Real Academia de Jurisprudencia y Legislación
Institución creada en 1730 cando a Junta de Jurisprudencia Práctica comezou a reunirse en Madrid aínda que se recoñeceu oficialmente mediante a Real Cédula de 20 de febreiro de 1763 coa que naceu de Real Academia de Leyes de Estos Reynos y de Derecho Público, coa advocación de santa Bárbara. Fernando VII recoñeceuna oficialmente como Academia de la Purísima Concepción e en 1826 dividiuna nas corporacións de Carlos III e a de Nuestra Señora del Carmen, máis tarde chamada de Fernando VII. María Cristina das Dúas Sicilias dispuxo en 1836 que ambas as dúas se reuniran de novo baixo a antiga advocación de Nuestra Señora de la Concepción, cambiando o seu nome en 1838 polo de Academia Matritense de Jurisprudencia y Legislación, data en que comeza un dos períodos máis fecundos da academia ata a Revolución de 1868. En 1882 recuperou o apelativo de real. En 1946 reorganizouse, e incorporouse ao Instituto de España. Dedícase ao estudo teórico e práctico da lexislación e á xurisprudencia e fomento da cultura xurídica. Ten a publicación Anales. Dividida en 12 seccións, ten académicos numerarios e correspondentes.