Roma
Capital de Italia, de Lacio e da provincia homónima, situada a uns 25 km do Mar Tirreno, no centro dunha chaira ondulada, a Campagna Romana (2.459.776 h [2001]).
Xeografía
Naceu na ribeira do Tíber a carón da illa Tiberina, onde o río divagaba entre os outeiros de Monte Mario, Vaticano, Gianicolo e Monteverde pola banda dereita e, pola banda esquerda, unha serie de relevos formados por materiais volcánicos que constitúen os sete outeiros de Roma (Aventino, Capitolio, Celio, Esquilino, Palatino, Quirinale e Viminale). Aínda que a tradición situou o inicio de Roma no outeiro de Palatino, a cidade non comezou a existir, en realidade, ata a construción do foro na zona pantanosa entre o Palatino e o Capitolio e a anexión dos outeiros Aventino, Quirinale, Celio e Viminale. Alcanzou a máxima extensión no s III coa construción dunha nova muralla de 18 km que incluía os outeiros de Esquilino e Pincio e a chaira de Campo de Marte pola dereita do río e pola outra beira do río ata o o cume do Gianicolo. Coa caída do Imperio comezou unha época progresiva de decadencia, e durante séculos a cidade sufriu destrucións e pillaxes. A Roma renacentista desenvolveuse sobre o emprazamento do antigo Campo de Marte e ocupaba Viminale, Esquilino e as vertentes do Pincio. A promoción da capital estatal a finais do s XIX marcou unha nova etapa do seu crecemento, acelerado despois da Segunda Guerra Mundial, sen esquecer o período fascista, marcado pola construción de grandes edificios e grandes vías. A estrutura urbana está construída por aureolas concéntricas erguidas arredor do que foi a Roma renacentista papal, a cal se localiza no meandro do Tíber e inclúe tamén a ribeira dereita do río, que é unha zona comercial moi superpoboada. Dentro desta área, atópase o estado independente da Cidade do Vaticano. Outro centro atópase en dirección á Porta Pia, zona onde se localizan os grandes centros da administración, o Quirinal, os mosteiros e grandes bancos e os grandes almacéns. A maior parte da poboación activa dedícase a funcións terciarias e está moi desenvolvido o sector comercial. A actividade industrial está representada polo sector da construción, as industria alimentaria, téxtil, cinematográfica, química, artes gráficas e tamén as construcións mecánicas. Roma é un gran nó de comunicacións tanto terrestres como aéreas e é escala de tráfico aéreo con Próximo Oriente. É un dos principais centros turísticos do mundo e é importante a función cultural, con bibliotecas e institutos de investigación histórica e arqueolóxica.
Historia
A finais do s IX a C tivo lugar a fusión do primeiro núcleo de elementos latinos, sabinos e etruscos, pobos pastores e agricultores. O desenvolvemento xa era notable na época dos sete reis lendarios: Rómulo, Numa Pompilio, Tulio Ostilio, Anco Marcio, Servio Tulio, Tarquinio Priscio e Tarquinio o Soberbio. O paso da monarquía á república (509? a C) marcou o final da influencia etrusca na cidade. A institución dos tribunos permitiu chegar progresivamente a unha igualación de dereitos entre patricios e plebeos (s IV a C). A crecente potencia militar outorgoulle (s IV aC) a supremacía sobre todo a Lacio, sobre os etruscos, os galos e os gregos de Italia meridional. Cara a 270 a C dominaba xa toda a península, e desde a segunda metade do s III a C comezou a ampliar o seu dominio fóra de Italia. As dúas primeiras Guerras Púnicas (264-201 a C) déronlle a supremacía no Mediterráneo, feito que lle permitiu, nos cento cincuenta anos sucesivos, a conquista dos reinos que formaran o imperio de Alexandre o Grande, como tamén as rexións semibárbaras de Hispania e Galia. O Imperio Romano converteu a Roma na capital do mundo civilizado. A presión das poboacións de alén das fronteiras (invasións bárbaras) levaron o Imperio á decadencia. A mediados do s VI Roma era, politicamente, só unha cidade do Imperio Bizantino. A comuna, constituída en 1144, non tivo nunca nin o poder nin o esplendor das outras comunas italianas e decaeu definitivamente despois do período de papado de Aviñón en 1377. O poder temporal dos papas tomou forza e consistencia de principado (s XV), análogo ao doutros principados italianos, e Roma converteuse en capital dos Estados Pontificios. O saqueo de Roma (1527) por Carlos V puxo fin ao período de máximo esplendor dos Estados Pontificios, pero a importancia universal da cidade, sé do pontificado, axiña se acentuou ao se reforzar a autoridade papal na época da Contrarreforma. Ocupada por Napoleón I (1789), converteuna na segunda cidade do seu imperio. Coa actitude inicialmente liberal de Pío IX (1846-1878), Roma chegou a ser centro do Risorgimento e, despois do desacordo que motivou que o papa fuxise de Roma, foi proclamada a república romana (1849), gobernada por un triunvirato presidido por Giuseppe Mazzini. Poucos meses despois, os franceses, que acudiran en axuda de Pío IX, destruírona e restauraron o poder temporal do papa. Proclamado o reino de Italia (1861), Roma era a capital necesaria e, conquistada polas tropas italianas (1870), converteuse en capital en 1871. O feito non foi aceptado polo Vaticano ata 1929 cos pactos de Letrán, que recoñeceron a soberanía do papa na Cidade do Vaticano. Liberada da ocupación alemá (1944) pasou de capital da monarquía á da república (1946). Foi sede dos Xogos Olímpicos en 1960.
Patrimonio cultural
A cidade conserva un gran número de monumentos de todos os perídos históricos. De época antiga consérvase o Forum Romanum, onde se atopan os templos de Antonino Pío e Faustina, de Dióscuros e de Vesta, a Curia, a basílica de Maxencia, os arcos de Setimio Severo e Tito e nun dos seus extremos, fóra do recinto, o arco de Constantino e o Coliseo. No Palatino atópanse as casas de Livia e Augusto, a Domus Flavia e a Domus Augustana e o estadio de Domiciano. En 54 a C, César comezou a construción dun novo foro, posteriormente Augusto, Nerva e Traxano crearon outros que configuraron os Fori Imperiali, onde destacan os mercados e a columna de Traxano. Agripa comezou no Campo de Marte a construción do Panteon, restaurado posteriormente por Domiciano, Adriano, Setimio Severo e Caracalla. Outras construcións romanas destacables son a columna de Marco Aurelio, o Ara Pacis Augustae, o mausoleo de Augusto, a Domus Aurea de Nerón, o Forum Boarium, as termas de Caracalla. Sobre a sala central das termas de Diocleciano, M. Buonarroti erixiu en 1563 a igrexa de Santa Maria degli Angeli. O castelo de Sant’Angelo, construído como mausoleo de Adriano, foi transformado nunha fortaleza durante a Idade Media. Dos primeiros tempos do cristianismo consérvanse, entre outras, as catacumbas de Domitila, San Calisto, Santa Priscila e San Sebastiano. Adaptáronse para o culto cristián edificios pagáns como as basílicas. Destacan as de Santa Pudenziana, San Clemente, Santa Sabina, Santa Maria Antiqua, San Paoli fuori le Mura, San Giovanni in Laterano, Santa Maria Maggiore e San Lorenzo fuori le Mura, ampliadas ou reconstruídas en épocas posteriores. Do s XII destaca a reconstrución de San Clemente e Santa Maria in Trastevere e a igrexa de Santa Maria in Aracoeli e do s XIII a igrexa de Santa Maria sopra Minerva. A corte papal e as familias nobres de Roma embeleceron a cidade nos séculos do Renacemento e do Barroco. A renovación comezou a finais do s XV pero acadou a súa intensidade nos ss XVI e XVII. Destacan Santa Maria del Popolo, San Pietro in Montorio, Santa Maria dei Angeli, Sant’Andrea della Valle, Il Gesù, a Piazza del Campidoglio co Palazzo dei Conservatori e o Palazzo Nuovo, a praza Navona, coa igrexa de Santa Agnese in Agone, o Palazzo Pamphili e a Fontana dei Fiume, a praza de Spagna, coa escalinata e a igrexa da Trinità dei Monti, e as obras de Bernini (Palazzo Barberini, Sant’Andrea al Quirinale) e Borromini (San Carlo alle Quattro Fontane, San Ivo della Sapienza). De época neoclásica é a Piazza del Popolo coas igrexas xemelgas de Santa Maria dei Miracoli e Santa Maria in Montesanto, e Villa Borghese. Na Piazza Venezia destaca o Monumento Nazionale a Vittorio Emanuele II, Il Vittoriano (1885-1915). Das mostras da arquitectura moderna destacan a estación Termini (1938-1950), o barrio periférico EUR (1938-1960) no que destacan o Palazzo della Civiltà del Laboro e o Palazzo dello Sport, proxectado por P. Luigi Nervi para os Xogos Olímpicos de 1960 e remodelado en 1990. Entre as numerosas institucións culturais da cidade cómpre destacar o Museo Nazionale Etrusco, o Nazionale Romano, os Musei Capitolini, a Galleria Nazionale d’Arte Moderna e a Galleria e o Museo Borghese. O centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1980.