ruso -sa
(
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Rusia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Rusia.
-
adx
-
[ETN]
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo ruso.
-
s
Individuo do pobo ruso.
-
s
m pl
Pobo normando de orixe escandinava, varegos, os cales, unha vez fusionados cos eslavos das terras do Volga, o Don e o Dniéper (s IX), organizaron os primeiros principados rusos de Kiev e de Novgorod. A designación ruso mantívose ata o s XVII, momento a partir do cal se comezou a falar dos grandes rusos (por oposición aos bielorrusos, chamados rusos brancos e aos pequenos rusos de Ucraína) para indicar os poboadores do N da Península Eurasiática. Os rusos constitúen a gran maioría dentro da Federación Rusa. En Siberia representan o 90% da poboación actual. Cara ao sur, atópanse rusos ata os Urais do sur e o delta do Volga. A súa ocupación principal foi, desde os seus principios, a agricultura. A casa labrega, normalmente de madeira, era construída no nivel da terra, sobre todo na estepa, a altura era baixa e o teito redondo. A arte popular antiga (cerámica, prata, bordados, traballos de madeira) aínda está viva, e consérvanse moitos dos costumes populares tradicionais, sobre todo a danza e a música.
-
adx
-
s
m
[LING]
Lingua eslava do phylum indoeuropeo. Na evolución do ruso distínguense tres períodos (antigo, medio e moderno). O ruso antigo (ss XI-XV) é unha etapa común a todos os eslavos do L -ruso, bielorruso ou ucraíno-. A orixe do ruso literario identifícase coa creación da lingua eclesiástica (antigo eslavo ou eslavón). O feito de que a lingua eclesiástica fose comprendida polos fieis permitiu, por unha banda, a influencia da literatura oral e da lingua falada na Igrexa -coa formación conseguinte da versión rusa do antigo eslavo ou eslavo eclesiástico- e, por outra, o enriquecemento da lingua escrita civil “práctica”. O ruso medio (ss XVI-XVII) é un período de grandes mesturas de estilos. Comezou a formarse a variante moscovita da lingua literaria oficial, que se converteu, co tempo, na norma xeral rusa. O ruso moderno comezou no s XVIII. Desde a primeira metade do s XIX, grazas, especialmente, a A. S. Puškin, M. J. Lermontov e N. V. Gogol’, realizouse a asimilación orgánica dos diversos tipos de elementos do ruso. Tras a revolución de 1917, a incorporación de amplas masas da poboación á educación axudou a que se introducisen na lingua culta numerosos elementos de evolución fonética e sintáctica: é a influencia dos dialectos durante a década de 1920. O ruso escríbese co alfabeto cirílico e consta de 33 signos. O sistema vocálico está formado por 5 fonemas (a, e, i, o, u) que teñen unha dobre grafía que responde ao carácter palatalizado; en posición átona este sistema varía considerablemente e redúcense as vogais. O sistema consonántico consta de 20 fonemas distribuídos en sons “duros” e “brandos” e en sons con ambas as dúas variantes. O carácter palatalizado ou non palatalizado ten valor fonolóxico. Existe tamén a semiconsoante j. É unha lingua sintética ou flexiva polo que a maioría das relacións da lingua exprésanse por medios morfolóxicos: existencia de declinacións (6 casos, con vestixios de dual e de vocativo), abundancia de sufixos, un complicado sistema de aspectos verbais, e o acento ten valor fonolóxico. Posúe dous dialectos fundamentais: o setentrional, que cobre todas as rexións do N e do L da Rusia europea, e tamén o Ural e gran parte de Siberia, e o meridional, que cobre a parte S de Rusia. Entre os dous grupos sitúanse os dialectos medios (Pskov, Kalinin, Moscova, Penza, Saratov).
-
arte rusa
[ARTE]
Arte propia do pobo ruso. A arte propiamente rusa comeza tras a adopción do cristianismo pola Rusia de Kiev (988), arte que aínda hai que considerar unha modalidade da arte bizantina. En Kiev destacan a catedral de Santa Sofía (1017-1037), e en Novgorod, as igrexas de Santa Sofía (1045-1052) e de San Nicolao (1113). As igrexas do principado de Suzdal caracterízanse por unha rica ornamentación escultórica, contraria ao espíritu bizantino. En pintura cómpre mencionar as primitivas iconas de Vladimir e de Suzdal e a decoración de manuscritos. As invasións tártaras (s XIII) paralizaron a evolución artística ata a formación do estado ruso centrado en Moscova (ss XV-XVI), momento en que se edificaron monumentos relixiosos e civís nas principais cidades (Pskov, Novgorod e Moscova) e xurdiron escolas iconográficas. Iván III fixo vir arquitectos renacentistas italianos, mentres que se ergueron as primeiras construcións ruso-bizantinas. Destacan, no Kremlin de Moscova, a catedral da Dormición (1475), de A. Fioravanti, a de San Miguel Arcanxo (1505), de A. Novi, e o campanario de Iván o Grande (1505), de M. Bono. Construíronse as grandes fortalezas militares como os kremlins de Nižnij Novgorod, Tula e Smolensk, e os mosteiros fortaleza como a Trindade de Zagorsk, Novodevići en Moscova e San Cirilo en Belozersk. Obra de arquitectos rusos, Posnik e Barma, é a igrexa de Basilio o Bendito (1555) na Praza Vermella de Moscova. En pintura destacan os frescos de Teófanes o Grego, as escolas iconográficas de Novgorod, Pskov e Moscova (con Andrej Rubl’ov), e as obras dos pintores de iconas Daniel o Negro, Teófanes o Grego, Dionisio e os seus dous fillos, Teodosio e Vladimir. O s XVII caracterizouse pola decoración e ornamento externo, e en pintura polo inicio dun período de occidentalización, en que os pintores de iconas de Novgorod crearon un novo estilo miniaturista e preciosista, entre eles destaca Simón Ušakov. A creación do Imperio Ruso con Pedro I o Grande (s XVIII) comportou a plena incorporación do urbanismo e da arquitectura civil europeos, con predominio do barroco e do clasicismo. Arquitectos italianos como B. C. Rastrelli e G. Quarenghi esforzáronse por crear un novo estilo imperial. Alén da nova concepción de cidade, que se atopa en Peterburgo, sobresae a fortaleza Petropavlovskaja (1714), de Tresini, os palacios Stroganov (1752) e o de Inverno (1755), en Peterburgo e o palacio de Verán en Carskoje Selo, obras de Rastrelli, e o Ermitaxe (1783) de Quarenghi. As principais obras pitóricas son tamén de estranxeiros (G. Groot, P. Rotari, L. Laquene, Caravaque), mentres que en escultura destaca C. Rastrelli, pai do arquitecto, e E. M. Falconet. A evolución do clasicismo ruso foi impulsada pola creación da Academia Imperial de Belas Artes en Peterburgo (1758), con persoal docente francés como Vallin de la Mothe e C. L. Clérisseau. Ao principio do s XIX comezou un novo período clasicista con obras de arquitectos rusos, como Vorokhin e Zakharov, en Peterburgo, pero tamén de estranxeiros, como T. de Tomon e R. de Montferrand, en Peterburgo, e Bové e Giliardi, en Moscova. A corrente romántica recuperou o estilo ruso-bizantino no palacio do Kremlin en Moscova, de K. Thon. En escultura, nacida a finais do s XVIII, baixo o maxisterio de E. M. Falconet e de N. F. Gillet, destacaron Šubin, Ščedrin e Prokof’ev. O romanticismo abriulle as portas á pintura propiamente rusa con A. Ivanov, C. Br’ullov, Venecianov, Perov, Fedotov, Kramskoj, Vereščagin, Vaznecov, Repin, Surikov, Serov, Šiškin, Ajvazovskij e Savrasov. Cara a 1870 xurdiu a escola dos peredvižniki (ambulantes) e o movemento innovador do grupo arredor da revista Mir Iskusstva, de clara tendencia impresionista con A. Benois, Somov e L. Bakst, fronte ao grupo Sojuz Russkikh Khudožnikov, de tendencia conservadora realista. Pero os artistas axiña volveron beber do mundo occidental, entre outros, Benois, Korovin, Golovin, Bakst, Lanceré, Dovužinskij, Marc Chagall, Petrov-Vodkin, M. Larjonov, N. Gončarova, Gregoriev, V. Tatlin, K. Malevič e V. Kandinskij, e despois da revolución de 1917 tiveron que deixar paso ao realismo socialista. Tamén en escultura a Revolución Rusa impuxo o realismo con Mukhina, Gerasimov e Tomskij. As revolucións de 1905 e 1917 abriron un novo camiño á arquitectura, que impuxo a funcionalidade, con tendencia ao construtivismo. Sobresaen o mausoleo de Lenin (1930), obra de Ščusev, e o metro de Moscova, obra de Fomin, Ščusev, Geldfreich, Duskin, e outros. Cara á metade do s XX construíronse enormes rañaceos como a universidade (1951), de Rudnev, Čeršinov, Abrosimov e Khr’akov, o hotel Ucraína (1951), de Mordvinov, o palacio de Congresos do Kremlin de Moscova (1961). Dentro das novas tendencias escultóricas impuxéronse Neizvestny, A. Samogit, I. Selkovskij e V. Sidur; e en pintura destaca a escola de Moscova con V. Kalinin, B. Svešnikov e O. Rabin, o grupo Dviženije e o grupo cinetista ARG de F. Infante, N. Gorjunova, P. Asinov e N. Ol’khovaja, que realiza xogos cinéticos e espazos artificiais.
-
cine ruso
[IMAX]
Cine producido en Rusia. En 1896 un operador francés filmou a coroación do Tsar Nicolao II, e xa o mesmo ano se rodaron diversas curtametraxes. A guerra ruso-xaponesa deu pé á filmación de notables escenas bélicas, pero a produción nacional non comezou seriamente ata que o fotógrafo A. Drankov creou os primeiros estudios e filmou fragmentos de Boris Godunov, de Puškin. Non obstante, o primeiro filme destacado foi Stenka Razin (1908), de V. Romaškov. A temática inspirouse, en xeral, en narracións clásicas e na historia nacional. Máis adiante recibiu as influencias da literatura contemporánea, con predominio do drama psicolóxico, fortemente sensual. A Primeira Guerra Mundial forneceu o cine dunha temática bélica e patriótica abundantísima, pero de escasa calidade. Só dous nomes destacan deste período: J. Protazanov e E. Bauer, cunha notable influencia posterior. A revolución bolxevique cambiou a orientación da produción cinematográfica, que foi nacionalizada en 1919, e a partir de entón os cineastas rusos produciron os seus filmes no ámbito da Unión Soviética. Nese período fundouse en Moscova a primeira escola de cine do mundo, coñecida como VGIK. Entre os realizadores, cómpre salientar o cineasta de orixe letoa S. M. Eisenstein, que realizou Bronenosets Pot’omkin (O acoirazado Potemkin, 1925) e Aleksandr Nevskij (1938); Tissé, colaborador de Eisenstein; Vertov, Lev Kulešov, Boris Barnet, Pudovkin e Dovženko. A partir da década de 1930 favoreceuse a estética naturalista e apareceron nomes como os de F. Emler e os irmáns Vasil’ev. Á súa beira destacaron Yutkevič, A. Zarhi, J. Rajzman, M. Romm, M. Donskoi e S. Gerasimov, ata que se produciu un longo estancamento no período do estalinismo. A morte de Stalin e o XX Congreso do Partido Comunista reavivaron a produción, onde salientaron os traballos de G. Chujrai, M. Kalatozov e S. Bondarchuk. Na década de 1960 produciuse unha renovación da man de A. Tarkovsky, S. Paradjanov, E. Klimov e os irmáns Andrej e Nikita Mikhalkov-Končalovski. Co tempo obtivéronse os primeiros éxitos internacionais, como o Oscar ao mellor filme estranxeiro recibido por Moscova non cre nas bágoas (1979), de V. Menshov. Nos últimos anos do réxime soviético aumentaron as coproducións con outros países europeos e destacaron algúns filmes de A. Borodiansky, V. Pitchoul, A. Rogoschikin, G. Chenguelaia e V. Kanievski. Coa desmembración da Unión Soviética o cine ruso variou o seu rumbo e produciu diversas obras que falan de confusión, de desastre nacional, de penurias e desigualdades; nese eido, cómpre salientar o labor de V. Khotinenko e D. Yevstigneev. Outros directores que trataron o presente inmediato foron V. Aristov, V. Todorovsky, K. Lopushansky, S. Solovyev e un dos máis destacados, N. Mikhalkov, con Utomlennye Solnstem (Queimados polo sol, 1994), que recibiu o Oscar á mellor película estranxeira. Outros filmes que conseguiron certo éxito internacional foron O prisioneiro das montañas (1995), de S. Bodrov, O ladrón (1997), de P. Chujrai, e O barbeiro de Siberia (1998), tamén de N. Mikhalkov. A principios do s XXI, xunto a algúns dos realizadores xa consagrados, destacan os nomes de A. Balabanov, E. Konchalovski, V. Todorovski, F. Yankovski e A. Zviaguintsev, quen co seu filme O retorno (2003) conseguiu o Leone d’Oro da Mostra di Venezia.
-
literatura rusa
[LIT]
Literatura cultivada en lingua rusa. Da literatura oral do primeiro estado ruso (Kiev, ss IX-XIII) só quedan testemuños indirectos: influencias populares nas crónicas, referencias aos skomorokhi (xograres), reminiscencias de encantamentos, de cantos épicos e de lendas, sermóns relixiosos contra a poesía e as cancións rituais, etc. Algúns eruditos datan nesta época as byliny ou cantos épicos. Dunha orixe máis serodia, probablemente da época dos tártaros, son os cantos históricos, máis directamente ligados aos feitos reais que neles se refliten. No s XVI xurdiron os cantos de bandoleiros. Completan o panorama da literatura oral os ‘versos espirituais’ ou relixiosos, os cantos de cerimonias ou de costumes, de guerreiros ou de amor, as fábulas, os esconxuros, etc. Peregrinos, cegos, skomorokhi e skaziteli (rapsodas) transmitían esta riqueza literaria popular de xeración en xeración, ata chegar ao s XIX. A escritura foi introducida entre os rusos xunto á relixión cristiá. O documento máis antigo que se conserva é o Evanxeo de Ostromir (1056-1057). Entre os textos relixiosos, moitos traducidos ou imitados do grego, hai vidas de santos, relatos bíblicos apócrifos, sermóns de modelo bizantino, enciclopedias relixiosas ou non, versións de novelas de aventuras como Aleksandrija ou a historia de Troia, etc. Entre os textos civís figuran crónicas, textos xurídicos, documentos comerciais, cartas particulares, etc. A primeira das crónicas conservadas é a chamada de Néstor (s XI). O monumento literario máis importante da Rusia de Kiev é, sen dúbida, Slovo o polku Igoreve (Canción das hostes de Igor, finais do s XII). Esta obra e as crónicas sobresaen no panorama da literatura rusa incipiente, que viu a súa maduración interrompida pola invasión tártara. A lingua escrita era, neste período, a eclesiástica, pero nas obras que tiñan un carácter máis marcadamente laico deixábase notar a influencia do ruso falado e da literatura oral. Logo da invasión dos tártaros, a vida intelectual rusa experimentou unha certa decadencia; non obstante, as capitais dos principados máis importantes mantiveron unha produción literaria, e aos tipos de textos preexistentes engadíronse relatos sobre a invasión inimiga, como Zadonščina (Alén do Don, 1383?). Cómpre salientar o aumento dos elementos laicos na lingua escrita do s XIII e do inicio do s XIV. No final deste mesmo século e no inicio do XV comezou un renacemento da literatura baixo a influencia bizantina e eslava meridional. O s XVII constitúe a transición cara á literatura moderna, coa entrada da cultura europea, en xeral cun certo atraso. O carácter fundamentalmente eclesiástico da literatura comezou a retroceder perante as novelas de aventuras e de amor e da sátira. Tamén naceu a poesía culta, aínda que moi primitiva. Durante o primeiro terzo do s XVIII, a literatura rusa continuou as tradicións do século anterior. Axiña, con todo, co reinado de Pedro I, as influencias occidentais foron absorbidas con moito interese e rapidez. En pouco máis dun século os rusos acadaron o nivel da evolución cultural europea. O clasicismo e o romanticismo atoparon a súa versión rusa. A traxedia, onde destacou A. P. Sumarokov, a oda, con M. N. Lomonosov, e a sátira, con A. P. Sumarokov, D. I. Fonvizin e A. D. Kantemir, son os tres xéneros que teñen un desenvolvemento máis importante. A presenza da historia nacional entre os temas utilizados pola traxedia, que en Europa bebía case exclusivamente da historia clásica, e o desenvolvemento da sátira son trazos diferenciais do clasicismo ruso. V. K. Tredjakovskij e M. N. Lomonosov foron os creadores da poesía silábico-tónica, que representou un paso decisivo para a evolución da poesía culta rusa. O paso entre o clasicismo e o prerromanticismo na poesía, marcouno D. R. Deržavin. Ao inicio do s XIX as polémicas entre os diversos grupos literarios centráronse principalmente en discusións sobre a linguaxe literaria. Os puristas como A. A. Sakhovskoj (1777-1846) defendían as raíces eslavas do ruso. Os seus contrarios na polémica, con Karamzin en primeira fila, defendían os estranxeirismos, sobre todo os galicismos, e procuraban novos camiños literarios. As décadas de 1920 e 1930 do s XIX foron unha época de efervescencia literaria. Hai unha gran cantidade de escritores considerables, e o verdadeiro xenio que lle deu o pulo decisivo á literatura rusa foi A. S. Puškin, seguido por M. J. Lermontov e N. V. Gogol’. Eles fixeron o camiño do romanticismo ao realismo e déronlle unha nova dimensión á lingua literaria. O movemento realista foi coñecido ao principio co nome de “escola natural” e nel destacaron V. I. Dal’, D. V. Grigorovic, I. A. Goncarov, I. S. Turgenev, F. M. Dostoyevskij, A. F. Pisemskij, A. I. Herzen e outros. A importante polémica entre os liberais europeístas ou occidentalistas, e os liberais nacionalistas ou eslavófilos, estalou ao redor dunha novela, M’ortvyje duši (As ánimas mortas) de Gogol’. A mediados de século, na vida cultural, capitalizada nun principio pola nobreza, incorporáronse elementos da variada clase media, que acentuaron a relación entre literatura e política. A tendencia a considerar a literatura como un instrumento ideolóxico acentuouse na segunda metade do século, sobre todo a través do cultivo do očerk, especie de relato e reportaxe ao mesmo tempo. Esta segunda metade do s XIX é a época dun florecemento extraordinario da novela rusa, que fai descubrir o país aos europeos: I. S. Turgenev, L. N. Tolstoj, F. M. Dostojevskij, I. A. Gončarov, N. S. Leskov, A. F. Pisemskij, G. I. Uspenskij, etc. Os anos que preceden á revolución e os inmediatamente posteriores caracterízanse por unha enorme ebulición literaria, e unha gran proliferación de agrupacións e tendencias. No final do s XIX e principios do XX continuaban a escribir os grandes realistas, como L. N. Tolstoj, A. P. Čekhov, V. G. Korolenko, V. V. Veresajev, A. I. Kuprin, L. N. Andrejev, etc, pero o mesmo Tolstoj buscaba alternativas, e atopábaas nunha literatura moralista e didáctica, Gor’kij puña as bases dunha literatura “proletaria” e outros escritores buscaban novas respostas fóra do realismo. A bandeira antirrealista alzárona, por exemplo, os simbolistas, nacidos como movemento da década de 1890 do s XIX. A principios do s XX, incluídos os primeiros anos tras a revolución, coexistían o expresionismo, o impresionismo, a estilización ornamental da prosa, os experimentos de prosa rítmica, a escola poética e o acmeísmo, o grupo dos cubo-futuristas, cos seus experimentos dentro do campo da linguaxe poética, deles V. V. Majakovskij, os egofuturistas, o florecemento da sátira, a poesía ‘labrega’ de N. Kl’ujev e S. A. Jesenin, etc. A revolución de 1917 produciu unha gran confusión dentro da clase intelectual rusa. Tras a guerra civil, aos poucos, os grupos e personalidades anteriores a 1917 retomaron as súas actividades, e apareceron outros novos. B. Pasternak reuniu na súa obra influencias de diferentes grupos. A tradición literaria nunca foi interrompida, malia os manifestos antitradicionais de grupos diversos. A poesía predominou nos primeiros momentos posrevolucionarios. Uns dos primeiros en celebrar a revolución foron os simbolistas. A experimentación e a exuberancia de tendencias e grupos característicos da literatura rusa do momento eran mal aceptados pola RAPP (Asociación Rusa de Escritores Proletarios), que criticaba os escritores chamados ‘compañeiros de viaxe’ (poputčiki), é dicir, aqueles intelectuais que aceptaban a nova Rusia pero que non eran comunistas, como A. N. Tolstoj, K. Fedin, M. Bulgakov, I. Erenburg, A. Grin e L. N. Sejfullina, etc. Desde o final da década de 1920 e sobre todo a partir de 1930, o estado seguiu unha liña de unificación ideolóxica, e finalmente o realismo socialista impúxose como o único método literario válido. Desta época destaca a obra de F. Gadkov, V. Kataev e do Premio Nobel M. Šolohov. Coa aparición da novela A formación dun heroe (1932-1934), de N. Ostrovskij, xurdiron outras creacións de calidade, como as de A. N. Afinogenov, I. Ehrenburg, N. Pogodin e T. Tvardovskij. Durante a Segunda Guerra Mundial, alixeirouse o control no campo literario, pero reproduciuse con forza logo de 1946 e ata a morte de Stalin. Nos anos da contenda xurdiron con forza as creacións de A. Fadeev, A. Kornyjčuc e K. Simonov. Nas décadas de 1950 e 1960, coa apertura e a maior tolerancia das autoridades, a literatura rusa coñeceu un período de renovación, caracterizado polo afondamento na análise psicolóxica, o retorno ás personaxes sinxelas da vida cotiá e o abandono dos heroes e do falseamento “optimista” da realidade e a reflexión sobre o verdadeiro estado do país. O núcleo das novas tendencias céntrase ao redor da revista Novij mir, encabezada por A. Tvardovskij, ao que acompañan V. Dudincev, E. Evtušenko, A. Ribakov e A. Voznesenskij. É tamén destes anos a aparición dunha literatura con certos trazos coincidentes co movemento contracultural do mundo capitalista e unha certa revitalización da poesía, ata que o proceso contra algúns escritores, como Sinjavskij e Y. Daniel en 1965, constituíu o punto de inflexión da política de tolerancia, motivado polo enfrontamento progresivo dos escritores co réxime soviético: o control renovado do estado sobre a opinión en xeral e a produción literaria en particular traduciuse desde a década de 1960 ata a caída do muro de Berlín (1989), no crecente número de escritores relegados a un exilio voluntario ou forzoso, como A. Solzhenicyn e o Premio Nobel de Literatura I. Brodskij. Con todo, xurdiu unha nova xeración que mantivo viva a creación literaria, onde destacaron V. P. Astafiev, V. S. Makanin, P. Nilin, etc. Moi críticas foron algunhas obras de V. Nekrasov, A. Siniavski e A. Zinóviev. A finais do s XX, no campo da ciencia-fición destacou I. Efremov, na sátira V. Pelevin e na literatura policial A. Marínina. Cómpre salientar tamén as obras de O. Ermakov, E. Limonov, V. Sorokin e Vajtin, ademais dunha das divas da literatura rusa de principios do s XXI, Tatjana Tolstaja.
-
música rusa
[MÚS]
Arte musical cultivada en Rusia. Os primeiros documentos son os manuscritos dos cantos da Igrexa Ortodoxa Rusa (ss XI-XII). Ata o reinado de Catarina II non apareceron os primeiros músicos autóctonos, como M. Berezovskij (1745-1777), D. Bortn’anskij (1755-1825) e E. Fomin (1761-1800), ao lado dos músicos franceses e italianos importados pola corte. No s XIX destacou Mikhail Glinka (1804-1857), o creador da escola musical moderna. En 1860 fundouse o denominado Grupo dos Cinco, formado por A. Borodin, C. K’ui, M. Balakirev, M. Musorgskij e N. Rimskij-Korsakov, de inspiración nacionalista, tradición continuada por A. Glazunov. De signo totalmente diferente foi a pléiade de músicos occidentalistas como Anton Rubinstein, P. I. Čajkovskij, S. Rakhmaninov. O moscovita Aleksandr Skr’abin (1872-1915) fixo un intento de síntese entre a música e a filosofía e foi un dos primeiros precursores da música contemporánea. A principios do s XX a música rusa situouse no centro do panorama mundial con Igor Stravinskij e S. Prokof’ev, descubertos por Diaghilev. Baixo as directrices do realismo socialista traballaron o mesmo Prokof’ev, N. M’askoviskij (1881-1950) e D. Šostakovic. Os compositores máis coñecidos do s XX son D. Kabalevskij (1904-87), E. Denisov (1929), A. Volkonskij (1933) e S. Slonimskij (1932). O prestixio da música rusa comezou no século pasado a partir das grandes creacións de ballet e dalgúns grandes intérpretes, especialmente no inicio do s XX, con V. Nižinskij e A. Pavlova. Durante o s XX destacaron os coros militares, que mesmo actuaron fóra das fronteiras do seu país. No campo da ópera, entre outros moitos nomes, cómpre salientar o labor de Elena Obraztsova e Zurab Zoktilava, ademais de músicos xa consagrados, como A. Burikov, Lev Malovski e Guenadi Ziubenko; ou novos talentos, como Katya Guineva, Irina Krasotina e Piotr Novikov. Coa desaparición do réxime comunista, a revolución na ópera rusa contemporánea produciuse nun dos seus escenarios emblemáticos, o Bolshoi, coa estrea da ópera Os fillos de Rosenthal, de L. Desgatnikov, que provocou unha forte polémica. Noutros ámbitos musicais, cómpre salientar o labor de Zolotoe Kolzho na recuperación da música folk, e a masiva proliferación de grupos pop e rock que triunfan fóra das fronteiras rusas, como o controvertido dúo Tatu.