Rodríguez Castelao, Afonso Daniel Manuel

Rodríguez Castelao, Afonso Daniel Manuel

Debuxante, escritor e político. En 1895 marchou coa súa nai, Xoaquina Castelao Genme, a Arxentina para reunirse co seu pai, Mariano Rodríguez Dios, propietario dunha polbeira e dun almacén de comercio en Santa Rosa de Toay (La Pampa), onde naceron as súas irmás, Xosefina e Tareixa. En 1900 toda a familia, agás o pai que regresaría máis adiante, voltou a Galicia e instalouse en Rianxo. Entre 1901 e 1903 estudou por libre o bacharelato e preparou o seu ingreso na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa etapa universitaria participou en actuacións teatrais e en parladoiros, ao tempo que traballaba como practicante no Hospital Provincial e despois como alumno interno no Hospital Clínico. Realizou as súas primeiras pinturas e debuxos enmarcados no costumismo idealizante da Xeración do 98. Nos seus cadros de cegos empregou as tintas planas dun xeito modernista. En 1909 obtivo a licenciatura e marchou a Madrid para cursar o doutoramento. Colaborador da revista gráfica Vida Gallega, participou na Exposición Regional Gallega de Santiago, onde conseguiu unha medalla de ouro; ademais, realizou as súas primeiras achegas ao campo da ilustración, como a portada de Princesa del amor hermoso, de Sofía Casanova. Durante a súa estada madrileña participou no Salón de Humoristas, deu conferencias no Ateneo, colaborou en El Liberal e coñeceu a Basilio Álvarez e Alfredo Vicenti. En 1911 regresou a Rianxo para exercer como médico rural e colaborou, xunto con X. Arcos Montes, E. Dieste e R. Rey Baltar, no semanario satírico El Barbero Municipal, onde publicou diversas caricaturas políticas. Participou tamén na revista ourensá Mi Tierra e ditou a súa primeira conferencia sobre a caricatura en Vigo. En 1912 incorporouse á Liga Agraria de Acción Gallega de Basilio Álvarez e realizou a súa primeira exposición individual en Ourense. Expuxo tamén en Madrid e participou na Exposición Regional da Coruña. Alternou estas actividades coas colaboracións nos xornais madrileños El Liberal e La Tribuna, e na revista bonaerense La Semana Universal. En 1912 casou con Virxinia Pereira, nai do seu único fillo, Afonso Xesús de Braga, que naceu en 1914. En 1913 publicou na revista La Temporada a conferencia sobre a caricatura “Momento de Arte”, que ditara no Balneario de Mondariz, e colaborou coa revista satírica madrileña El gran bufón. Ao ano seguinte sufriu un desprendemento de retina e, aínda que foi operado, perdeu parte da súa visión, de aí a súa sensibilidade cara aos cegos, aos que consideraba cariñosamente ‘os seus irmáns’. Comezou a colaborar en La Ilustración Española y Americana, La Esfera e El Noroeste, e deseñou a cuberta da exitosa novela La Casa de la Troya (1915), de A. Pérez Lugín. En 1915 participou na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid e no Ateneo ditou a súa conferencia sobre a caricatura. Ese mesmo ano abandonou o seu traballo como médico, que non lle gustaba, e preparou as oposicións para auxiliar do Instituto Geográfico y Estadístico. Unha vez conseguida a praza, en 1916 foi destinado a Pontevedra, onde viviu ata 1936. Tamén en 1916 colaborou na revista bonaerense Suevia e ditou a conferencia sobre a caricatura no Recreo de Artesanos en Pontevedra. Nestas datas publicou Algo acerca de la caricatura. En Pontevedra participou nos parladoiros do Café Moderno, realizou os debuxos do decorado da obra La fuerza bruta e asistiu ao Club Karepas, onde se relacionou con Iglesias Vilarelle, A. Losada Diéguez e Sánchez Cantón, e onde agromaron os proxectos da Coral Polifónica e o Museo de Pontevedra. En 1917 ingresou nas Irmandades da Fala, participou nas asembleas nacionalistas e comezou a colaborar en A Nosa Terra, labor que compaxinou co de profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra, onde recibiu a influencia política de A. Losada Diéguez. En 1918 aprobou unhas novas oposicións que lle permitiron ascender na escala funcionarial e, ante un andazo de gripe, volveu exercer temporalmente como médico en Rianxo, o que motivou diversas mostras de agradecemento dos seus veciños. Participou tamén na I Asemblea Nacionalista de Lugo e comezou a colaborar no xornal madrileño El Sol. En 1919 comezou a publicar relatos en A Nosa Terra na sección “Contos de Castelao”, ditou a conferencia “Arte e galeguismo” e participou na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela. En 1920 comezou a editarse en Ourense a revista Nós, da que foi redactor e, desde 1925, director artístico, onde colaborou con Losada Diéguez, R. Otero Pedrayo, F. López Cuevillas e Vicente Risco. Ese mesmo ano expuxo o álbum Nós por distintas localidades galegas, e en Madrid e Barcelona, nunha mostra que durou ata 1924. A conferencia inaugural da exposición “Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura” publicouse en A Nosa Terra. O álbum é unha colección de 49 estampas e un autorretrato que, despois da exposición, se editou en 1931. O seu tema principal é expoñer as lacras sociais de Galicia, sobre todo as que afectaban ás clases populares, e amosan a súa visión da arte, entendida como compromiso social. O seu estilo artístico cambiou radicalmente, pois abandonou o lirismo e o costumismo para facer unha visión realista da sociedade galega mediante as caricaturas. Neste álbum o debuxo vai acompañado dun pé, elementos inseparables con carga expresiva ambos os dous. No caso das estampas en que a carga recae sobre o pé, o debuxo sintetízase e o seu protagonista sitúase nun lado, deixando un grande espazo baleiro; tamén resulta sintético o decorado en que se desenvolve a escena e estilisticamente predomina o grafismo. No caso inverso, o debuxo é moito máis expresivo. En 1921 realizou a cuberta do libro de poemas Vento mareiro, de R. Cabanillas e, cunha pensión da Junta de Ampliación de Estudios, viaxou por Francia, Bélxica e Alemaña. Froito desta viaxe foi o Diario de viaxe, que saíu por partes en Nós, pero que non se publicou como libro ata 1977. Nese ano entrou a formar parte do consello de redacción da revista Céltiga, en Ferrol, que dirixiu Xaime Quintanilla, e pasou a colaborar como caricaturista en publicacións periódicas como Faro de Vigo, Galicia e El Noroeste. En 1922 publicou na colección Céltiga a novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, que el mesmo ilustrou. Trátase das lembranzas dun esqueleto recollidas por un médico, posiblemente o propio Castelao, e está estruturada en función dunha serie de breves estampas xustapostas. Nas diferentes escenas, observadas polo esqueleto co seu ollo de vidro, aparecen diversos comentarios de carácter político e social, con trazos de humor negro. Precisamente, foi o humor -a retranca-, o elemento que empregou Castelao para crear certa conciencia colectiva no pobo galego. Tamén en 1922 participou na creación do xornal Galicia, xunto a Paz Andrade, R. Blanco Torres, A. Losada Diéguez e Lustres Rivas, onde deu a coñecer as súas “Cousas da vida”, a que se considera como a creación máis importante e singular de Castelao. Na IV Asemblea Nacionalista de Monforte (1922) aliñouse cos nacionalistas radicais de Vicente Risco. En 1924 ingresou no Seminario de Estudios Galegos co discurso “O novo esprito na arte”; foi a partir daquel intre en que creceu o seu interese pola etnografía e a arte popular galega. Ao ano seguinte contribuíu a fundar a Coral Polifónica de Pontevedra, para a que realizou os decorados da súa presentación (1925). Ademais, publicou o álbum de estampas Cincoenta homes por dez reás e ilustrou Estoria do bendito San Amaro, de R. Cabanillas. En 1926 publicou na Editorial Lar e dentro da colección Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos o primeiro libro de Cousas, 44 pezas que reúnen breves textos de prosa coas súas correspondentes ilustracións. Este tipo de pezas tiveron a súa continuación noutras publicadas en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Nas súas Cousas hai retratos humanos, paisaxísticos ou animais, algúns deles de carácter dramático, mentres que outros xogan con ese humor negro que xa evidenciara en Un ollo de vidro. Os personaxes de Cousas son seres individuais, descritos por un narrador en primeira persoa que lembra historias vividas por el mesmo ou por alguén próximo, ou por un narrador colectivo, que está pendente do lector para chamar a súa atención sobre diversos aspectos da narración. Os relatos adoitan comezar coa descrición dun tempo ou dun lugar, e desenvólvense en función dunha serie de oposicións antitéticas que representan o mundo urbano/rural, a terra/o mar, etc, e sempre cun final pechado. Dotados do ritmo que lle proporcionan as súas reiteracións, é frecuente atopar aliteracións e certos paralelismos morfosintácticos. En 1926 foi proposto para formar parte da Real Academia Galega, aínda que non pronunciou o seu discurso, “As cruces de pedra na Galiza”, ata 1934. Continuou a súa actividade como ilustrador deseñando a portada de El Mariscal e creando os debuxos do libro A noite estrelecida, ambos os dous de R. Cabanillas, ademais da portada de Oraciós campesiñas, de E. Rodríguez. Participou na fundación do Museo de Pontevedra (1927) e ao ano seguinte sufriu a morte do seu fillo, polo que abandonou temporalmente as súas actividades públicas. En 1929 publicou o segundo libro de Cousas, editado por Nós. Nese ano, por mediación da Institución Libre de Enseñanza conseguiu unha nova pensión coa que viaxou a Bretaña para estudar as cruces de pedra, traballo que recolleu en As cruces de pedra na Bretaña (1931), publicado polo Seminario de Estudos Galegos, e que acompañou de diversas ilustracións. Coa morte de Antón Losada Diéguez, soterrado o 16 de outubro de 1929, produciuse unha enorme sensación de dor na intelectualidade galega á que non foi allea Castelao. En 1930, tras a caída da Ditadura de Primo de Rivera, a súa actividade política acentuouse e participou activamente nas campañas galeguistas, co que se converteu nun dos principais referentes do nacionalismo galego. Así, en 1930 asistiu á VI Asemblea Nacionalista da Coruña (1930) e, no día da Patria Galega, participou, xunto a V. Paz Andrade e R. Otero Pedrayo, nun mitin en Vigo co discurso “O galeguismo na arte”. En setembro formou parte do Pacto de Barrantes a prol da república e da autonomía e en contra do centralismo do estado. Coa chegada da Segunda República (1931) e a celebración de eleccións en xuño, integrou a Candidatura Galleguista por Pontevedra con R. Cabanillas e V. Paz Andrade, pero só el foi elixido deputado, polo que se integrou en Minoría Gallega cos demais deputados nacionalistas (A. Villar Ponte, R. Otero Pedrayo e R. Suárez Picallo) e co deputado da ORGA Santiago Casares Quiroga. O interese deste por dirixirse cara ao republicanismo de Manuel Azaña, fixo que todos eles, agás Villar Ponte que o deixou para máis adiante (1934), abandonasen o grupo. En decembro de 1931 participou en Pontevedra na VII Asemblea das Irmandades da Fala, na que naceu o Partido Galeguista froito dos intereses de moitas agrupacións nacionalistas e desde o que se procurou a defensa da autonomía galega. Precisamente, a reivindicación da lingua galega por parte de Castelao nas Cortes provocou unha sonada polémica con Miguel de Unamuno. Nesta cámara foron frecuentes os seus contactos cos nacionalistas vascos e cataláns, aos que lle unían ideas e intereses comúns. Nun acto en Ribadeo expuxo que o único camiño para chegar ao universalismo e ao pacifismo era o federalismo, ademais das vantaxes que iso ía supoñer. O 25 de xullo de 1933 asinouse en Santiago de Compostela o Pacto de Galeuzca entre as forzas nacionalistas galegas, vascas e catalás, en que se afirmaba a necesidade de aprobar os estatutos de autonomía das tres comunidades históricas como paso previo á conformación dun estado federal, e que se concedese o dereito de bilingüismo, que xa tiña Catalunya, Galicia e Euskadi. Nas eleccións de 1933 presentouse polo Partido Galeguista na provincia de Pontevedra pero non obtivo acta de deputado. Ese mesmo ano realizou os decorados e os figuríns para a estrea en Madrid de Divinas Palabras, de R. del Valle-Inclán. En 1934 foi nomeado secretario político do Partido Galeguista e continuou coa súa participación nos mitins en favor do estatuto de autonomía. Tamén foi ese ano un tempo moi frutífero para a súa produción escrita, pois recolleu nun só volume Cousas e publicou ademais Retrincos, composto por cinco pequenos contos en que o narrador é o propio autor, e onde se recollen distintas vivencias autobiográficas, ordenadas cronoloxicamente, e acompañadas de ilustracións de Maside. Xunto a estes dous volumes, tirou do prelo a súa única novela, Os dous de sempre, que pretende ser, ante todo, unha caricatura do ser humano a través das vidas dos seus dous protagonistas, Pedro e Rañolas, e que está marcada por un humor tráxico. Tamén neste último libro, xustapón pequenas unidades narrativas en forma de capítulos, dotados de certa autonomía e unidos polo tema, as vidas paralelas dos seus personaxes, que representan dúas formas completamente distintas de afrontar a existencia. Ambientado nunha vila mariñeira, posiblemente Rianxo, os protagonistas visitan diversas vilas e cidades de Francia, Castela ou Navarra, ademais da Pampa. Ese mesmo ano ilustrou Fra Vernero e A Romeiría de Xelmírez, de R. Otero Pedrayo, e leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. A represión exercida polo goberno de Lerroux despois da revolución de Asturias e o conflito coa Generalitat de Catalunya tamén afectou aos galeguistas, polo que foi desterrado a Badajoz, aínda que oficialmente o traslado obedecía a necesidades do servizo, mentres que Alexandre Bóveda, outro dos referentes do nacionalismo galego, marchaba a Cádiz. Durante os dez meses que durou a súa estada en Extremadura seguiu a traballar a prol do Partido Galeguista, reorientándoo cara á esquerda, coa publicación das “Verbas de chumbo” en A Nosa Terra. Coa chegada ao goberno de Portela Valladares como ministro do Interior, quen tamén participara no Pacto de Barrantes, ambos os dous líderes puideron regresar a Pontevedra. As teses de Castelao para achegarse á esquerda e buscar unha alianza cos republicanos de Manuel Azaña que lle permitise dar un novo pulo ao estatuto de autonomía foron referendadas na IV Asemblea do PG celebrada en Santiago de Compostela en 1935. Integrado o PG na candidatura da Fronte Popular, foi candidato por Pontevedra nas eleccións de febreiro de 1936 e resultou elixido deputado. Comezou entón unha campaña en favor do estatuto de autonomía que contou coa oposición de Casares Quiroga, aínda que, despois dun pacto con Manuel Azaña, o 28 de xuño puido celebrarse un referendo, que obtivo a conseguinte aprobación popular. Trasladouse entón cunha comisión a Madrid e presentou o texto do estatuto ao presidente das Cortes e ao presidente da República, pero co estalido da Guerra Civil Española o debate e a aprobación definitiva do texto quedaron en suspenso. Morto Alexandre Bóveda e outros destacados galeguistas, nestas primeiras semanas de conflito Castelao, o expoñente máis importante do nacionalismo galego naquela altura, colaborou coas Milicias Galegas e, xunto con Ramón Suárez Picallo, marchou a Barcelona para organizar as forzas galegas da cidade. Trasladouse logo a València, onde se instalaran a finais de ano as Cortes e o goberno da República. Nese tempo tentou presentar de novo estatuto, tarefa que non foi posible. En València publicou os álbums Galicia mártir e Atila en Galicia, en que describiu a represión da guerra e onde cada debuxo, con predominio do claroscuro, vai acompañado dunha lenda irónica que lle dá título. En Nueva Galicia, publicación sostida polo Partido Comunista, continuou a publicar “Verbas de chumbo”, que iniciara durante o seu desterro en Badajoz en A Nosa Terra, coas que defendía a autonomía galega; colaborou tamén en Nova Galiza, publicada en Barcelona por republicanos e galeguistas baixo a dirección de Rafael Dieste. Precisamente, foi no seu regreso a Barcelona desde València cando rematou a primeira parte de Sempre en Galiza. En 1938 presentou, desta volta nas cortes republicanas reunidas en Montserrat, o Estatuto de Autonomía e iniciou unha viaxe na procura de apoios á república por EE UU, URSS e Cuba. Durante a súa estada en Nova York publicou un novo álbum de guerra, Milicianos, editado polo Frente Popular Antifascista Galego. En Cuba publicou as conferencias “Galicia y Valle Inclán” e “Federalismo español”. O final da Guerra Civil Española sorprendeuno en EE UU, polo que decidiu establecerse en Nova York, ao tempo que foi elixido xefe do Partido Galeguista polos galeguistas de Arxentina. Tamén nesa altura foi nomeado presidente honorario da Federación Mundial de Estampas de Negros. En 1940 trasladouse a Bos Aires, onde permaneceu ata a súa morte. Ao ano seguinte traballou como ilustrador de libros na editorial Atlántica e estreou na capital arxentina e en Montevideo a peza teatral Os vellos non deben de namorarse, que rematara de escribir en Nova York, con decorados, caretas e vestiario que el mesmo deseñou. A obra representa distintas versións do drama do vello namorado que remata coa morte dos protagonistas. Desde 1942 volveu publicarse A Nosa Terra, en que colaborou, ao tempo que abandonaba a revista editada por exiliados Pensamiento Español. Nese mesmo ano tirouse do prelo Jacobusland, de Emilio Pita, con ilustracións de Castelao. O 18 de abril de 1943 participou no Estadio Nacional de Montevideo, ante máis de 50.000 persoas, nos actos de celebración do doce aniversario da república en España, xunto a outros representantes políticos doutras nacionalidades históricas e o presidente da República no exilio Martínez Barrio. En 1943 rematou Sempre en Galiza, unha heteroxénea colección de ensaios, discursos, artigos e conferencias escritos en diferentes circunstancias e con finalidades diferentes. Está formado polas “Verbas de chumbo”, escritas en 1935, que constitúen o limiar; as de 1937 e 1938, que conformaron o Libro Primeiro; o Libro Segundo, escrito durante a súa estancia en Nova York e que rematou na viaxe a Bos Aires; e o Libro Terceiro, escrito en Bos Aires, e que finaliza co discurso pronunciado nun mitin organizado pola oposición española ao réxime franquista en Montevideo. Promovido polo Centro Ourensán de Bos Aires e dedicado á figura de Alexandre Bóveda, os seus ensaios constitúen unha fonte de primeira man do seu pensamento político. No ámbito da Segunda República tratou de dar unha solución á situación política de Galicia. Definiu as características de Galicia como nación, as súas relacións con Castela e Portugal, e defendeu o establecemento dunha España plurinacional, dunha república federal española e da Unión Ibérica. Segundo el mesmo, nestes ensaios demostrou que Galicia conservaba integramente todos os atributos dunha verdadeira e auténtica nacionalidade. O libro publicouse en 1944, ano en que se constituíu en Bos Aires o Consello de Galiza, do que foi elixido presidente, e ao que acompañaron Antón Alonso Ríos, como secretario, Elpidio Villaverde e R. Suárez Picallo. Unha das primeiras decisións foi a de procurar a alianza coas outras comunidades históricas e constituír unha idea en común, polo que novamente volveu xurdir a idea de Galeuzca a finais de 1945, onde participaron Ramón Mª de Aldasoro como representante de Euskadi e Manuel Serra Moret por Catalunya. Con esta iniciativa saíu tamén do prelo a revista Galeuzca, onde Castelao publicou varios artigos. Nas Cortes de México dese mesmo 1945 conseguiu que se formase a Comisión de Estatutos para tratar o estatuto galego. No goberno formado no exilio por José Giral en 1946 foi designado ministro en representación das forzas democráticas galegas e trasladouse a París, pero o enfrontamento entre as distintas tendencias republicanas levou ao fracaso do goberno e ao seu regreso en 1947 a Bos Aires. Ao ano seguinte publicou, anonimamente, un texto sobre o estatuto de Galicia en que relataba a historia do galeguismo e no día de Galicia pronunciou o discurso “Alba de Groria”. Enfermo de cancro de pulmón, a súa actividade pública foi diminuíndo ata que faleceu despois dunha operación, antes de ver publicado As cruces de pedra na Galiza (1950), ensaio histórico e etnolóxico sobre os cruceiros. Foi soterrado no panteón do Centro Galego do cemiterio de La Chacarita, ata que o seu corpo foi trasladado a Galicia e soterrado no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela o 28 de xuño de 1984. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas (1964).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Rianxo

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires