Rilke, Rainer Maria

Rilke, Rainer Maria

Poeta austríaco. Autor dunha abundante obra, as súas primeiras poesías apareceron en 1894. As dúas viaxes que realizou a Rusia (1899 e 1900), xunto á súa amiga Lou Andreas Salomé, foron decisivas na súa formación. Daquela publicou Stundenbuch (Libro das horas, 1899-1903), Das Buch der Bilder (O libro das imaxes, 1902), Weise von Liebe und Tod des Cornets Christoph Rilke (Canción de amor e morte do corneta Cristovo Rilke, 1906), Neue Gedichte (Novas poesías, 1907) e Der Neuen Gedichte anderer Teil (A outra parte das novas poesías, 1908), onde desenvolveu un novo estilo de poesía lírica máis preciso e concreto, fuxindo do simbolismo francés. Acadou certa sona coa publicación en 1910 da súa novela autobiográfica Die Aufzeichnungen des Malte Laurids Brigge (Cadernos de Malte Laurids Brigge). A Primeira Guerra Mundial marcouno definitivamente, e en 1914 escribiu Fünf Gesänge (Cinco cancións). En 1921 estableceuse en Suíza, onde publicou as súas obras máis complexas, como Duineser Elegien (Elexías de Duino, 1922) e Sonette an Orpheus (Sonetos a Orfeo, 1923), nas que medita profundamente sobre distintos aspectos da existencia humana e que tiveron unha extraordinaria influencia na literatura europea do s XX. Pouco antes de morrer escribiu Nicht Geist, nicht Inbrunst wollen wir entbehren (Non deben faltarnos nin o espírito nin o fervor, 1926). A súa correspondencia, Briefe 1899-1926, foi editada entre 1929 e 1937.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Val

  • Nacemento

    Lugar : Praga

  • Deceso

    Lugar : Mont, Vaud