rula
(< orixe onomatopeica)
-
s
f
[ANIMAL/ORNIT]
Nome común que reciben as aves da familia dos colúmbidos, pertencentes ao xénero Streptopelia.
-
rula común
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 27 cm de lonxitude, sen dimorfismo sexual, co dorso de cor castaña avermellada con manchas pardo escuras, cabeza e pescozo dun gris rosado cunha mancha listada de branco e negro a cada lado deste, peito de cor rosa pálida e cola negra coas marxes brancas. Vive en zonas de monte baixo, alimentándose de sementes. Habita en Europa Central e Meriodional, no N de África e nunha parte de Asia occidental, e inverna en África. En Galicia, a súa presenza é estival en toda a rexión, polo que pode observarse entre os meses de abril e setembro.
-
rula doméstica
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 27 cm de lonxitude, que se semella á rula turca, pero de cor ocrácea pálida coas puntas das ás claras.
-
rula turca
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 28 cm de lonxitude, sen diferenzas entre sexos, coa plumaxe castaña pálida no dorso, coa cola e as puntas das ás escuras, e rosado da cor do viño claro na cabeza e nas partes inferiores. Ten medio colar negro na parte posterior do colo. Habita preto das poboacións, nas alamedas en vilas e cidades, e aliméntase de sementes. Orixinariamente distribuíase no SL de Europa e o NL de África, pero estendeuse e actualmente é común en toda Europa Oriental e Central, ata ao N de Italia e o S de Francia. En Galicia é sedentaria, e atópase principalmente en zonas costeiras e nalgunhas do interior.
Refráns
- Cando a rula comeza a rular, colle o fol e vai sementar.