Rubín Homent, Antero

Rubín Homent, Antero

Militar. Ingresou no exército en 1868 e, destinado á Coruña, participou coas tropas que apoiaron o movemento revolucionario dese ano. Cabo segundo de infantaría, en 1869 foi destinado a Cuba, onde ascendeu a cabo primeiro e recibiu, polo seus méritos, a Cruz Blanca de primeira clase ao mérito militar. En 1871 regresou a España e ingresou como cadete no rexemento Murcia 37 da Coruña. En 1872 participou na sufocación da insurrección do Arsenal de Ferrol e polas súas accións ascendeu a alférez e recibiu a Cruz Vermella de primeira clase ao mérito naval. Durante a Terceira Guerra Carlista (1872-1876) participou nas campañas de Galicia e sobre todo en Gipuzkoa, Pamplona, Logroño e Burgos, o que lle valeu o ascenso a capitán. En febreiro de 1876 pasou a formar parte da escolta do rei e participou na entrada triunfal de Alfonso XII en Madrid. En 1895, como tenente coronel, embarcou de novo cara a Cuba para facer fronte á insurrección que estalara na illa. Gravemente ferido na acción do Potrero Limpios de Varas, foi ascendido a coronel. Permaneceu na illa ata 1898 e ascendeu a xeneral de brigada. Á súa volta foi gobernador militar de Oviedo e Madrid, ata que en 1908 ascendeu a xeneral de división. Posteriormente, foi gobernador militar da Coruña e Zaragoza, membro do Consello Supremo de Guerra e Mariña e gobernador militar de Bilbao, ata converterse en tenente xeneral (1916). En 1917 ascendeu a capitán xeneral da 8ª Rexión Militar (A Coruña) e en 1918 recibiu a Gran Cruz da Real e Militar Orden de San Hermenegildo. Na reserva desde 1923, xurou fidelidade a República en 1931. Foi candidato a Cortes polo distrito de Redondela en dúas ocasións co apoio das asociacións mariñeiras e agrarias, os intelectuais (Mozos Turcos) e as forzas progresistas, polo que se enfrontou ao candidato riestrista Francisco de Federico Riestra, representante do caciquismo local. En ambas as dúas ocasións, a última en 1910, recibiu un maior apoio en Redondela e Teis, pero o peso que tiñan daquela as zonas rurais, como Mos, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén ou Soutomaior, déronlle a acta ao seu contrincante. Foi deputado polo distrito de Quiroga en 1914 e en 1921 foi elixido senador pola provincia de Zamora.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Redondela

  • Deceso

    Lugar : Ourense