Saco Arce, Xoán Antonio
Gramático e escritor. Comezou os estudos de bacharelato no Instituto de Ourense e rematounos en Santiago de Compostela (1850), onde en 1951 iniciou na súa universidade os estudos de teoloxía pero, clausurada a facultade compostelá, houbo de continualos no Seminario Conciliar de San Fernando de Ourense (1851-1854) e posteriormente concluílos na cidade compostelá (1858), onde tamén se graduou (1866) en Filosofía e Letras. En 1861 foi ordenado presbítero e en 1862 cursou estudos de doutoramento en Sagrada Teoloxía na Universidad de Madrid, sen deixar de estudar ao mesmo tempo francés, italiano e alemán. En 1863 conseguiu a cátedra de Lingua Grega de ensino medio e foi destinado primeiramente ao Instituto de Castelló de la Plana, pero pouco despois foi trasladado ao de Ourense. Coa supresión desta cátedra no bacharelato (1866), pasou a desempeñar a de Retórica e Poética e, en 1870, foi cesado deste cargo por non querer xurar a Constitución ata que en 1873 foi reincorporado ao seu posto. Dentro da súa obra destaca a súa Gramática Gallega (1868), a máis sólida das publicadas ata hai unhas poucas décadas e modelo para posteriores obras similares, tanto na estrutura como nos materiais. Saco non puido contar cun modelo de galego que dese autoridade a determinadas formas fronte a outras, polo que tomou como modelo o galego falado. O modelo que describe é o ourensán e tamén o lugués, o que non impide que sexa respectuoso coas outras variedades do galego, pois frecuentemente dá os equivalentes doutras comarcas. Isto demostra que actuaba cun criterio purista, moderadamente normativista e escrupulosamente descritivista. A súa obra literaria en galego realizouse entre 1868 e 1878. A súa importancia como poeta reside no emprego da temática relixiosa, que amplía o espectro do uso do galego e axuda a demostrar a validez da lingua para todo tipo de temas. Tamén destaca o seu papel como poeta-tradutor. Escribiu poesías en galego que apareceron recollidas ao final da recompilación da súa obra poética Poesías de don Juan Antonio Saco y Arce (1878). Nela recolle 76 poemas en castelán e 9 en galego. As composicións en galego, que inclúen tres traducións do latín (“Stabat mater dolorosa”, “A Sol salutis intimis” e “Miserere mei Deus”), son de temática relixiosa e recóllense baixo a epígrafe “Poesías gallegas”. Tamén é importante o seu papel no campo da investigación folclórica. Así en 1987 publicouse a totalidade dos estudos que realizara sobre a literatura popular galega: Literatura popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos, edición e estudo preliminar de Juan Luis Saco Cid.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Alongos, Toén -
Deceso
Lugar : Ourense