románico -ca
(< lat romanĭcu)
-
adx
Relativo ou pertencente ao románico.
-
adx e s
[ARTE]
Aplícase á arte desenvolvida no Occidente cristián, que se practicou durante os ss XI e XII e na maioría dos países tamén durante o XIII. Apareceu despois da sedimentación das nacionalidades xurdidas da descomposición do Imperio Carolinxio, durante o longo proceso que conformou as súas características, co revivir das tradicións culturais arraigadas na antiga proxección do Imperio Romano. Estivo precedido por un extenso período de búsqueda de formas e estruturas inspiradas a través dos monumentos que quedaban e da persistencia de manifestacións locais de antes do ano 1000, aparecidas a partir das influencias derivadas do norte de Italia que penetraran nas maneiras construtivas dos períodos carolinxios e odónidas. Esas influencias incorporaran modalidades orientais asimiladas polos mestres lombardos, que as difundiron desde comezos do s XI, con penetracións a través dos Alpes cara ás rexións do Rin e coa extensión aos diversos sectores da cultura mediterránea por Occidente. Considérase o primeiro estilo europeo. É unha arte de carácter relixioso, que se expresaba por medio de imaxes dogmáticas e simbólicas. O románico coincidiu coa expansión do monaquismo beneditino, cuxo modelo foi Cluny; pero tamén axudaron á súa difusión as canónicas regulares agostiñas. As rutas comerciais e, aínda máis, os camiños de peregrinación, axudaron a esta difusión, especialmente o Camiño de Peregrinación a Santiago. Xunto a estes factores, a reforma gregoriana permitiu un reflorecemento da vida eclesiástica. Definen a arquitectura os muros macizos, o arco de medio punto, o piar e a columna ás veces alternados, a bóveda de canón, as ábsidas semicirculares cubertas con bóveda de pedra e as cúpulas sobre o cruceiro. Hai algúns exemplos de construcións civís ou militares notables, pero as maiores contribucións están na arquitectura relixiosa. Para as igrexas, a planta máis xeneralizada é a de cruz latina con unha ou tres naves (e, ás veces, cinco) e cruceiro. Nas igrexas de peregrinación aparecen o deambulatorio e as tribunas sobre a nave. Hai campanarios de torre monumentais, criptas baixo o presbiterio, adros e claustros. Nos momentos iniciais destacan con personalidade propia a arte odónica (San Ciríaco de Gernrode, San Miguel de Hildesheim e Ottmarsheim); a primeira arte románica ou románico lombardo (Sant’Ambrogio de Milan, San Vincenzo de Galliano), que se caracteriza polo emprego dos arcos cegos entre lesenas que articulan as fachadas; e o foco borgoñón coa construción do mosteiro de Cluny. En España a primeira arte románica (ss X-XI) desenvolveuse en Catalunya, onde penetraron as influencias lombardas. Destacan os mosteiros de Sant Pere de Rodes e Santa Maria de Ripoll, e as igrexas de Sant Climent e Santa Maria de Taüll. Esta influencia lombarda, sobre todo os arquiños cegos, tamén é patente nas primeiras manifestacións do románico en Galicia, datadas no derradeiro cuarto do s XI, como San Martiño de Mondoñedo. O período de madurez da arte románica comezou a partir do derradeiro cuarto do s XI e o seu esplendor chegou ata mediados do s XII. Caracterízase pola incorporación da escultura monumental no interior dos edificios, en pilastras de sección composta, enriquecidas por capiteis esculpidos en portadas monumentais. En Francia destacan Sainte-Marie-Madeleine de Vézelay (s XII), Saint-Front de Périgueaux (s XII), Saint-Trophime de Arles (s XII), Sainte-Foy de Conques (s XIII); en Italia, o conxunto de Pisa coa catedral, o batisterio e o campanario (ss XII-XIII), a catedral de Modena (s XII) e a igrexa de San Miniato al Monte en Florencia (s XII); e en Alemaña a catedral de Worms (s XII) e a igrexa de Santa María Laach (ss XII-XIII). En España o románico estendeuse a través do Camiño de Santiago. A súa beira erixíronse mosteiros, igrexas e catedrais, como o mosteiro de San Juan de la Peña (Huesca), a catedral de Jaca, San Martín de Frómista (Palencia), San Isidoro de León e a catedral de Santiago de Compostela. En Galicia, a presenza do Camiño de Santiago provocou que as características do románico francés se impuxesen á primitiva influencia lombarda. Ademais da catedral de Santiago de Compostela, destacan unha serie de construcións do denominado románico rural, espalladas por toda Galicia e que adaptaron diveras tipoloxías en planta. Destacan, entre outras moitas, San Paio de Diomondi (O Saviñao), Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín), San Fiz de Cangas (Pantón), San Salvador de Asma (Chantada), Santa María de Aciveiro (Forcarei), Santa María a Real de Xunqueira de Ambía e Santa María de Cambre. Moitas delas pertenceron a antigos mosteiros. As artes figurativas, escultura e pintura, tiveron un marcado carácter didáctico e doutrinal. Eran o medio de cristianizar o pobo, polo que non interesaba a súa verosimilitude coa realidade senón o simbolismo da súa mensaxe. Artisticamente estiveron supeditadas ao marco arquitectónico e formaron con el un todo. A escultura ocupou principalmete as fachadas, pero co paso do tempo estendeuse a capiteis, claustros e outros elementos arquitectónicos, e a pintura ocupou as ábsidas. Incorporáronse temas historiados, principalmente do Antigo e o Novo Testamento, e representacións de Cristo, a Virxe e os Santos pero tamén temas profanos e fabulosos. En Francia destacan as portadas de Saint-Trophime de Arles, Saint-Lazare d’Autun Sainte-Marie-Madeleine de Vézelay, Sainte-Foy de Conques e Saint-Pierre de Moissac. A finais do s XII a escultura románica francesa evolucionou cara a formas máis naturalistas que conduciron ao gótico, como o Pórtico Real de Chartres. En Italia a escultura foi máis ornamental e nela abundan máis as formas xeométricas e vexetais ca a representación humana. En España a escultura acadou un gran desenvolvemento. Dos primeiros tempos do románico destaca a fachada de Santa Maria de Ripoll, a xeito de arco de triunfo esculpido con numerosas esculturas dispostas en bandas paralelas cada unha cun sentido narrativo. Posterior é o claustro do mosteiro de Santo Domingo de Silos, no que destacan os capiteis e os relevos historiados. O cumio da escultura románica hispana atópase na catedral de Santiago de Compostela coa portada das Praterías, obra do mestre Estevo, onde xunto a temas do Antigo e do Novo Testamento aparecen bestiarios, zoomorfos e formas vexetais. O Pórtico da Gloria, do mestre Mateo, atópase na transición entre o románico e o gótico e anuncia o naturalismo posterior. Na pintura produciuse un estoupido de cor, antinaturalista, baseado na influencia bizantina que chegou a Occidente a través de Italia. Os tonos son puros e brillantes, as tintas planas e a gama cromática varía en función do contido simbólico do tema a representar. En España destacan as pinturas da ábsida de Sant Climent e Santa Maria de Taüll, e os frescos da Vera Cruz de Maderuelo (Segovia) e do Panteón Real de San Isidoro de León. En Galicia existen noticias do desenvolvemento dunha pintura mural pero apenas se conserva nada, só a representación dun mapa do mundo nunha das capelas de San Pedro de Rocas (Esgos).
-
[LING]
-
adx
Que deriva do latín.
Sinónimos: romance. -
linguas románicas
Linguas que derivan do latín falado, ou vulgar, non do latín clásico ou culto. Mostran esta orixe tanto no léxico coma na estrutura morfosintáctica. Estas linguas, tamén denominadas neolatinas, teñen o latín como base e punto de partida, pero, ao longo dos séculos, recibiron as influencias de diferentes factores: o substrato (ibérico en Hispania, celta na Galia, etrusco na Toscana), o superestrato (arábigo nas linguas iberorrománicas, eslavo no romanés, xermánico no francés), etc. A expresión lingua románica é a tradución literal do termo Romanam linguam, que figura nos textos do concilio de Tours (813) e no de Maguncia (847), en que se recomenda aos presbíteros que prediquen en lingua románica co fin de ser comprendidos polos fieis; a expresión designa pois a lingua falada, en oposición á lingua escrita que seguía a ser o latín. O texto románico máis antigo, documentado na Romania arredor do s IX, é posiblemente a adiviña Indovinello Veronese, que se conserva nun códice da Biblioteca Capitolare de Verona, xunto cos Xuramentos de Estrasburgo, de mediados do mesmo século, contidos na Historia de Nitardo. Desde Friedrich Christian Diez, fundador da lingüística románica, rexistráronse diversos intentos de delimitación e clasificación das linguas románicas, baseados en criterios distintos (históricos, lingüísticos, políticos, literarios) que fixeron variar o número de linguas. F. Diez realizou a primeira clasificación baseándose en criterios políticos e literarios: romanés, italiano, francés, occitano, castelán e portugués. Nunha clasificación posterior e máis pormenorizada, distínguese, dentro das linguas románicas, as continentais e as insulares. As primeiras subdivídense en occidentais (iberorrománicas: galego, portugués, asturleonés, castelán, aragonés e catalán, lingua de transición, ademais do desaparecido mozárabe; galorrománicas: occitano, francés e francoprovenzal; retorrománicas: romanche, ladino e friulano; e italorrománicas do norte: piemontés, lombardo, ligur, véneto, emiliano e istriota) e orientais (italorrománicas do centro e do sur: marquesano, umbro, romano, abrucés, molisano, pullés, campano, lucano, calabrés, salentino e siciliano, ademais do toscano -base do italiano-, e o corso, lingüisticamente toscano, estase a converter nunha lingua por elaboración; e balcanorrománicas, co romanés -dacorromanés, macedorromanés, meglenorromanés e istrorromanés-, ás que se engaden o dálmata, xa extinguido). Lingua románica insular é o sardo.
-
lingüística románica
romanística.
-
adx