Real Academia Galega

Real Academia Galega
Nome científico: [RAG]

Institución constituída de iure o 30 de setembro de 1906 no salón de actos da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos da Coruña, aínda que os seus estatutos xa se presentaran o 12 de outubro de 1905 -en 1895 houbo un antecedente próximo na constitución da Comisión Xestora para a creación da Academia Galega sobre a base da sociedade Folklore Gallego, presidida por Emilia Pardo Bazán-. Pero, con todo, o xermolo da fundación da RAG partiu da sociedade emigrante preocupada por reivindicar a identidade propia da cultura galega, que en 1905 fundou en Cuba a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega de La Habana por iniciativa, principalmente, de Xosé Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, quen presidiu a entidade. En xullo de 1905, Curros Enríquez enviou unha comunicación a Manuel Murguía na que lle informa que foi designado, xunto con outros galeguistas, para proceder “á la creación y constitución, conforme á los Estatutos que Vds. crean mejores, de la Academia Gallega que ha de formar el Dicionario y Gramática de nuestra lengua”. Aínda que tal como se indica, a primeira preocupación desta corporación foi a codificación do idioma tanto no plano gramatical como no lexical, tampouco deixou de lado as cuestións literarias, arqueolóxicas e históricas, porque se necesitaba unha Institución que acelerase o rexurdimento global da cultura de Galicia. Con todo, a Academia intentou materializar o proxecto do dicionario co comezo da redacción dun Dicionario gallego-castellano (1913-1928) -interrompido na entrada “cativo”- e non proxectou a redacción dunha gramática ata a época da presidencia de Francisco Fernández del Riego. A Academia Galega, a segunda Academia da Lingua máis antiga de España, converteuse en Real o 25 de agosto de 1906 cando Afonso XIII aprobaba os primeiros estatutos e lle concedía este título. A primeira etapa da Real Academia Galega (1906-1923), marcada pola presidencia de Manuel Murguía (4/9/1905-2/2/1923), non estivo exenta de polémicas e enfrontamentos, xa que foi o centro das tensións intelectuais e persoais deses anos. M. Murguía dotouna, desde o 20 de maio de 1906, do seu órgano oficial e científico: Boletín de la Academia Gallega, que, desde o número cinco e ata decembro de 1980 (nº 360), pasou a denominarse Boletín de la Real Academia Gallega e, a partir de 2000, Boletín da Real Academia Galega (nº 361). A segunda etapa (1923-1936) estivo presidida sucesivamente por Andrés Martínez Salazar (12/5/1923-6/10/1923), Francisco Ponte Blanco (31/3/1924-23/8/1926), Eladio Rodríguez González (20/11/1926-4/3/1934) e Manuel Lugrís Freire (28/4/1934-20/8/1935). Tras a morte de Martínez Salazar pasou por un período de inactividade académica que provocou as críticas da prensa e de sectores nacionalistas que lle reprochaban a súa falta de compromiso coa sociedade galega -deste descontento e desconfianza cara á institución como defensora da cultura galega xurdiu o Seminario de Estudos Galegos-. Despois da renuncia de E. Rodríguez, que coincidiu co nomeamento como académicos numerarios de Afonso R. Castelao e Antón Villar Ponte, presidiu a Academia Manuel Lugrís Freire, quen iniciou un proceso renovador con artistas e ideólogos de filiación nacionalista. Con todo, a chegada da Guerra Civil interrompeu esta liña e provocou o inicio dunha etapa de traxectoria irregular (1936-1977). Entre 1936 e 1940 a RAG sobreviviu coa constante dúbida de que aparecese un decreto de supresión ou extinción da Institución, xa que formaban parte dela ex-deputados republicanos como Afonso R. Castelao e Otero Pedrayo. O novo presidente da Academia, Manuel Casás Fernández (13/12/1942-19/6/1944 e 15/10/1944-30/7/1960), tivo que pactar coas autoridades franquistas a supervivencia da Academia. Ingresaron, por consenso, como numerarios persoeiros galeguistas como Xesús Carro, Filgueira Valverde, Bouza-Brey e López Cuevillas, pero tamén outros numerarios nada comprometidos con Galicia; ademais, a RAG viuse obrigada a asumir o nomeamento de F. Franco como presidente honorífico. Despois dunha nova, pero curta, presidencia de E. Rodríguez (19/6/1944-15/10/1944), ocupou o cargo S. Martínez-Risco Macías (9/10/1960-24/9/1977), quen intentou volver impulsar o obxectivo de elaborar unha gramática e unhas normas ortográficas, pero o grande atraso dos estudos filolóxicos galegos e a inercia da Academia impediron a súa consecución. Con Sebastián Martínez-Risco revitalizouse a Academia con novas incorporacións: Antonio Fraguas Fraguas (1956), R. Carballo Calero (1958), D. García-Sabell (1959), F. Fernández del Riego (1960), Álvaro Cunqueiro (1963), Ánxel Fole (1963), Álvarez Blázquez (1964), X. Taboada Chivite (1965), Ramón Piñeiro (1967), Rafael Dieste (1970), Marino Dónega (1973) e R. Martínez López (1976). Mais a falta de recursos, organización e mesmo entusiasmo, engadido á forte presión política, impediu deseñar estratexias culturais. Foi nesta etapa cando se produciu o traslado, grazas ás xestións de Martínez-Risco e Xulio Rodríguez Yordi, desde as dependencias municipais de María Pita á sede da rúa Tabernas, doada pola filla de Emilia Pardo Bazán. En 1963 instaurouse o Día das Letras Galegas, promovido por F. Fernández del Riego e asinado por outros académicos, que acadou unha gran repercusión sociocultural nas décadas de 1960 e 1970 pola situación de prostración do galego. En 1970 a RAG redactou unhas breves Normas ortográficas do idioma galego (1970), que foron completadas en 1971 coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Despois presidiu a institución Domingo García-Sabell (6/11/1977-29/6/1997). A integración de novos académicos, como Constantino García e Carlos Casares, permitiu que García-Sabell contase cun equipo de colaboradores do que tamén formaron parte Ramón Piñeiro e Marino Dónega. Xuntos programaron unha estratexia cultural na que a RAG debería atender case en exclusiva á defensa, fixación, protección e difusión do idioma galego. Ao pouco tempo, García-Sabell foi designado delegado do goberno en Galicia, feito que alterou un dos principios básicos da RAG: a súa independencia política. Ademais, as novas responsabilidades do presidente foron en detrimento da súa dedicación á RAG, aínda que a conxuntura sociopolítica dese momento era moi favorable para os intereses da Academia. O Estado das autonomías impulsaba e favorecía unha estratexia cultural en favor das identidades e era a institución da RAG a que debería impulsar ese obxectivo. Ao non se aproveitar esa conxuntura apareceron institucións como o Consello da Cultura Galega e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que ocuparon o espazo que lle debía corresponder á RAG. Esta negativa situación provocou unha anemia económica da institución e a súa incapacidade para realizar proxectos programados, a caída da súa imaxe pública e unha desafección social. A pesar das dificultades, na RAG producíronse algúns feitos relevantes, como: a) o acordo, en 1982, entre a RAG e o ILG en materia de Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego; b) o recoñecemento da RAG na Lei de Normalización Lingüística (LNL) como a institución valedora para marcar os criterios do uso correcto do galego; c) a creación, promovida polo académico C. García González, do Seminario de Lexicografía (no que se elaborou o primeiro dicionario monolingüe da RAG e, a partir de 1990, se publicou a revista de investigación científica sobre a lingua galega Cadernos de Lingua) e do Seminario de Sociolingüística (que realizou o Mapa sociolingüístico galego). Tras a dimisión de García-Sabell foi nomeado presidente F. Fernández del Riego (29/11/1997-29/11/2001), que iniciou un proceso de apertura na historia da RAG: tomaron posesión algúns académicos elixidos con bastante anterioridade -Franco Grande, Xaime Illa, Ramón Lorenzo e outros-, nomeáronse novos académicos entre escritores e intelectuais procedentes de diversos estamentos e aprobouse o proxecto de redacción dunha gramática. Tamén comezaron a nomearse correspondentes de Galicia e de fóra,non só lingüistas senón tamén algún xeógrafo, historiadores, etnógrafos ou médicos, o que reflicte a apertura social da RAG. Esa política continuou co seguinte presidente, Xosé R. Barreiro Fernández (20 de decembro de 2001), que nomeou correspondentes das comarcas estremeiras con Galicia de fala galega: Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas de Zamora, e tamén o val do Ellas en Cáceres. Durante esta presidencia tamén se elaborou o texto Propostas da Real Academia Galega ao Goberno e mais ao Parlamento de Galicia (aprobadas no plenario de 8 de setembro de 2001), en que se recollen as medidas inaprazables para acadar a normalización social do galego. Os primeiros estatutos da RAG databan de 1906 (Real Decreto de 25 de agosto), promovidos pola Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega de La Habana, pero foron actualizados e adaptados á realidade da nova sociedade galega, amparada, sobre todo, no Estatuto de Autonomía e na aprobación da LNL (15 de xuño de 1983). Por ese motivo desde 1985 a RAG puxo en marcha unha profunda renovación, entre outras cousas, dos seus estatutos (que, por diversas circunstancias, non deu culminado ata o 25 de febreiro de 2000 no Real Decreto 271/2000 do 25 de febreiro) e do novo Regulamento de Réxime Interno, aprobado en sesión de 4 de novembro de 2000 e referendados na do 13 de xaneiro de 2001. Segundo o novo estatuto que rexe a RAG, esta é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego. Son finalidades da RAG: a) establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, do Parlamento de Galicia, principalmente: 1. A elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica; 2. O inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso. 3. A modernización e actualización do léxico; b) estudar e propor a restauración da onomástica galega; c) velar polos dereitos do idioma galego; d) defender e promover o idioma galego; e) asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social; f) estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da institución; g) decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. En canto á súa organización, está composta por académicos de honra (aquelas persoas que teñan prestado valiosos servizos a Galicia nos ámbitos dos que se ocupa a institución), de número ou numerarios (trinta, elixidos polo Pleno) e correspondentes (sesenta, nomeados polo Pleno, pero sen participación nos órganos de goberno). Os órganos de goberno son colexiados (o Pleno, constituído polos académicos de número, e a Comisión Executiva) e unipersoais (o presidente, o secretario, o tesoureiro, o arquiveiro-bibliotecario e o vicesecretario). A Academia dispón dunha Biblioteca e dun Arquivo -creados en 1905 e dirixidos por Antonio Gil Merino, sucesor de Xoán Naya Pérez-, e dun Museo, constituídos polos fondos que lle son propios e polos que poida acadar por compra, doazón, legado ou depósito. A RAG consta, en principio, das seccións de Lingua, Literatura e Historia, cada unha delas constituída por grupos de traballo ou seminarios. En 2005, na sección de Lingua, funcionan os Seminarios de Gramática (creado en 2000 e dirixido por Rosario Álvarez Blanco), Lexicografía (creado en 1983 e dirixido por Constantino García de 1983 a 1997 e por Manuel González González desde 1997), Sociolingüística (creado en 1990 e dirixido por Guillermo Rojo desde 1990 a 1994 e por M. González González desde 1994), Onomástica (creado en 2001 e dirixido por Antón Santamarina Fernández) e o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en lingua galega (TERMIGAL, creado en 1996 e dirixido por M. González González). A sección de Historia creouse en 1998 e está dirixida por X. R. Barreiro Fernández e a sección de Literatura creouse en 1998 e está dirixida por Xesús Alonso Montero.