Rodríguez Fernández, Celso

Rodríguez Fernández, Celso

Teólogo e filólogo. En 1956 foi ordenado sacerdote da diocese de Tui. En 1961 doutorouse en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma e, en 1976, en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. É profesor universitario de latín desde 1966, exercendo primeiro en Salamanca, despois en Santiago de Compostela e, a partir de 1973, en Vigo. Foi nomeado catedrático de Filoloxía Latina da Universidade de Vigo en 1995 e, desde 2004, é catedrático emérito. Nesta mesma universidade ocupou o cargo de decano da facultade de Humanidades (1994-1998). Especialista en haxiografía e en literatura litúrxica medieval, publicou El Antifonario Visigótico de la Catedral de León (1985), La pasión de San Pelayo (1991) e, en colaboración con J. M. Díaz de Bustamante, A propósito de la ‘In Martinum Lutherium Oratio Paraenetica’ de Luis Marliano (2003). Como sacerdote a súa vocación está centrada na mocidade. Foi profesor durante moitos anos do Seminario de Tui, fundou o movemento apostólico xuvenil Juventud Unida en Marcha (1980) e promove a construción en Guillarei (Tui) dun Centro de Espiritualidade para a Mocidade. Divulgou o coñecemento das cuestións morais e teolóxicas creando a colección de cadernos Para pensar e dialogar e publicando o libro Gratias, Domine! (2001). No ano 2004 o Papa Xoán Paulo II nomeouno prelado honorífico en recoñecemento do seu labor pastoral.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Goián, Tomiño