Sá Bravo, Hipólito de
Polígrafo. Cursou a carreira sacerdotal en Herbón, que tivo que abandonar por motivos de saúde. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidad de Salamanca e diplomado en Letras pola Universidad de Madrid, foi profesor de música e de historia da arte medieval. En 1969 organizou a I Exposición do Románico do Baixo Miño e en 1978 fundou o Grupo Cultural Amigos del Románico, do que foi director. Realizou numerosos estudos sobre a arte románica e o monacato en Galicia, e foi director de diversas agrupacións musicais como a Escolanía do mosteiro de Santa Cruz del Valle de los Caídos, a Coral Polifónica e o Coro Encantiños do Umia, de Caldas de Reis, e a Masa Coral Polifónica de E. D. de Pontevedra. Colaborador de numerosas publicacións, das súas obras destacan El Monacato en Galicia (1972, Premio Daniel de la Sota), La cultura del románico en Galicia (1972), Rutas del Románico en la provincia de Pontevedra (1973, Premio Daniel de la Sota), Comarcas históricas de la provincia de Pontevedra (1976, Premio Daniel de la Sota), Influencias del Camino de Santiago en la cultura y el arte de Galicia (1977), La cultura del románico en Galicia (1983), Boticas monacales y medicina naturalista en Galicia (1983) e Creencias del costumbrismo religioso en Galicia (1991). Foi correspondente da Real Academia Galega, da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e membro do Centre Européen de Recherches sur les Congregations et Ordres Monastiques (CERCOM). Recibiu a Medalla Castelao (1994).
Cronología
- 
                        NacementoLugar : Pontevedra
- 
                        DecesoLugar : Vigo
