Roi Martinz do Casal

Roi Martinz do Casal

Trobador portugués, quizais fillo de Martin Perez do Casal e Gracia Fernandez Portugal, mencionados no segundo Livro de Linhagens. Posiblemente foi testemuña en dous documentos localizados en Santarém en 1289 e 1294, e puido participar nas campañas andaluzas. Atribúenselle tres cantigas de amor e tres de amigo; delas, dúas de amor só teñen unha estrofa, polo que deben estar incompletas. Tamén en dúas cantigas de amor, “Que muyto ben fez Deus à mha senhor” e “Ora, senhor, muy [ben] leda ficade” sinala a entrega do corazón do namorado á amada, á que lle pide que corresponda. A terceira cantiga de amor, “Dized’, amigo, se prazer vejades”, reproduce un estraño diálogo entre a amada e o seu namorado, separados por unha longa distancia. En canto ás composicións de amigo, dúas forman unha secuencia, nun ton optimista e de confianza. En “Rogo-te, ay Amor, que queyras migo morar”, a doncela solicítalle ao amor que quede con ela mentres o amigo está en Granada, mentres que en “Muyt’ey, ay Amor, que te gradecer”, dálle as grazas ao amor por non abandonala.