rubio -bia

rubio -bia

(< lat rubĕu)

    1. adx

      Que é de cor vermella ou encarnada.

    2. s m

      Cor vermella ou encarnada.

    1. adx

      Que é de cor entre o castaño tirando a vermello e o amarelo tirando a vermello.

    2. adx e s

      Que ou quen ten o pelo, o cabelo ou as plumas desta cor.

    3. s m

      Cor castaña tirando a vermello ou amarela tirando a vermello.

    4. raza rubia galega [ANIMAL]

      Raza bovina autóctona de Galicia de perfil recto, cabeza alongada nas femias e curta nos machos, coa fronte plana e o fuciño ancho. Os cornos son de cor rosada, coa base branca e puntas escurecidas, e de ollos e orellas grandes. O pescozo é curto e forte nos machos e fino nas femias, e a papada está reducida. A cruz é redondeada, o lombo e dorso son anchos, planos e musculados; os muslos, ancas e pernas son convexos e longos e a cola ten un borlón abondoso. A pelaxe é de cor rubia do triguo ou canela (teixa), e é uniforme, pero existen oscilacións entre o claro e o escuro e as mucosas son sonrosadas. Antigamente distribuíase por toda a rexión galega, pero o cruzamento con outras razas holandesas con fins económicos, provocou o seu descenso ao longo do s XX. O seu uso radicaba tanto en animal produtor de carne e leite como de labor. Actualmente utilízase principlamente para produción cárnica e de tenreiros. Distribúese xeralmente en zonas de montaña media e en vales, entre os 300 e 600 m de altitude. Representa o 6,2% de razas bovinas autóctonas españolas e o seu sistema de explotación é basicamente familiar. Nos últimos tempos, difundiuse o seu uso noutros países para ser utilizada no cruzamento industrial.

  1. [ANIMAL/ICT]
    1. s m

      Peixe óseo, da familia dos tríglidos, que pertence aos xéneros Aspitrigia, Eutrigla, Lepidotrigla, Trigla e Trigloporus. Caracterízase por ter a cabeza voluminosa, en relación co corpo, e protexida por unha coraza ósea con aguillóns opérculos, dúas aletas dorsais, a cola recta e os pectorais moi grosos, en forma de abano e con tres raios anteriores. Habitan na rexión costeira da plataforma continental, sobre fondos areosos e lamacentos. Son moi apreciados como peixes para sopa e captúranse con artes de arrastre.

    2. rubio borracho

      lesma do mar.

    3. rubio crego [port: ruivo; cast: borracho; ingl: grey gurnard] [Eutrigla gurnardus, Fam dos tríglidos]

      Peixe de corpo e fociño alongados coa cabeza máis curta que alta, de ata 50 cm de lonxitude, aínda que o tamaño normal é 30 cm. Presenta unha crista escamosa na liña lateral formada por escamas con moitas puntas. É de coloración variable, xeralmente gris ou castaña clara no lombo, salteada con moitos puntos brancos. Vive en fondos de lama, de area ou de area e pedra, sempre por debaixo dos 200 m de profundidade, onde se alimenta de peixes e crustáceos.

    4. rubio de altura

      escacho.

    5. rubio escacho [port: bebo; cast: arete; ingl: red gurnard] [Aspitrigla cuculus, Fam dos tríglidos]

      Peixe de corpo esvelto e alongado e fociño pouco alongado que pode acadar 50 cm de lonxitude, aínda que o tamaño normal é 25 cm. Presenta crista orbital con varias espiñas e unha liña lateral con escamas desenvolvidas en sentido vertical, alcanzando a base das aletas dorsais. É de coloración vermella no dorso, rosada nos flancos e abrancazada na zona ventral. Ten aletas pectorais vermellas con manchas negras e bordos amarelos e aletas caudal e anal vermellas cos bordos negros. Vive en todo tipo de fondos desde os 30 ata os 300 m de profundidade, onde se alimenta de peixes, crustáceos e outros invertebrados.

    6. rubio sen fronte [port: ruivo; cast: cabete; ingl: large-scaled gurnard] [Lepidotrigla cavillone, Fam dos tríglidos]

      Peixe mariño que pode acadar 20 cm de lonxitude, aínda que o tamaño normal é 15 cm. Presenta corpo cónico e fusiforme coa cabeza grosa, fociño curto co perfil anterior oblicuo e lixeiramente cóncavo. Amosa o primeiro raio da primeira aleta dorsal finamente dentado. É de coloración rosa ou gris rosa, pectorais azul mouro e ventre abrancazado. Vive sobre fondos de area e lama desde 30 ata 450 m de profundidade, onde se alimenta de crustáceos.