Rocha, Adolfo Correia da
Escritor. Coñecido como Miguel Torga, licenciouse en Medicina pola Universidade de Coimbra (1937). Nos seus inicios literarios vinculouse ao grupo formado arredor da revista Presença (1927-1940), que influíu nos seus primeiros libros de poemas, Ansiedade (1928) e Rampa (1930). O seu desacordo coa liña da revista afastouno do grupo e colaborou na fundación de Sinal e Manifesto. Caracterizado por un pensamento político de corte democrático e antiditatorial, converteuse nun símbolo de oposición ao salazarismo. Na súa obra conxuga a ameaza constante da morte coa crónica político-social da intrahistoria de Portugal e coa análise do papel do país na Europa contemporánea. Publicou os libros de poemas Tributo (1931), Abismo (1932), O outro Libro de Job (1936), Lamentação (1943), Libertação (1944), Odes (1946), Nihil Sibi (1948), Cântico do homem (1950), Alguns poemas ibéricos (1952), Penas do Purgatório (1954), Orfeu rebelde (1954), Câmara ardente (1962), Poemas ibéricos (1965) e Antologia poética (1981); as coleccións de contos Bichos (1940), Contos da Montanha (1941) e Novos Contos da Montanha (1944); as novelas O senhor Ventura (1943) e Vindima (1945); os dramas naturalistas Terra firme e Mar (1941), Sinfonía (1947) e O Paraíso (1949); e os ensaios e impresións de viaxes Pão ázimo (1931), A terceira voz (1934), obra en que empregou por primeira vez o seu pseudónimo; Um reino maravilhoso: Trás-os-Montes (1941), O Porto (1944), Portugal (1950) ou Traço de Uniao (1955); e no eido da autobiografía, Diario (1941-1993), dezaseis volumes en que alterna poesía e prosa, e A criação do mundo (1937), onde retoma a súa biografía dunha forma máis estruturada. Recibiu o Premio Montaigne (1981), o Premio Camões (1989) e o Premio de Literatura Écureuil do Salón do Libro de Bourdeaux (1992). Foi designado Personalidade do ano 1991 pola Associacão de Imprensa Estrangeira em Portugal e homenaxeado pola Asociación Internacional de Críticos Literarios (1994).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : São Martinho de Anta, Vila Real -
Deceso
Lugar : Coimbra