Rioja, La
Comunidade autónoma uniprovincial, situada no ángulo occidental do val do Ebro, entre as comunidades autónomas de Castela-León, Euskadi, Nafarroa e Aragón (5.034 km2; 276.702 h [2001]). A súa capital é Logroño.
Xeografía física
Fisiograficamente La Rioja comprende un sector do Sistema Ibérico e o NO da depresión do Ebro, contiguo coa Ribera de Nafarroa e Aragón. O Sistema Ibérico, ao O e ao S, sepáraa da conca do Duero, esténdese polas cabeceiras dos afluentes do Ebro e culmina a 2.262 m no pico de San Lorenzo (serra da Demanda). Constitúe a comarca dos Cameros, gandeira, que se despobou rapidamente, a pesar dos recursos mineiros e hidroeléctricos. Ao O limita polo desfiladeiro de Conchas de Haro, onde comeza a Meseta, e polo N pola serra de Cantabria, inicio dos montes vascos. Distínguense dúas comarcas: La Rioja Alta e La Rioja Baja. A primeira comprende o val do Ebro, augas arriba de Logroño, e os dos seus afluentes Tirón, Oja (a súa conca, repoboada por vascos nos ss IX-XIII é o núcleo orixinario de La Rioja), Najerilla e Iregua. La Rioja Baja comprende o resto do val do alto Ebro e os vales do Leza, o Cidacos e parte do Alhama, que desaugan nel pola dereita. Logroño é o enlace entre ambas as dúas comarcas, e o símbolo dunha rexión fisiograficamente medio aragonesa, pero na que a influencia vasca faise patente na comercialización do viño e tamén na procedencia dos seus veraneantes. O clima é mediterráneo continentalizado. A temperatura media oscila entre os 11,8°C e os 31,8°C, e as precipitacións entre os 300 e os 600 mm anuales. O cerzo, vento do NO, frío é húmido, é frecuente durante o inverno e parte da primavera.
Xeografía económica
A agricultura é fundamental na economía rioxana, con regadíos que facilitan unha importante diversificación de cultivos moi rendibles. Todo o sector meridional da rexión está practicamente abandonado ou ten unha explotación extensiva de gando bovino, ou ovino en menor grao. En cambio, a metade setentrional, con solos profundos e topografía plana, reúne unhas condicións moi favorables para a actividade agrícola. A metade da superficie de regadío atópase nas marxes do Ebro, e o resto nas dos seus afluentes (hortas de Cidacos e de Alhama). Nestes terreos, a produtividade é óptima, cunha serie de produtos de fácil comercialización e elevados prezos. Unha gran parte do secaño está dedicada á viticultura, que ocupa áreas de solo pedregoso e profundo e ten unha rendibilidade elevada, sendo notables os prezos que acada o viño con Denominación de Orixe de La Rioja. A viña ten a súa máxima expansión en La Rioja Alta, entre Haro e Cenicero, sendo máis secundaria en La Rioja Baja. O resto do secaño, con solos máis arxilosos, dedícase a cereais. A zona das ribeiras do Ebro constitúe o seu eixe industrial. En termos xerais, a industria rioxana baséase na transformación dos seus produtos agrarios. Cabe destacar as coñecidas adegas de Haro, San Asensio e Logroño. Tamén é moi importante a industria conserveira, en boa parte controlada por capitais extrarrexionais. Calahorra e Alfaro son os dous núcleos conserveiros máis importantes. Outras industrias destacadas son a da madeira en Nájera, a do calzado en Arnedo e a metalúrxica e a do moble en Logroño, aínda que as funcións principais desta vila son as de centro comercial e administrativo.
Xeografía humana
A evolución demográfica rioxana ten como característica o estancamento ao longo do s XX, pero especialmente desde 1950. Con todo, este proceso non foi homoxéneo. Comarcas como La Demanda, Camero Nuevo e Camero Viejo experimentaron unha diminución de ata o 72% da súa poboación desde comezos do s XX. Así, moitas vilas quedaron abandonadas, e outras quedaron convertidas en pequenas aldeas sen vitalidade e practicamente sen posibilidades de supervivencia a medio prazo. Nas chairas, a regresión non foi tan forte. Escaparon desta tónica xeral Logroño e unha serie de pequenas capitais comarcais como Calahorra, Alfaro, Arnedo, Nájera e Haro. La Rioja é paso obrigado do Camiño de Santiago, e os seus puntos principais son Logroño, Nájera e Santo Domingo de la Calzada.
Historia
Área de establecemento dos vascóns e os cántabros, estivo ocupada tamén polos beróns e máis tarde polos musulmáns ata a súa reconquista por parte de Ordoño II e Sancho I de Pamplona (923). A súa repoboación fíxose con xentes do norte, mediante fundacións monásticas como San Millán de la Cogolla. Como fronteira entre Castela e o Reino de Navarra foi obxecto de disputa de ambos os dous territorios, ata que Enrique II de Inglaterra arbitrou no conflito adxudicándolla a Castela (1179). Foi escenario da guerra civil castelá entre Pedro I e Enrique II de Castela (Batalla de Nájera, 1367), da rebelión carlista do xeneral Santos Ladrón, que foi sufocada (1863), e dos enfrontamentos en Arnedo (1933) entre os campesiños e as forzas da orde pública. Durante os primeiros anos da monarquía estableceuse unha forte polémica entre os partidarios de incluír La Rioja (entón chamada Logroño) en Castela a Vella e os partidarios dunha unión con Euskadi, incluída Nafarroa, territorio co que La Rioja mantén estreitos lazos económicos e empresariais. Nun primeiro momento, o goberno central non lle concedeu importancia a estas reivindicacións, e en 1978 rexeitou outorgarlle un réxime preautonómico. Non obstante, máis tarde tivo que considerar o caso xa que ningunha das dúas tendencias conseguiu impoñer o seu punto de vista, o que permitiu aos grupos políticos centristas da deputación provincial encamiñarse cara a un estatuto propio, aducindo que deste xeito se evitaría o posible centralismo de Valladolid ou Burgos e a violencia e a radicalidade do nacionalismo vasco. A pesar do pacto autonómico entre o goberno de Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo e o PSOE (1981), e da intención de incluír La Rioja dentro da autonomía de Castela e León, a deputación preparou e negociou un estatuto de autonomía de alcance moi limitado e sen acordos preferenciais con ningunha das comunidades veciñas co fin de diversificar posibles convenios interrexionais. Pactado o estatuto de autonomía entre a UCD e o PSOE, forzas hexemónicas na rexión, foi aprobado polo Congreso de los Diputados e o Senado, polo que en xuño de 1982 La Rioja pasou a ser unha comunidade autónoma. Os seus primeiros presidentes foron Luis Javier Rodríguez Moroy (1982-1983) e Antonio Rodríguez Basulto (1983). Despois das primeiras elecións autonómicas (1983), co nomeamento como presidente do socialista José María de Miguel Gil, quedou formada a Diputación General ou Parlamento de La Rioja. Nas eleccións de 1987 o PSOE obtivo a maioría de votos pero o candidato de AP, Joaquín Espert Pérez-Caballero foi elixido presidente co apoio do Partido Riojano Progresista (PRP). En 1990 fíxose cargo do goberno autonómico o socialista José Ignacio Pérez Sáenz, ao prosperar unha moción de censura, e revalidou, co apoio do PRP, o cargo nas eleccións de 1991. En 1995 o PP obtivo a maioría absoluta e Pedro María Sanz Alonso pasou a dirixir o goberno, que revalidou en 1999 e 2003.
Patrimonio cultural
Do extenso patrimonio cultural rioxano sobresaen varios xacementos arqueolóxicos, os restos do acueduto romano de Calahorra, declarados BIC en 1970, e a ponte romana sobre o río Leza en Agoncillo (BIC, 1981). Ademais destaca o mosteiro románico de Santa María la Real de Nájera (BIC, 1889); os restos da muralla medieval de Logroño; as catedrais de Santa María de Calahorra, de estilo gótico (BIC, 1931), a de Santa María la Redonda de Logroño (BIC, 1931) e a do Salvador en Santo Domingo de la Calzada; as igrexas de Santo Tomás en Haro (BIC, 1931), San Miguel en Cuzcurrita de Río Tirón, a de San Miguel en Alfaro (BIC, 1976), Santa María en Navarrete e San Bartolomé e Santa María del Palacio (BIC, 1943), estas dúas últimas en Logroño. Da arquitectura civil salientan a casa-palacio dos Salazar en Haro (BIC, 2002), os castelos de Agoncillo (BIC, 1983) e de Cuzcurrita de Río Tirón e o conxunto histórico do centro histórico de Casalarreina (BIC, 1975).