Rodríguez Mourullo, Gonzalo

Rodríguez Mourullo, Gonzalo

Xurista e escritor. Catedrático de Dereito Penal na Universidad Autónoma de Madrid desde 1970, foi relator xeral da comisión redactora do proxecto do novo Código Penal de 1980 e profesor nas universidades de Oviedo e Santiago de Compostela. No ámbito xudicial escribiu Aplicación judicial del Derecho y lógica de la argumentación jurídica (1988) e El Derecho español en el siglo XX (2000). No eido literario foi un dos fundadores do movemento da Nova Narrativa Galega. Colaborador da revista Vamos e do xornal La Noche, da súa produción destacan Nasce unha árbore (1954), en que inclúe tres relatos compostos con técnicas innovadoras e onde a realidade se trata con trazos fantásticos, ademais da utilización do monólogo interior e dos espazos mitolóxicos; e Memoria de Tains (1956), onde o autor emprega a técnica epistolar para reflectir os problemas existenciais dos personaxes. Os seus relatos están marcados polo simbolismo, o entrelazamento de historias nun mesmo texto, a temporalidade, o subxectivismo e a reflexión metaliteraria. Membro da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación, recibiu a Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort e a Medalla Castelao (2003).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Calo, Teo