Rompente, Grupo de Comunicación Poética
Colectivo poético formado por Alberto Avendaño, Antón Reixa, Manuel M. Romón, Facurro Sesto e Camilo Valdeorras en Vigo (1975), ao que se uniu nun principio Alfonso Pexegueiro. Influenciados polo dadaísmo, o surrealismo e a pop-art, practicaron a escrita automática en galego e buscaron a provocación en cada unha das súas propostas. Publicaron de forma conxunta o primeiro libro en 1978, titulado Silabario da Turbina, ao que seguiron Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio (1979) e, na serie “Tres tristes tigres” (1979), As ladillas do travesti, de A. Reixa; Facer pulgarcitos tres, de A. Avendaño; e Galletas kokoschka non, de M. Romón. Baixo o selo de Rompente tamén saíron á luz dous volumes significativos da poesía galega, Con pólvora e magnolias (1976), de Méndez Ferrín, e Seraogna (1976), de Alfonso Pexegueiro. En 1983 presentaron o seu último proxecto en común, A dama que fala, acompañado dun espectáculo.