Roubaix

Roubaix

Cidade do departamento de Nord, en Flandres, Francia (96.984 h [1999]). Situada á beira da canle homónima, preto da fronteira belga, está unida ao N co núcleo de Tourcoing, e forman ambas as dúas unha conurbación con Lille. Destaca como centro industrial, sobre todo téxtil, tanto de fibras naturais coma artificiais, con predominio da la. Señorío no s XI, en 1469 obtivo o privilexio de fabricar tecidos. En 1579 Filipe II de Castela fixo dela un marquesado. Ao longo do s XVIII a súa industria téxtil diminuíu moito debido ao monopolio que se lle outorgou a Lille, pero durante o século seguinte alcanzou un grande impulso grazas ao liberalismo económico.