Rodríguez Baixeras, Xavier
Poeta e tradutor. Formado en filosofía e letras, colaborou en diversas publicacións, como as revistas Nordés e A Trabe de Ouro. A súa obra poética caracterízase por unha gran riqueza léxica e preocupación formal, e por unha voz poética reflexiva e nostálxica ao mesmo tempo. O seu primeiro libro de poemas foi Fentos no mar (1981), inspirado nos máis destacados poetas portugueses. Posteriormente publicou Lembranza do areal (1985), en que evoca algunhas lembranzas de tempos pasados. No seu libro recompilatorio Anos de viaxe (Poesía 1981-1987) (1987) incluíu, ademais dos libros de poemas xa publicados, outros dous titulados Celestes faiados, escrito en 1985 e daquela inédito, e A gándara da noite (1987, Premio da Crítica española). Neste último, onde aparecen trazos da súa infancia en forma de percorrido vital, expresa a fugacidade do tempo e a irremediable chegada da morte. Continuou a súa produción con Visitantes (1991, I Premio Miguel González Garcés), Nadador (1995, Premio da Crítica Española), Beira norte (1996, Premio de la Crítica Española), Eclipse (2001) e Diario de comidas (2004). En As augas abandonadas (1999) realizou unha escolla da súa obra poética escrita entre 1981 e 1999. No eido da tradución, ademais da obra de numerosos autores cataláns, destacan O demo nos outeiros (1989), de C. Pavese; Os noivos (1996), de A. Manzoni; Montedemo (2003), de Hélia Correia; e ao castelán algunha obra de Méndez Ferrín, como Amor de Artur (1990), con M. Fuentes; e Capitán invierno (2002), de Ramiro Fonte.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Tarragona