sabino -na

sabino -na

(< lat sabīnu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Sabina ou aos sabinos.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo sabino.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo antigo de Italia central que, na época histórica, habitaba o territorio comprendido entre o Tíber, o Nera e a Aniene coas cidades de Reati (Rieti), Nursia (Norcia), Amiternum (preto de L’Aquila) e outras. Semella que ten a mesma orixe ca o pobo samnita. Vinculado coas orixes lendarias de Roma, a partir do ano 295 a C foi anexionado á urbe e obtivo a cidadanía romana. Crese que a súa lingua tivo unha influencia notable sobre o latín.

  4. s m [LING]

    Dialecto do grupo sabélico que se falaba entre o Tíber e os Apeninos e que rapidamente foi absorbido polo latín. Só se coñece a través de glosas.

  5. rapto das sabinas [MIT]

    Episodio lendario de Roma. Necesitada de ter habitantes, a cidade de Roma organizou uns xogos en honor do deus Neptuno Ecuestre aos que invitaron aos pobos veciños. No seu transcurso os mozos romanos apoderáronse das mulleres sabinas para contraer matrimonio. Isto provocou un enfrontamento cos sabinos que rematou nunha alianza pola que estes podían habitar en Roma xunto cos romanos aínda que conservaban o seu rei e o seu senado. O tema foi representado, entre outros pintores, por P. P. Rubens, N. Poussin, G. Tiépolo e J. L. David.