavia), declarada BIC en 1951; ademais das igrexas barrocas de San Miguel de Carballeda de Avia (BIC,1982), Santa María de Castrelo de Miño (BIC, 1982) e o santuario da Virxe de Areas (Cenlle). Tamén sobresaen os mosteiros de Santa María de San Clodio en Leiro (BIC, 1981) e o de San Domingos en Ribadavia, (BIC,1931). No eido da aquitectura civil destacan a Torre Nova de Carballeda de Avia (BIC, 1994) o pazo da Torre en Castrelo de Miño, a casa grande de Riobó en Cenlle e o barrio xudeu de Ribadavia. Por outra banda Cortegada conta con dous balnearios e diversos cruceiros e petos de ánimas, en Leiro atópase a ponte de San Clodio, (BIC, 1981) e o centro histórico da vila de Ribadavia foi declarado BIC en 1947. Entre as festas que se celebran na comarca están as de Santo Amaro, Santa Rita e a Festa do Pemento na Arnoia; as da Virxe da Misericordia e San Roque, o Bo Xesús e Santa Lucía en Beade; San Sebastián, a Candeloria e San Roque en Carballeda de Avia; o Corpus e Nosa Señora das Neves en Castrelo de Miño; San Bieito en Cenlle; as romarías de San Bieito e Santa Cruz en Cortegada; as do Santo Cristo en Melón; e as de Nosa Señora do Portal, o viño do Ribeiro, o Festival Internacional de Teatro e a Festa da Istoria en Ribadavia.