Rusa, Igrexa
Igrexa ortodoxa baixo o patriarcado de Moscova. Rusia recibiu o cristianismo de Constantinopla, pero baixo a influencia eslava, que xa se establecera en Bulgaria. O intento de unión con Roma por parte do metropolita Isidoro de Kiev no Concilio de Ferrara-Florencia (1437-1439) levou á separación de Constantinopla (1444) e ao nomeamento de Xonás de R’azan como metropolita de Moscova e de toda a Rusia (1448). Coa toma de Constantinopla polos turcos (1453), foi confirmada a independencia da nova igrexa e formulada a teoría de Moscova como a terceira Roma. En tempos de Pedro I de Rusia o Grande (1682-1725) suprimiuse o patriarcado (1700), que foi substituído polo Santo Sínodo, un órgano puramente administrativo, coa presenza dun procurador imperial. A restauración do patriarcado (1917) non significou a emancipación pois malia a separación entre a Igrexa e o Estado (decreto dos bolxeviques de 1922), o nomeamento do patriarca quedaba supeditado ao goberno. En 1988 tivo lugar a celebración do milenario da cristianización da Rusia de Kiev, acontecemento que serviu para estreitar os lazos coa Igrexa Católica. Por outra banda, o sínodo da Igrexa Rusa, en 1990, fixo unha declaración sobre a vontade dos seus dirixentes de reparar os erros cometidos durante o réxime marxista. O patriarca Alexo II (elixido en 1990) viu como o parlamento soviético aprobaba unha lei de liberdade das organizacións relixiosas.