Ryūkyū

Ryūkyū

Arquipélago de Xapón formado por 83 illas, das que 48 están deshabitadas e que forma o ken de Okinawa (2.250 km2; 1.950.828 h [2000]). A capital é Naha. Esténdese uns 1.100 km formando un grande arco desde Kyūshū, ao N, ata Taiwán, ao S. A maioría das illas grandes son volcánicas (hai 15 volcáns activos) e as pequenas, coralinas. O principal núcleo urbano é a capital, na illa de Okinawa. Destacan os cultivos de cana de azucre, batata, arroz e ananás. A poboación, resultado de migracións prehistóricas desde Xapón e China, presenta caracteres somáticos diferentes dos xaponeses. A súa lingua, con moitos dialectos e clasificada dentro do xaponés, difire moito desta e, de feito, non se dá a comprensión mutua. A importancia dada ao parentesco condicionou os seus poboamentos e a súa relixión, centrada no culto aos antepasados. Antigo reino independente, foi ocupado por China (s VII a C), da que dependeu ata 1607, cando foi invadido polos xaponeses. Ocupado militarmente por EE UU (1945), administrárono fiduciariamente de acordo co Tratado de San Francisco (1951). En 1953 restituíuse a Xapón a parte setentrional do arquipélago (Amami), e o resto en 1972.