Rodríguez García, Luís
Xornalista e escritor. Coñecido como Lois Caeiro, dirixe o diario El Progreso de Lugo desde decembro de 2000. Doutorado en Ciencias da Información pola Universidad Complutense de Madrid, da que é profesor colaborador no departamento de Empresa Informativa, iniciou o seu labor xornalístico en El Ideal Gallego como colaborador, correspondente e cronista político en Madrid nos anos da transición, e foi colaborador no suplemento cultural en Ya. Posteriormente, exerceu como cronista político en Galicia (1980-1982), labor que compatibilizou coa de correspondente de axencias e medios de comunicación como ABC. Foi responsable da posta en marcha dos informativos da TVG e director xeral da CRTVG (1986-1987). Primeiro director (1987-1988) de Atlántico Diario, foi tamén asesor de prensa da Delegación do Goberno en Galicia, da Confederación de Empresarios e da Xunta de Galicia, e dos gabinetes de Pescanova e Caixa Ourense. Membro do consello de administración da Editorial SEPT, onde coordinou a colección Testemuñas, prologou e preparou a edición de Pensar Galicia, cunha escolma de traballos diversos de Andrés Torres Queiruga, e foi un dos tradutores da Biblia dos nenos desde a versión inglesa. Colaborou en numerosas publicacións como Encrucillada, Man Común e a práctica totalidade dos periódicos galegos, ademais de poñer en marcha outras publicacións como En Galicia e Pizarra. É membro da comisión técnica de Televisión do Consello da Cultura Galega e do Patronato da Fundación Araguaney. Publicou Aquel mundo (1996) e O xantar da memoria (2004, Premio Álvaro Cunqueiro).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Sobrado