rural
(
Relativo ou pertencente á vida no campo e a todas aquelas actividades relacionadas coa agricultura, por oposición á vida na cidade. A definición de espazo rural é moi complicada debido á dificultade de establecer unha unanimidade na mesma que faga que posúa un carácter universal. Non obstante, pódense establecer criterios para concretar os elementos ou problemáticas que axuden á súa definición. Segundo algúns autores, estes criterios poden dividirse en obxectivos ou en normativos. É dicir, a visión obxectiva de que un municipio é rural pode deducirse da porcentaxe de poboación activa agraria ou dunha combinación de variables como a poboación, a densidade ou a presenza de servizos. Pola contra, a visión normativa, pode fundamentarse en consideracións subxectivas, como o número de habitantes que debe ter un municipio para ser considerado rural. Os criterios que se basean nesta última perspectiva para clasificar municipios ou núcleos de poboación como rurais chegan a situacións tan dispares como as de Suíza e Portugal, países nos que se consideran rurais os núcleos de menos de 10.000 h, que se contrapoñen ás de Islandia e Noruega onde son rurais as localidades de menos de 200 h, existindo situacións intermedias como en España onde o son por debaixo dos 2.000 h. Son criterios moi pouco fiables, pois en Galicia existen vilas con 1.000 h ou mesmo de menor poboación que cumpren funcións claramente urbanas. En xeral, tanto a administración como os investigadores empregan unha mestura de criterios subxectivos e obxectivos para tentar delimitar as áreas rurais. Estes criterios poden agruparse en catro grandes bloques. O primeiro inclúe variables como a densidade de poboación, a poboación total dunha unidade administrativa ou dun núcleo, a morfoloxía e distribución do hábitat, o número e xerarquía de funcións dun núcleo ou dun municipio, a porcentaxe de poboación activa agraria, a relación entre usos do solo de tipo agrario, a porcentaxe de vivendas secundarias sobre o total de vivendas, ou a diferenza entre a poboación de feito e a de dereito. A xustificación teórica do que é rural é evidente, xa que se contrapón a baixa densidade do rural e a alta densidade do espazo urbano, simplicidade e dispersión no rural fronte á complexidade e forte aglomeración do hábitat urbano, e existencia de actividades agrarias no rural fronte á súa inexistencia ou cativa presenza no urbano. No segundo bloque búscanse combinacións de variables que permitan unha explicación máis complexa do espazo e da sociedade rural. Neste sentido diversos investigadores crearon índices para medir a ruralidade dun lugar. Un dos indicadores máis antigos e que continúa a empregarse é o creado por Demangeon en 1927, que relaciona ruralidade coa dispersión do hábitat. É o denominado coeficiente de dispersión K: K=(E.N)/T. Onde E representa a suma da poboación de todos os núcleos dun municipio, coa excepción do núcleo principal, sexa a que sexa a súa dimensión; N é o número de núcleos do municipio, desde un casarío a un pobo, exceptuando o principal; e T, é a poboación total do termo municipal. Este coeficiente de dispersión indica unha maior ruralidade cando a poboación de fóra do núcleo principal sexa maior, e cando o número de núcleos dispersos sexa moi grande, polo que se obten un valor de K elevado. Outro indicador para a ruralidade é o establecido por Robinson en 1990, que empregou unha análise multivariante para establecer unha clasificación de países desenvoltos segundo a súa ruralidade. Facendo unha regresión múltiple con estas variables, estableceu unha tipoloxía de países segundo o seu nivel de ruralidade. O terceiro bloque formula a existencia de actividades propias das áreas rurais como a agricultura, as industrias de transformación agraria, as residencias secundarias e principais de baixa densidade de edificación, o turismo e o ocio. Estas actividades, frecuentemente van asociadas con fenómenos característicos como o traballo agrícola a tempo parcial, a industria a domicilio, a descentralización industrial e residencial ou os movementos pendulares da residencia ao traballo. A caracterización da ruralidade faise neste caso máis que a través de indicadores estatísticos e variables cuantificadas, por identificación de procesos. O cuarto bloque toma en consideración as diferenzas de comportamento e actitudes entre o campo e a cidade. Neste sentido, asúmese que o comportamento electoral das áreas rurais é máis conservador que o das urbanas, ao igual que os comportamentos sociais entre empresarios e traballadores ou nas relacións persoais entre homes e mulleres. Ao mesmo tempo, é máis evidente o espírito colectivo nos pequenos núcleos que na cidade, xa que as dificultades xurdidas dunha maior relación desenvolveron os vínculos de solidariedade e colaboración. Ademais, considerase que nos espazos urbanos hai unha maior criminalidade e delincuencia, mentres que nas áreas rurais existe un maior control social e unha maior identificación coa comunidade. Tamén se considera que o espazo urbano conta cunha maior dotación de infraestruturas e servizos, que son moi custosos de levar a cabo para o estado nas áreas rurais, de xeito que a dotación deses equipamentos e actividades terciarias públicas estén moito menos presentes. Existen multitude de lugares onde se mesturan os elementos urbanos e rurais cun predominio duns ou outros segundo os casos. A gradación do urbano ao rural en Galicia está presente e é froito do proceso de urbanización vivido a partir de finais da década de 1960 e que aínda non está rematado. Así, Galicia pasou de ser unha sociedade maioritariamente rural a converterse nunha realidade caracterizada pola influencia sobre o territorio dos seus espazos urbanos. Ata esa década, Galicia definíase como un territorio eminentemente rural, pola estrutura da súa poboación activa, a febleza do mundo urbano e o elevado valor da produción final agraria no conxunto do PIB. A parroquia era a clave para a articulación dun espazo bastante pechado sobre si mesmo, e dentro dos seus estreitos límites desenvolvíase a xornada laboral, as festas e o ocio, realizándose a maior parte das transaccións nos mercados locais. O sistema agrario baseado na produción para o autoconsumo vinculaba a sociedade labrega galega ao pasado e non lle permitía desenvolverse do mesmo xeito que noutras rexións agrícolas que experimentaban nestas datas importantes transformacións. A sociedade campesiña que perviviu sen grandes mutacións durante moito tempo fundamentaba a súa estratexia de supervivencia no desenvolvemento dun policultivo de autoconsumo vinculado ao predominio da pequena explotación familiar. Neste contexto, as diferentes unidades de produción mantíñanse como células repregadas sobre si mesmas, onde só se comercializaba cara ao exterior determinados excedentes ou rendementos agrarios obtidos para tal fin. A distribución da poboación caracterizábase pola lóxica agraria da rendibilización do territorio, as comarcas rurais con boas condicións para a agricultura presentaban altas densidades de ocupación (O Ribeiro, O Baixo Miño, as terras do Ulla ou A Limia), e a presión demográfica sobre o espazo tamén chegaba ás áreas menos favorecidas para o cultivo como as comarcas montañosas dos Ancares, a serra do Courel ou Terra de Trives. As décadas de 1960 e 1970 son consideradas como o período clave das transformacións socioeconómicas que supuxeron unha completa reorganización do espazo en Galicia, que pasou de ser unha sociedade maioritariamente rural a converterse nun territorio urbanizado. Os cambios rexistrados nos dous medios levaron á poboación e ás actividades económicas a concentrarse en áreas privilexiadas, conformando un eixe atlántico de rápido crecemento e un espazo oriental con continuas perdas de poboación e problemas de abandono das explotacións. No medio rural destacaron dous fenómenos: a saída de importantes continxentes de poboación cara ás áreas máis dinámicas de Europa, España e o occidente de Galicia, e a crecente orientación das unidades de explotación agraria cara ao mercado. Esta emigración masiva iniciou unha dinámica de retroceso poboacional en todas as comarcas rurais e provocou unha perda considerable de poboación nova en centos de parroquias vinculadas tradicionalmente ao traballo no campo, co que o avellentamento pasou a constituír unha das características máis destacadas da estrutura demográfica dos sectores non urbanos. Coincidindo no tempo con este proceso migratorio masivo, no agro galego comenzou a detectarse un conxunto de transformacións nos modelos de rendibilización do traballo na terra que supuxeron o abandono dos tradicionais policultivos de subsistencia e a progresiva adaptación das producións agrarias ás regras da economía de mercado. O agro experimentou un proceso de especialización en función dos produtos demandados polos mercados urbanos e converteuse nunha despensa para os habitantes das cidades. Durante a década de 1980 e comezos da de 1990 apareceu a suburbanización, na que as cidades deixaron de concentrar o crecemento en favor da periferia urbana e de espazos cada vez máis amplos que transformaron os seus caracteres rurais en urbanos ou semiurbanos.