Ríos Panisse, María do Carme

Ríos Panisse, María do Carme

Filóloga. Licenciada en filoloxía románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1968), doutorouse coa tese Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (1973). Foi profesora na facultade de Filoloxía da universidade compostelá e, desde 1981, catedrática de instituto de lingua e literatura galegas. En 1983 foi nomeada primeira inspectora (extraordinaria) de lingua e literatura galegas do distrito universitario de Santiago. Sensibilizada coa difusión da lingua galega, participou e ocupou cargos directivos na asociación O Galo e desenvolveu o seu labor de investigación no ILG, colaborando na redacción dos métodos Galego 1, 2 e 3 e na primeira fase do Tesouro lexicográfico galego; tamén colaborou na elaboración do Atlas Lingüístico de los marineros peninsulares, dirixido por M. Alvar. No campo do léxico publicou Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces, con anotaciones etimológicas por Antonio Santamarina (1977) e Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas (1983), e no da literatura editou Devalar (1992) e Os señores da terra (1996), de Ramón Otero Pedrayo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela