Romero
Liñaxe de orixe galega que trae por armas escudo partido: 1, de prata, cunha aguia de sable; 2, de prata, con tres estacas de sinople, cravadas en terras do mesmo, cinguidas por unha cadea de prata. Outro trae, en campo de goles, tres columnas de prata, cinguidas por unha cadea de azul. Outro, en campo de prata, unha cruz de goles. Outro, en campo de sinople, cinco cunchas de vieira de prata, colocadas en aspa, acompañadas de sete cruces gregas de ouro, colocadas en orla, tres en xefe, unha en cada flanco, e dúas en punta. Outro, en campo de sinople, cinco cunchas de vieira de prata, colocadas en cruz, acompañadas de oito cruces gregas de prata, catro colocadas en faixa coas vieiras de xefe e da punta, e dúas a cada lado. Outro, en campo de sinople, un peregrino ou romeiro coa súa esclavina, bordón con cabaza, e bolsa, acompañado dunha cuncha de vieira de prata no cantón sinistro do xefe. Outro, en campo de ouro, unha banda de goles cargada de tres cunchas de vieira de ouro. Outro, escudo cuartelado en cruz: 1 e 4, en campo de ouro, unha mata de romeu, de sinople; 2 e 3, de ouro, cun león de sinople.