Real Academia de la Historia

Real Academia de la Historia

Institución fundada en Madrid, a consecuencia do desenvolvemento dun parladoiro sostido regularmente desde 1735 por varios eruditos madrileños no domicilio de Julián de Hermosilla, avogado dos Reais Consellos, para falar sobre temas de historia. Esta xuntanza, que os agrupaba baixo o nome de Academia Universal, foi transformada por Filipe V na Real Academia de la Historia (1738). Inicialmente reuniuse na Biblioteca Real e en 1773 trasladouse á Casa de la Panadería, onde permaneceu ata conseguir un emprazamento definitivo en 1871, a Casa del Nuevo Rezado. O seu obxectivo foi o de crear un espazo para debater sobre os asuntos históricos, en especial os do propio país. A súa actuación desenvólvese a través das comisións de Indias, Historia Eclesiástica, Antigüedades, Estudios Clásicos, Cortes y Fueros, Estudios Orientales y Medievales, Publicaciones, Heráldica, Correspondientes, Hacienda y Gobierno e Mixta de las Reales Academias de La Historia y de Bellas Artes de San Fernando. Destacan o Gabinete de Antigüedades, a Biblioteca e o Departamento de Cartografía y Artes Gráficas. Está incorporada ao Instituto de España e conta con académicos numerarios e correspondentes. Foi declarada BIC (1945).