Román, Antonio

Román, Antonio

Realizador cinematográfico. De nome Antonio Fernández--Román García de Quevedo, pasou a súa infancia en Ourense, onde compartiu a súa paixón polo cine con outro futuro director, Carlos Velo. Na década de 1930 instalouse en Madrid, onde colaborou con diversas publicacións do mundo do cine, como Popular Films, Films Selectos e Cinegramas. Despois das súas curtametraxes Sandra e Ensueño, dirixiu o filme Canto de emigración, en que conta a historia dun emigrante galego. Por outro lado, colaborou con F. García Lorca en La Barraca, ata que a Guerra Civil o obrigou a refuxiarse na casa familiar en Ourense. Durante este período a súa relación co medio limitouse á publicación de críticas e artigos en Radiocinema. Concluída a guerra, comezou a súa andaina profesional como director de cintas de ficción aínda que, antes, realizou unha serie de documentais como El hombre y el carro, onde colaborou co etnógrafo Xoaquín Lorenzo. En 1941 dirixiu a súa primeira longametraxe comercial, Escuadrilla, unha das moitas producións propagandísticas que se levaron a cabo nos primeiros anos do réxime franquista. Co filme policial Intriga (1943) e o melodrama La casa de la lluvia (1943), ambos os dous baseados en textos de Fernández Flórez, mellorou a calidade do seu cine, aínda que non obtivo éxito comercial. Xunto con Pedro de Juan puxo en marcha a produtora Alhambra Films, coa que realizou o seu filme máis popular, Los últimos de Filipinas (1945). Tras unha serie de fracasos abandonou o seu labor como produtor, que retomou na década de 1960, para poder controlar o seu traballo de dirección. En 1969 dirixiu o seu último filme El mesón del gitano (1969), co cantante Peret como protagonista. Co abandono do mundo cinematográfico, pasou a colaborar con TVE.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Madrid