sacerdocio
(< lat sacerdotĭu)
-
s
m
[HIST/RELIX]
Oficio ou dignidade de sacerdote. É unha institución común a todas as relixións, exercida de diversas maneiras que forma parte da actividade social dun grupo. Aínda que nun principio non parece que fora un servizo específico dunha caste, comezou a ser exercido por reis, xefes de tribo ou de familia que máis tarde, para exonerarse de múltiples responsabilidades, delegaron en persoas con dedicación plena. A proliferación do politeísmo levou a unha posterior especificación sacerdotal, non só polo que respecta aos cultos e aos santuarios, senón tamén ás funcións (augures, sacrificadores, cantores). Isto deu orixe ás castes e ás familias sacerdotais. O oficio supuña unha esixencia ritual ou consagración diversa das condicións de pureza esixidas ao individuo á hora de cumprir o rito. Outra categoría de sacerdocio, igualmente primitiva, provén da capacidade especial dalgúns individuos (curandeiro, adiviño, feiticeiro, exorcista, profeta) e da posibilidade superior de entrar en contacto coa divindade por medio de prácticas extáticas e técnicas de posesión (chamanismo) ao servizo da comunidade (afastamento de andazos, demanda de chuvias). Non sempre aparecen claros os límites entre o sacerdocio institucional e o carismático. Entre os hebreos primitivos o sacerdocio profesional tampouco existía. As diversas familias sacerdotais (de Moisés, Arón, Elí, Sadoc, Leví) foron unificadas pouco a pouco, non sen pasar dificultades. No cristianismo, o sacerdocio é un fenómeno máis complexo. Non foi ata ben entrado o s II cando apareceu un retorno aos símbolos veterotestamentarios do sacerdocio para explicar a función dos ministros do culto. Fronte á consolidación do sacerdocio como estamento social, minuciosamente definido e xerarquizado, Lutero insistiu no sacerdocio dos fideis (que todo cristián posuía polo bautismo) e, negaba o carácter sacrifical da eucaristía, rexeitando o sacerdocio ministerial.
-
s
m
[HIST/RELIX]
Exercicio dunha profesión ou dun ministerio que esixe unha alta virtude.
-
s
m
Conxunto dos sacerdotes dunha rexión ou dunha relixión determinada.