Rin

Rin

Río de Europa Occidental, o maior desta rexión. Nace en Suíza, fai fronteira entre Austria, Alemaña e Francia, rega parte de Alemaña e, finalmente, atravesa os Países Baixos, onde desauga no mar do Norte. Ten 1.298 km de longo e 196.300 km2 de cunca. Nace no lago Toma, a 2.344 m de altitude, ao pé do monte Badus, preto do paso de Oberalp, co nome de Vorderrhein. Nos Alpes oriéntase cara ao NL e recibe o Hinterrhein, que vén dos Alpes Réticos. Diríxese despois ao N ata o lago de Constanza, e ao saír del atravesa as estruturas do Jura. En Waldshurt recibe o Aare, e a continuación chega a Basilea, xa cun caudal de 1.023 m3/s. Antes do Plioceno, continuaba cara a conca do Roine, pero nesta época completouse a chaira do Rin que lle abriu o camiño cara ao N. Ao longo da chaira do Rin, e durante máis de 300 km, desde Basilea ata Bingen, discorre tan plano que as frecuentes inundacións levaron, no s XIX, ao seu acondicionamento, completado despois pola canle de Kembs. Nesta chaira só recibe augas pluviais de orixe oceánica, como son as do Neckar e as do Main. Despois de Maguncia, en Bingen, comeza a travesía do macizo xistoso Renano, mediante unha foz epixénica. Pasadas Koblenz e Colonia, continua pola chaira aluvial westfaliana e deixa Alemaña por Emmerich. En Países Baixos comeza o seu delta, moi ramificado, onde recibe o Mosa. Nas súas beiras atopáronse restos que se remontan ata o Paleolítico Inferior, pois nelas desenvolvéronse nas idades de Bronce e de Ferro a cultura de túmulos, a dos campos de furnas e a de La Tène. Desde mediados do I milenio a C, de xeito progresivo, as tribos xermánicas foron desprazando os poboadores celtas. O seu avance foi temporalmente detido por Roma mediante a construción dun limes, iniciado en tempos de Domiciano (83 d C), que seguía os cursos do Rin e do alto Danubio. O limes non impediu que arredor de 260, os alemáns e os francos se establecesen na cunca alta e na desembocadura do río, respectivamente. A partir do 406, o Rin foi cruzado, entre outros, por vándalos, suevos, alanos e burgundios, e as terras que atravesa pasaron a ser motivo de disputa, ata que a comezos do s VI se consolidou nelas o dominio franco. O río foi o eixe económico e político do imperio de Carlomagno, e a pesar das numerosas peaxes señoriais erixiuse como unha das rutas mercantís medievais máis frecuentadas, vía de comunicación entre o mar do Norte e a Europa alpina e mediterránea.